Mostrando entradas con la etiqueta ESTRUTURA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ESTRUTURA. Mostrar todas las entradas

8 jul 2011

Esferas

A esfera é o lugar xeométrico de todos os puntos que equidistan doutro punto chamado centro. Unha das características deste corpo xeométrico é que ten a maior relación entre o volume e a superficie, é dicir, o corpo de maior capacidade con menor envoltorio. Isto, que nun principio pode parecer trivial, ten numerosas consecuencias e utilidades prácticas. 

Por exemplo, o intercambio de calor dos corpos depende da superficie destes, a maior área, maior superficie a través da cal se produce a transmisión da calor. Se unha casa fose esférica, tería menos superficie, e por tanto o gasto enerxético sería menor. Un exemplo disto é o "botixo" que, aínda que non sexa totalmente esférico, aproxímase a unha esfera, co que o intercambio de calor co exterior e menor, e a auga mantense fresca máis tempo.

Outra consecuencia diso é que as pompas de xabón e as gotas de auga en caída libre son esféricas. Isto é debido a que desta maneira minimizamos a enerxía precisa para conter o fluído dentro, e así a tensión superficial repártese uniformemente para equilibrar o sistema. Pero é sempre redonda unha gota de auga? Non, só cando está en caída libre. Se, por exemplo, a gota está pousada, é máis ben achatada, mentres que se está pendurada do billa a punto de caer, a parte superior estírase un chisco ata parecerse á forma típica coa que debuxamos a gota.


Esta propiedade non é característica das gotas de chuvia, senón de calquera líquido que teñamos en situación de ingravidez ou caída libre. A masa de líquido xúntase e, debido á tensión superficial, tende a formar unha esfera, e esta esfera non se desfai en esferas máis pequenas (como podería acontecer cando tiras un balde de auga dende o alto dun edificio) debido a que non hai vento que a deforme (lembremos que o sistema de referencia inflúe na percepción, e para a gota en caída libre, ten vento empuxándoa cara arriba). Podedes ver o comportamento dunha masa máis grande en situación de ingravidez:


Finalmente, empregar a esfera como envase de líquidos tamén supoñería un aforro, xa que , ao ter a maior relación entre o volume e a superficie, precisamos a menor cantidade de material para envolvelo. O problema da esfera é que, ao contrario ca un cilindro ou un prisma non a podemos desenvolver, é dicir, non podemos obter unha esfera perfecta partindo dunha figura plana [ver pdf] e, por tanto, non poderíamos partir dunha lámina de aluminio para crear as latas.

Como podemos observar, e xa dixemos ao principio, a forma esférica ofrece certas vantaxes que outro tipo de corpos xeométricos non o teñen, vantaxes que se aproveitan en innumerables situacións.

26 mar 2011

LDK 115: Arañas xigantes

Falabamos hai un par de semanas das escalas e diciamos que son a relación matemática que existe entre as dimensións reais dun obxecto e as dimensións da representación dese obxecto no papel ou nunha maqueta. Pois hoxe, volvendo sobre o tema e coa intención de amplialo un chisco, imos falar de por que non poden existir arañas de varios metros de alto.


Para comezar, hai que dicir que se facemos un obxecto 10 veces máis grande, significa que cada unha das súas dimensións se vai multiplicar por este valor e, por tanto, o peso tamén vai aumentar. En principio, isto non presenta ningún tipo de inconveniente, pero se reflexionamos un pouco e partimos de que a resistencia dos materiais se dá mediante unha unidade de forza dividida por outra de superficie, por exemplo N/mm2 van aparecer problemas.

Imaxinemos un cubo de 10 cm de lado enriba dun piar cadrado dun centímetro de lado; se o cubo fose de xeo, tería un peso específico dun quilogramo forza por decímetro cúbico. Se dividimos o peso entre a superficie, dános que precisamos un piar cunha resistencia de 1kgf/cm2. Ao escalar a figura facéndoa 10 veces máis grande, temos un cubo de 100 cm de lado (1 m) enriba dun piar de 10 cm de lado. Se volvemos facer as contas temos que o cubo pasaría a pesar 1 000 kgf (volume: 1003 cm = 103 dm = 1 000 dm; peso: 1 kgf/dm3 x 1 000 dm), mentres que a sección resistente do piar sería de 100 cm2. Ao dividir o peso que ten que soportar o piar entre a súa superficie danos que precisamos unha resistencia de 10 kgf/cm2, é dicir, 10 veces máis, porque o peso multiplicouse por 103 mentres que a sección do piar, e por tanto a sección resistente, só se multiplicou  por 102.

Isto implica que as patas da araña non terían un aumento de sección suficiente para termar do aumento de peso do propio corpo, co que a estrutura debería ser distinta.

Se queredes algo máis de información, aquí tedes unha conferencia de @ondasolitaria na que tamén fala sobre o tema de bechos xigantes dende este e outros puntos de vista.

Fonte da imaxe: El cielo y el dedo.

18 feb 2011

Aceiro en armaduras pasivas

Nas estruturas de formigón armado empréganse barras de aceiro para que absorban a tracción, nas que facemos a seguinte distinción: por unha banda, as armaduras activas coma o formigón pretensado, no que se tensan as barras para que traballen antes de entrar en carga; e pola outra banda, as armaduras pasivas, nas que se colocan as barras de aceiro e despois se bota o formigón de maneira que o aceiro non comece a traballar ata que a estrutura se deforma. As estruturas máis empregadas en edificación son as estruturas pasivas, as activas empréganse principalmente en enxeñería civil.

Emprégase unha serie normalizada que comprende os seguintes diámetros (en milímetros): 6, 8, 10, 12, 14, 16, 20, 25, 32 e 40. Ademais, as barras que se empregan nas armaduras pasivas son corrugadas, é dicir, teñen unhas protuberancias que facilitan o traballo conxunto das barras co formigón, e existen catro tipos: B 400 S, B 400 SD, B 500 S e B 500 SD. Na nomenclatura a B indica o tipo de aceiro, aceiro para formigón armado; o número define o límite elástico en N/mm2, e a letra, a S indica que é soldable e a SD que é soldable con características especiais de ductilidade.

Na obra, é preciso distinguir as barras con facilidade, xa que un erro na colocación das mesmas pode levar consigo risco na estabilidade estrutural. Para facilitar o recoñecemento, en primeiro lugar existen uns moldes do tamaño dun chaveiro (e que moitas veces se emprega como chaveiro) cos diámetros normalizados das barras, e para comprobalos chega con aproximar esta molde á barra e comparar o diámetro, pero a experiencia acábache dando a capacidade de recoñecer os diámetros a ollo.



A outra característica, a do tipo de aceiro, coñécese grazas ao deseño das corrugas das barras segundo unha regra. Primeiro é preciso dicir que todas as barras están divididas en dúas metades que poden levar dous tipos de corrugas:

  • Corrugas paralelas / / / / / / / / / / / / 
  • Corrugas enfrontadas / \ / \ / \ / \ / \ / \ / \ /

E segundo a combinación das corrugas das dúas metades podemos distinguir os 4 tipos de aceiro:

  • B 400 S: As corrugas das dúas metades son paralelas pero non están enfrontadas.
  • B 400 SD: As corrugas das dúas metades son paralelas e ademais están efrontadas.
  • B 500 S: Por un lado teñen as corrugas paralelas, e polo outro téñenas alternas.
  • B 500 SD: As corrugas das dúas metades son alternas.


Ademais do tipo de aceiro, podemos distinguir o país e a empresa de fabricación da barra (non o ferralleiro que preparou o armado da obra) para isto abonda con fixarse nas corrugas resaltadas da seguinte maneira:

Unha corruga normal entre dúas resaltadas implica o inicio da lectura, despois poñeranse tantas corrugas normais coma correspondan ao país, no caso de España, 7, e, para finalizar, colócanse outra serie de corrugas normais, de maneira que dentro de cada país, cada fábrica de barras teña asignado un número de corrugas.



Normas UNE:
UNE 36068:1994
Barras corrugadas de acero soldable para armaduras de hormigón armado.
UNE 36811:1998 IN
Barras corrugadas de acero para armaduras de hormigón armado. Códigos de identificación del fabricante.
UNE 36065:2000 EX
Barras corrugadas de acero soldable con características especiales de ductilidad para armaduras de hormigón armado.


Imaxes: Ferros La Pobla.

12 feb 2011

LDK 97: Formigonado en tempo frío e caloroso

Denomínase fraguado o proceso químico polo cal un conglomerante adquire resistencia. Este é un proceso delicado que condiciona a calidade do futuro conglomerante endurecido, e por tanto, é un proceso no que deberemos ter especial coidado.

Un dos factores determinantes é a temperatura á que se bota o formigón, a temperatura da masa deberá estar comprendida entre 5 e 35 ºC, e a temperatura ambiente tamén ten uns límites, deberá estar entre 0 e 40ºC. Se a temperatura fose inferior, a auga do formigón podería conxelarse, e se fose superior, esta podería evaporarse, o que alteraría o proceso.

Enténdese por formigonado en tempo frío, o proceso que se realiza cando a temperatura media diaria é menor a 5ºC ou cando a temperatura media da metade do día é inferior a 10ºC. Para proceder ao formigonado nestas condicións, deberá reducirse a relación a/c, aumentaranse os quilogramos de cemento en cada metro cúbico de formigón, ou usaranse cementos de maior categoría resistente. Tamén se poderán empregar aditivos  con esa finalidade cunha autorización expresa da Dirección Facultativa.

Enténdese por formigonado en tempo caloroso, o proceso que se realiza cando se combinan a alta temperatura, a baixa humidade e a alta velocidade do vento. Para proceder ao formigonado, protexerase o formigón do sol directo, empregaranse cementos específicos ou usaranse medidas especiais.

Sexa en condicións de frío ou de calor, deberemos regar correctamente os encofrados e os elementos internos coma semiviguetas ou bovedillas para que non absorban a auga de amasado e, ademais, deberemos regar regularmente o formigón unha vez vertido.

7 feb 2011

Bielas e tirantes

Falabamos o outro día das trabes de gran canto, un exemplo de como as proporcións inflúen na maneira de calcular as solicitacións dunha estrutura.

Isto era unha pequena introdución práctica ás rexións D, ou rexións de descontinuidade. As rexións D son as estruturas ou partes dunha estrutura nas que non é válida a teoría xeral da flexión, é dicir, onde non sexan aplicables as hipóteses da flexión de Bernouilli-Navier ou Kirchhoff. Pola outra banda, están as estruturas ou partes de estruturas que si cumpren estas hipóteses e que denominamos rexións B.

Existen tres tipos de rexións D, primeiro as de descontinuidade xeométrica, é dicir, cando se produce un cambio brusco na xeometría do elemento, por exemplo unha trabe que reduce o seu canto drasticamente; o segundo tipo son as descontinuidades estáticas, aquelas que teñen cargas concentradas, por exemplo un piar apoiado nunha trabe; e por último as descontinuidades xeneralizadas, aquelas estruturas que pola súa forma ou proporcións non poden ser calculadas polas hipóteses da flexión, por exemplo, a trabe de gran canto.


Un dos métodos empregados para calcular as rexións D é o método das bielas e tirantes, pero para explicalo fai falta lembrar dous pequenos conceptos, o primeiro, as estruturas de vector activo ou articuladas; e, o segundo, que na resistencia a compresión temos en conta o formigón, e na resistencia a tracción o armado. O método das bielas e tirantes consiste en substituir, para o cálculo, a rexión D por unha estrutura articulada representante do seu comportamento; de maneira que queden dous tipos de barras, por un lado as comprimidas ás que lles chamaremos bielas, e por outro as traccionadas ás que lles chamaremos tirantes. É suficiente con substituir as bielas por cilindros de formigón, e os tirantes por barras de aceiro para realizar o cálculo da sección precisa para que resista; se o diámetro de formigón calculado colle dentro do elemento, sabemos que o elemento soporta os esforzos porque a cantidade de formigón é maior, e pola outra banda, se o aceiro resiste, é suficiente con colocar as barras aí definitivamente.

A EHE dá, en moitos casos, un exemplo de estrutura de bielas e tirantes pola que guiarnos para facer o cálculo correctamente, aquí temos uns exemplos xerais:


Para ver os exemplos que dá a normativa en elementos concretos, debedes ver o Capítulo 11: Elementos estructurales da EHE 08.

Normativa aplicable EHE 08. Artigo 24: Regiones D

3 feb 2011

LDK 93: Trabes de gran canto

Hoxe imosvos presentar un elemento de estrutura un chisco raro. Para comezar imos lembrar que unha trabe é un elemento estrutural que xeralmente soporta esforzos a flexión.


Aínda que isto non sempre é así, xa que existe un tipo de trabe, trabe de gran canto, que ten un comportamento diferente. A EHE 08 defínea da seguinte maneira:

Se consideran como vigas de gran canto las vigas rectas generalmente de sección constante y cuya relación entre la luz [distancia entre apoios], l, y el canto total [distancia entre a cara inferior e a cara superior da viga] h, es inferior a 2, en vigas simplemente apoyadas, ó a 2,5 en vigas continuas.


Por dicilo dunha maneira informal, unha trabe de gran canto é un muro que apoia sobre piares, e, igual cós muros, non traballa a flexión, senón que traballa a compresión, e a distribución das tensións internas é diferente. Na seguinte imaxe, móstranse claramente as liñas que describen os esforzos da trabe de gran canto:


En realidade é un elemento bastante estraño e difícil de atopar nunha obra cotiá. Pero é interesante facer esta pequena reflexión para darnos conta de que ao variar as proporcións dun elemento, pode variar totalmente o seu comportamento ante as mesmas solicitacións.

Normativa aplicable: EHE 08. Artigo 63.

25 ene 2011

LDK 89: Estruturas fronte aos incendios

Que estrutura aguanta mellor fronte a un incendio, unha de aceiro ou unha de madeira? A maioría da xente contestará intuitivamente que o aceiro, por iso de que o metal non arde. Na realidade iso non é certo, xa que é a madeira a que ten un mellor comportamento ante os incendios, vexamos o porqué.

En primeiro lugar, hai que destacar que o aceiro é mellor condutor, polo que toda a estrutura colle calor rapidamente e facilita a propagación do incendio. Isto coa madeira non pasa, xa que se arde por un estremo, o outro estremo mantense intacto. Isto é facilmente comprobable se termas dun racho por un estremo mentres arde polo outro.


Outro factor determinante é a resistencia de ambos os dous materiais ante a calor, por un lado, o aceiro, a medida que o quentamos por enriba dos 400 ºC, perde moita resistencia. Nisto tamén inflúe que as estruturas de aceiro se montan mediante perfís laminados que teñen moi pouca sección, co que a diminución de resistencia é máis rápida. Pola outra banda, a madeira só perde certa elasticidade ao perder parte da auga da súa composición, ademais, a medida que se vai queimando, vaise creando unha capa carbonizada que lle axuda a protexerse das lapas, co que a perda de resistencia é moi lenta.

Por tanto, se queremos unha estrutura de aceiro resistente fronte aos incendios, é recomendable protexela cun material illante e incombustible coma, por exemplo, un revestimento de morteiro. Está claro que aínda que a maioría das mortes nun incendio son por asfixia, unha alta resistencia da estrutura facilita os labores de salvamento chegando, incluso, a non perder a edificación.

Nota: Na imaxe pódese observar que a estrutura da cuberta aínda se mantén en pé, mentres que as reixas metálicas están todas retortas debido á calor.

Imaxe: Faro de vigo.

1 ene 2011

LDK 79: Muros pantalla

Hai unha temporadiña falabamos dos baleirados de terra, e diciamos que as escavacións non se poden facer verticais porque se derruba a terra, explicamos en que consistía a escavación por "bataches". Esta non é a única opción, e tamén existen outras solucións coma os muros pantalla.

Para construír os muros pantalla, primeiro realízase un pequeno muro guía de aproximadamente un metro de altura a ambos os dous lados da gabia que queremos realizar para construír o muro pantalla, e que, por un lado, evita que caian as terras da parte superficial da gabia cando facemos o baleirado, e por outro, serve de guía para a culler que fai a escavación. A continuación procédese á escavación, se o terreo ten pouca resistencia, engádenselle lodos bentoníticos, é dicir, uns líquidos especiais que fan presión e evitan que a terra se derrube. Neste vídeo podedes ver unha escavación do muro pantalla sen muro guía no que empregan lodos bentoníticos. A escavación faise en tramos curtos que por un extremo limitan co muro xa feito, e polo outro nun tubo que se coloca especialmente para que quede unha forma acantilada.


A continuación colócanse as armaduras, vértese o formigón que despraza os lodos que se recollen para volver empregar, e fáiselle unha viga de coroación para que traballe solidariamente todo o muro. Cando o formigón endureceu o suficiente, xa se pode escavar o recinto que limita o muro pantalla, e será este o que evite que o terreo se derrube, a medida que se vai escavando, é preciso facer ancoraxes para evitar que dea a volta. 

Esta técnica emprégase moito en edificación, nos edificios entre medianeiras realízase a escavación sen invadir terreo alleo e o propio muro suxeita as cimentacións das edificacións adxacentes.

Normativa aplicable: EHE-08.

27 dic 2010

Seguridade estrutural

O Código Técnico de la Edificación é a normativa que establece as directrices e valores que se deben tomar para construír un edificio. Os cálculos estruturais dun edificio trátanse nun subapartado do documento básico Seguridad Estructural que se chama Acciones en la Edificación. As accións son os esforzos aos que está sometida a estrutura, e divídense en tres grupos: accións permanentes, accións variables e accións accidentais.

As accións permanentes vólvense dividir en tres subgrupos: o peso propio, o pretensado e as accións do terreo. O peso propio é o peso da edificación, é dicir, o peso das vigas, piares, tabiquería, fachada... e os pesos póñense en función das medidas predominantes na forma do elemento, por exemplo, nun piar o peso será puntual, nunha viga ou nunha fachada será lineal e o peso do forxado será superficial. Hai que destacar que se a tabiquería -que en principio debería ter unha carga lineal- cumpre unhas determinadas características de peso e distribución tómase superficial, é dicir, calcúlase mediante unidade de peso dividida por unidade de superficie. O pretensado é o esforzo que se lles aporta ás estruturas activas, que tamén se deberá ter en conta. E por último, dentro das accións permanentes, as accións do terreo, as que son derivadas do empuxe do mesmo, tanto as que se deben aos seus desprazamentos ou deformacións, coma as que son debidas ao seu peso propio.

O segundo grupo son as accións variables. A primeira é a sobrecarga de uso, que recolle dende o peso das persoas que ocupan ou poden ocupar o edificio, ata a distribución dos materiais almacenados para ser colocados, pasando polo peso dos estantes dunha biblioteca -un peso nada desprezable-, o das caldeiras e maquinaria en xeral, etc. Despois están as accións sobre varandas e elementos divisorios, estes elementos deberán soportar un empuxe horizontal para garantir a seguridade das persoas, xa que se isto non se tivese en conta na varanda dun balcón, calquera podería caer ao apoiarse nela. Outra acción é a do vento, que pode dar problemas en edificios de gran altura, xa que pode ser moita a superficie que teña que soportar este empuxe coa consecuencia dunha gran forza resultante; evidentemente, os valores variarán en función da localización do edificio. As accións térmicas son as producidas pola variación de volume dos elementos debido á variación de temperatura; valorade a diferenza de temperatura que sofre unha fachada un día claro de inverno no que lle está dando toda a tarde o sol e que despois pola noite a temperatura é negativa. A última das accións variables que contempla o CTE é a neve, que igual có vento, o valor varía en función da localización do terreo. Intuitivamente o valor desta acción é pequeno, pero, nalgunhas capitais de provincia, a norma chega a esixir unha carga estimada de 100 kg/m2. Hai un vídeo do recente colapso da estrutura da cuberta do estadio de Metrodome en Minneapolis por unha carga excesiva de neve.



Para rematar están as accións accidentais, que poden ser debidas a sismo, a incendio ou a impacto, accións que teñen unhas características especiais por non poder ser predicibles. Ademais das mencionadas, hai outra subcategoría, a de outras accións accidentais, que engloba as accións específicas de certas edificacións, coma plantas químicas, laboratorios, etc.

O CTE é unha normativa de obrigado cumprimento que intenta establecer uns parámetros mínimos cunhas marxes de seguridade suficientes para que a estrutura aguante aínda que se produzan accións ou fenómenos imprevistos para os que non foi calculada.

15 oct 2010

Cimentacións superficiais

As cimentacións ou fundacións son a parte da estrutura que serve como base, a encargada de transmitir as cargas da edificación ao solo, e tradicionalmente clasifícanse en tres categorías: superficiais, semiprofundas e profundas.

A cimentación superficial é a máis simple, emprégase cando atopamos un estrato suficientemente resistente a pouca profundidade, é dicir, cando construímos sobre un terreo de calidade un elemento de pouco peso. Este grupo de cimentacións subdivídese á súa vez en zapatas e lousas de cimentación.

Unha zapata xeralmente é un prisma de formigón armado cunha das dimensións sensiblemente máis pequena cás outras dúas, e sobre o que vai apoiado un piar. As zapatas que mellor funcionan son as centradas, é dicir, nas que o centro de masas do piar cae no centro xeométrico da zapata, pero en moitos casos isto non é posible debido a que que algúns edificios van contra outros, e por non poder escavar en terreo alleo, o que se fai é arrimar o piar a unha cara da zapata para construír deste modo unha zapata medianeira. Se a zapata ten excentricidade -distancia entre os eixes do piar e da zapata- en ambos os dous sentidos, diremos que nos atopamos ante unha zapata de esquina. Na imaxe seguinte a zapata B2 é centrada, as A2, B1, B3 e C2 son medianeiras, e as A1, A2, C1 e C3 son de esquina.


As zapatas que acabamos de presentar denomínanse zapatas illadas por soster cada zapata dun só piar, pero nalgún caso no que dous piares se atopen moi xuntos, e a distancia entre zapatas sexa moi pequena, ou simplemente se solapen, constrúese unha soa á que lle chamaremos zapata combinada. Os casos nos que as zapatas de cálculo queden moi próximas pasan a ser zapatas combinadas debido a que é moito máis fácil, rápido e económico facer unha única escavación, e non encofrar as dúas por separado.

A partires de aquí, se en vez de ter dous piares nunha zapata temos máis, pasa a chamarse zapata corrida baixo piares, aínda que tamén pode ser zapata corrida baixo muro. Se temos zapatas corridas en dúas direccións será unha grella de cimentación, e se decidimos formigonar os buratos da reixa pasaremos a ter unha lousa de cimentación, é dicir, un elemento plano e continuo sobre o que se apoian os piares da edificación.


As cimentación superficiais son as máis básicas e probablemente as máis empregadas nas construcións convencionais. En posteriores entradas veremos que son e cando se empregan as cimentacións semiprofundas e as profundas.

16 sept 2010

LDK 33: EHE. Instrucción de Hormigón Estructural




A Instrucción de Hormigón Estructural é unha normativa estatal publicada polo Ministerio de Fomento e elaborada pola Comisión Permanente del Hormigón na que se establecen os requirimentos que deben cumprir as estruturas de formigón, sexa este en masa, armado ou pretensado.

A EHE determina as características dos materiais que compoñen o formigón, as súas cantidades límite, así coma os aditivos e adicións (elementos que modifican certas propiedades do formigón como son o tempo de fraguado, ou a cantidade de auga precisa para poñelo en obra, entre outros) que se permiten e con que características.

Ademais de todo isto tamén establece as condicións relativas á ferralla, tanto no formigón armado, coma no prestensado; desta maneira indica as correctas disposicións segundo o tipo de elemento do que se trate e establece unhas cantidades mínimas para o mesmo.

A EHE é unha normativa na que se mostran as esixencias e os controis obrigatorios na proxección e na execución de estruturas de formigón.

13 sept 2010

Armado según as solicitacións

Despois de falar dos tipos de solicitacións na estrutura toca explicar como se producen as roturas segundo as solicitacións, e como debería ser o correcto armado para optimizar os recursos. Antes de comezar, cómpre explicar que o formigón armado consiste na debida colocación de barras de aceiro antes de verter o formigón fresco para que despois se endureza dando lugar a un produto monolítico. Este aceiro introdúcese para soportar os esforzos de tracción, mentres que formigón se emprega para os esforzos de compresión que, debido á súa natureza pétrea, garante unha alta resistencia á compresión, e e supón baixa resistencia á tracción.

Para estas explicacións, suporemos materiais homoxéneos e regulares, xa que é evidente que se collemos elementos con perforacións ou con singularidades de deseño, as roturas serán específicas segundo a forma.

Axil
Tracción: O elemento que está traccionado rompe por un plano perpendicular á dirección da forza. É unha rotura bastante intuitiva que podemos apreciar neste video dun ensaio destructivo a tracción dunha barra de aceiro. Non é habitual que se usen piares de formigón armado para elementos sometidos á tracción pura, debido á xa mencionada baixa resistencia á tracción. É habitual que neste tipo de elementos se empreguen materiais como o aceiro ou a madeira xa que teñen unhas resistencia a compresión e a tracción semellantes.

Compresión: Aquí mostro a foto do armado dun piar convencional:


A compresión non é tan simple coma a tracción, xa que en elementos esbeltos aparece un fenómeno denominado pandeo, este fenómeno consiste nun desprazamento transversal á dirección principal da forza pasando de traballar en compresión pura, a traballar en flexocompresión, é dicir, en flexión e compresión simultaneamente.


Tras o desprazamento, nun lado aparecen esforzos de tracción que absorben as barras metálicas, estas traccións producen fendas no formigón debido a que este é un material moi pouco dúctil, é dicir, que a deformación é mínima antes da fractura.

A rotura por compresión de elementos que non pandean comeza por unhas fendas paralelas á dirección da forza, pero o realmente problemático é o pandeo das barras metálicas dentro do formigón. Este pandeo fai que o formigón "salte" e queden as armaduras á vista, esto produce dúas patoloxías: por un lado as armaduras e o formigón deixan de traballar solidariamente, e por outra, a sección de formigón é menor; unha vez chegados a este punto, o formigón tamén rompe e queda a estrutura coma a da fotografía.

Para o pandeo das barras, colócanse os estribos ou cercos, unhas barras máis delgadas cás lonxitudinais que as abrazan evitando que pandeen. Para unha correcta execución dun piar sometido a unha forte compresión é imprescindible a colocación destes estribos a moi pouca distancia.

Cortante
O cortante aparece nas trabes preto dos apoios, como xa dixemos, as gretas preséntanse a 45º, na dirección perpendicular ás traccións. A solución para evitar que isto aconteza volven ser os estribos, pero neste caso a maior acumulación de estribos no aceiro é suficiente con realizala preto dos extremos, aproximadamente nun cuarto da luz -distancia entre apoios-. Estes estribos suxeitan o formigón e minimizan os esforzos das traccións que lle afectan.

Flexión
Para ver a rotura por flexión basta con coller un lápis e apoialo sobre dúas gomas en ambos os dous extremos, facer forza no medio pouco a pouco, e observar como comezan a romper as fibras inferiores. As armaduras principais son as lonxitudinais e colócanse onde se producen as maiores traccións, marcadas na seguinte imaxe polas liñas vermellas. A liña negra fina é a trabe orixinal e a grosa é a deformada -esaxerada- despois de entrar en carga:

As traccións na parte superior aparecen cando a viga está empotrada e polo tanto non se permite o xiro nos seus extremos. A armadura lonxitudinal colócase por norma xeral ao longo das caras superior e inferior da trabe, e auméntase a cuantía de armadura aproximadamente nas zonas marcadas en vermello. Os estribos en flexión pouco fan, pero como a viga tamén está sometida a cortante -porque ten unha carga e dúas forzas debido aos apoios- colócanse espaciados pola parte central, e máis bastos nos extremos.

Torsión
A solución volve estar nos cercos, colócanse abundantes estribos que absorban as traccións producidas polos momentos torsores. A rotura preséntase helicoidal e é moi fácil de ver se collemos un xiz por ambos  os dous extremos, e xiramos cada man nun sentido até que rompa.


A conclusión que debemos sacar disto é que ao contrario do que a xente pensa, os cercos son moi importantes. Encárganse de confinar o formigón e son os que en moitos casos conseguen que este non non rompa debido ás traccións que provocan certos esforzos. 

Imaxes tomadas de aquí e aquí.

3 sept 2010

Tipos de solicitacións

Todo o que nos rodea está sometido a algún tipo de esforzo estrutural, ben sexa a cadeira na que estamos sentados, a mesa na que está apoiado o ordenador ou o brazo que terma do flexo. Os esforzos máis habituais son o axil, cortante, flector e torsor.

Comezamos co axil. O axil é un esforzo paralelo ao eixe lonxitudinal da peza. Un esforzo axil está provocado por dúas forzas que traballan en sentidos opostos, ben sexa comprimindo -por exemplo unha columna- ou traccionando -os cables dunha ponte colgante-. Se facemos unha analoxía cun corpo humano parado mentres terma de dúas bolsas da compra moi cargadas, as pernas están traballando a compresión e os brazos a tracción.

O segundo esforzo, o cortante, é o resultante de dúas tensións paralelas en sentidos opostos, por exemplo, nunha viga apoiada nun piar, o piar tende a suxeitar a viga na parte extrema, e a carga tende a baixar a viga polo vano, isto provoca a rotura por cortante preto do apoio formando unhas fendas a 45º que nos indican a dirección perpendicular ás traccións.


Continuando coa analoxía do corpo humano que terma das bolsas, este é o esforzo que tende a que se solte o brazo polo ombreiro; a columna terma, pero o peso das bolsas tende a "desencaixalo". Está claro que seguramente non é o sitio intuitivo polo que rompería debido a que hai lugares moito máis febles.

Esforzo flector é o que, dito dunha maneira un pouco bruta, tende a curvar o eixe lonxitudinal dun elemento estrutural, véxase unha regra apoiada en ambos os dous extremos á que lle poñemos unha goma no medio. Esta curvatura é debida a un momento, e un momento é unha forza aplicada a unha distancia, pero que quere dicir isto? Pois volvendo ao exemplo de antes, se o mesmo individuo das bolsas decide cargalas todas do lado esquerdo, deste modo ten a man dereita libre, pero ten o seu tronco sometido a flexión, é dicir, tende a curvarse. Supoño que estaremos todos de acordo en que para percorrer unha distancia con dúas pesadas bolsas é preferible ter o peso repartido en ambas mans, deste modo contrarréstanse o momento exercido de cada unha das bolsas, estando deste modo a columna vertebral equilibrada e sometida soamente a compresión.

Por último, a torsión é un esforzo que se presenta cando se aplica un momento arredor do eixe lonxitudinal. En construción acontece cando se apoia unha viga -denominada brochal- sobre outra, e non sobre un piar como é habitual. O peso deste brochal crea un momento que tende a retorcer a viga sobre a que se apoia dando lugar a unha deformación similar á seguinte:


Calquera estrutura máis ou menos sinxela está solicitada por estes esforzos, estando sometida a un ou varios deles. Podemos lembrar o caso das estruturas de vector activo como elementos que -na teoría- están soamente sometidos a axil, ao contrario qó caso da regra coa goma, que xa estaría sometida a cortante e a flexión.

26 ago 2010

LDK 24: Arcos

O arco é un elemento estrutural xeralmente curvo que cubre a distancia entre dous puntos fixos e traballa en compresión, a diferenza cunha viga é que esta última traballa en flexión. O arco é o elemento óptimo para traballar con elementos pétreos debido a que teñen unha gran resistencia traballando a compresión e moi baixa resistencia á tracción.

Un polígono funicular é un procedemento gráfico grazas ao que damos determinado a posición exacta da resultante de varias forzas, pois mediante este procedemento e o núcleo central podemos calcular a estabilidade dun arco, comprobando que as reaccións de cada unha das doelas (cada unha das pezas do arco) se manteñen dentro do mencionado núcleo, tamén coñecido, neste caso, como terzo central.

O arco que mellor se comporta é o denominado arco en catenaria, este arco obtense usando unha cadea suspendida por ambos extremos á que se lle dá a volta.


Estes arcos foron usados por Gaudí en numerosas ocasións. De feito, ten unha "maqueta" do templo da Sagrada Familia realizada con cadeas colgando, pero é preciso observala mediante un espello para vela de maneira definitiva.



Imaxe I.
Imaxe II.

18 ago 2010

O núcleo central

Se collemos unha barra recta e a dobramos, parte das fibras da barra estarán estirándose -traccionadas- e a outra parte encolléndose -comprimidas- quedando un plano con fibras neutras, que non estarán comprimidas nin traccionadas. Se ademais de dobrar, comprimimos forte, poderemos chegar a facer que todas as fibras estean comprimidas, aínda que unhas máis ca outras. Pois nesta entrada imos ver como calcular a tensión á que está sometido un punto concreto dunha sección transversal (corte perpendicular ao eixe lonxitudinal) dun elemento estrutural.

Para este cálculo, temos que partir dos esforzos axiles e flectores do elemento nesa sección calculados manualmente ou mediante unha aplicación informática (por exemplo o X Estructuras). Tomamos os valores dos esforzos e substituímos na fórmula xeral, se coñecemos o significado e o valor de cada un dos termos, a dificultade será minima:


σx: Tensión á que está sometido o punto.
P: Axil, carga aplicada.
A: Área da sección.

M: Momento flector nas direccións y e z respectivamente.
I: Momento de inercia nas direccións y e z.
z: Cota z do punto con orixe no baricentro da peza.
y: Cota y do punto con orixe no baricentro da peza.

Partindo de que unha forza non aplicada no baricentro, pode ser substituída por unha carga do mesmo valor e dirección aplicada no baricentro máis un momento, podemos empregar esta fórmula para achar a excentricidade máxima (é dicir, a distancia entre o baricentro e o punto de aplicación da forza) para que todas as fibras dunha sección cadrada estean comprimidas.

Para comezar, sabemos que "σx = 0", xa que é o límite; tamén tomamos o axil negativo, porque queremos que sexa compresión -isto é por convenio-. E para simplificar as operacións, calculamos cada unha das direccións por separado.



Tamén sabemos que o momento é igual á forza pola distancia, a excentricidade neste caso, "My = P * ez", lembrade, unha forza non aplicada no baricentro..., e despois simplificamos:


Despexamos ez:


E agora substituímos os valores que coñecemos:
Área: A = b* h
Inercia: Iy = (b * h3) / 12
Distancia do punto extremo da sección, onde queremos que σx sexa 0: z = h / 2


Simplificando achamos a excentricidade ez máxima para que a carga a compresión xenere soamente fibras comprimidas. Como respecto ao eixe y vai ser análgo, xa poñemos os resultados directamente:


A figura que queda é esta, a zona sombreada é na que poderemos aplicar a forza e coñécese co nome de núcleo central:


En resumo, que se aplico unha forza en compresión dentro dese rombo sombreado, todas as fibras traballarán a compresión. Se saio fora, haberá unha parte que traballará a tracción. A forma e os valores do núcleo variarán segundo a forma da peza:


As utilidades do núcleo central explicarémolas na LDK da semana próxima.

5 ago 2010

LDK 15: Estruturas de vector activo

Son un tipo de estruturas cuxos elementos están sometidos unicamente a esforzo axil (tamén axial ou normal), é dicir, que só traballan a tracción ou a compresión sen ter ningún tipo de momento flector. Para isto realízanse unhas estruturas con barras rectas articuladas nos nós, sendo o triángulo a estrutura de vector activo máis simple que existe, xa sabedes, é indeformable, se fora un cuadrilátero podería deformarse, a non ser que se triangule:



Unha das variedades de estruturas de vector activo son as cerchas, que teñen a característica de ter os pares inclinados para formar a pendente da cuberta. A seguinte imaxe corresponde a un coitelo español coa denominación dos seus elementos, e aínda que nos nós non hai articulacións puras, este tipo de ensambles si permiten un pequeno xiro suficiente para absorber as deformacións propias da estrutura:


Estas estruturas pódense complicar podendo chegar a ser tridimensionais como esta cuberta do pavillón de Melide:



15 jul 2010

LDK 06: Módulo de Young

Deformación elástica: Aquela que sofre un material que se recupera da deformación tras deixar de aplicar unha tensión. Por exemplo, as típicas gomas do pelo.
Deformación plástica: Aquela deformación permanente que queda nun material tras deixar de aplicar unha tensión. A plastilina é un caso esaxerado, pero como exemplo válenos.

Os materiais teñen ambos comportamentos, a primeira deformación queda no campo elástico, pero cando a tensión pasa dun valor -límite elástico-, pasamos a movernos no campo plástico. Non vos ten pasado de estirar unha goma elástica (as das papelerías de toda a vida) e notar ese punto no que dis "ui, paseime" e sabedes que vai quedar deformada? Ese é o límite elástico.

Pois o módulo de Young é a razón entre a tensión exercida e a deformación unitaria dun material. Esta razón habitualmente é lineal (ou case lineal) no campo elástico. O cálculo de estruturas adóitase facer sobre o límite elástico pola clara marxe de seguridade que nos ofrece.
Diagrama tensión-deformación do aceiro:

12 jul 2010

X Estructuras. Cálculo de diagramas [3/3]

Tras a instalación da aplicación e a introdución do pórtico, imos proceder á introdución de cargas e ao cálculo de diagramas.

Para comezar executamos o programa, unha vez executado clickamos sobre a icona "Abrir" (12), seleccionamos o arquivo que queiramos e dámoslle a abrir.

A partir de aquí procedemos a "Asignar acciones en los nudos" (46). Procederemos coma sempre: en secuencia poñemos os nós aos que queremos que afecte, e despois poñemos o valor das forzas X, Y ou do momento. No exemplo poñemos en Fuerza Y 3 e en Secuencia 5.

Agora toca "Asignar acciones en las barras" (47), aquí xa vos tedes que guiar polos gráficos da ventá. No exemplo poñemos Secuencia 2, Q1 20 e L1 2. No ángulo deixamos valor 90 (que sería o mesmo que "Perpendicular a la barra").

Agora xa está, xa temos o noso pórtico rematado que debera quedar tal que así:


Se no voso caso non se ven as cargas, ou quedan cortadas dá igual, é algo irrelevante, pero se aínda así non estades moi convencidos dádelle a "Escalas de Visualización" (23) e substituíde o primeiro 1 por 0,75.

Deberemos "Guardar" (13) primeiro para que nos apareza a icona de "Cálculo" (51), clicamos e sairá a seguinte ventá:


Para que nos deixe continuar co cálculo é preciso premer o botón rodeado de verde, sairanos unha ventá emerxente á que non lle faremos caso e xa nos permitirá pulsar o botón de abaixo á dereita (o simboliño de apagar/acender), clicamos nel e sairán os diagramas calculados tras unha ventá de aviso que poderemos pechar. Agora só nos queda ver os "Listado de datos" (61), "Listado de resultados" (62) e "Listado global" (63).

Ademáis disto poderemos activar e desactivar os gráficos de "Esfuerzos axiles" (65), "Esfuerzos cortantes" (66), "Momentos Flectores" (67) ou da "Deformada" (68). Estes gráficos permítennos mostrar ou non os "Valores significativos" (69).

Agora só nos queda "Exportación DXF" (70) para poder espremelo cun programa de CAD. Cando cliquemos sairanos unha ventá na que unha das iconas volverá ser igual que o que xa clicamos (70), pois volvemos darlle e xa quedará exportado.


O arquivo exportado contará con 18 capas cas seguintes características:
  • 0 Capa automática do CAD, vén baleira.
  • 01D01 Capa da deformada
  • 01M01, 01N01, 01V01 Capas cos diagramas en cor branca.
  • Unha serie de capas con nome indicando o que son
  • Serie de capas que comeza por "ENV": Diagramas de Flectores "M", Axiles "N" e Cortantes "V"
  • Serie de capas que comeza por "TXT": Valores significativos dos diagramas.

Espero que vos fose útil esta pequena guía. Se tedes algunha dúbida, corrección ou suxestión non dubidedes en escribirnos: mallandonaeira[arroba]gmail.com

10 jul 2010

LDK 04: Formigón Pretensado

O formigón, igual cós materiais pétreos, ten unha resistencia a tracción -e por tanto a flexión- moi baixa. Para aumentar a resistencia usamos formigón armado, que consiste en colocar unhas barras de aceiro (armaduras pasivas) nas partes traccionadas do elemento. O problema deste sistema é que as barras non traballan ata que a estrutura se deforma, traendo consigo micro-fisuras do material e multitude de patoloxías. 

Para resolver este problema, o francés Freyssinet patentou un sistema de armaduras activas mediante o cal se tensan as armaduras antes de poñer en carga a estrutura. Este tensado das estruturas pódese realizar antes do formigonado -pretesado- ou despois do mesmo -postesado- sendo ambos sistemas coñecidos como pretensado.
Normativa aplicable: EHE 08.