Mostrando entradas con la etiqueta froyo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta froyo. Mostrar todas las entradas

30 nov 2010

O Galaxy S de Vodafone actualízase a FroYo. Proximamente, o resto


Samsung vén de anunciar que dende hoxe, 30 de novembro, os terminais Samsung Galaxy S de Vodafone xa poden ser actualizados a FroYo (Android 2.2) dende Samsung Kies.

Para o resto de operadores que ofrecen este terminal, así como tamén para o mercado libre, a actualización liberarase nas próximas semanas.

[Actualización]: Coméntannos que xa se poden actualizar dende Samsung Kies para móbiles doutros operadores

18 oct 2010

Tethering

Denomínase tethering (ou anclaxe de rede), ao proceso de empregar un dispositivo dotado de internet móbil (xeralmente un móbil ou PDA) como pasarela para conectar outro dispositivo non móbil (portátil, computador e sobremesa...) a Internet.

Existen diferentes xeitos de facer isto, ben sexa de xeito cableado (por USB ou cable serie) ou inarámbico (antigamente a través de infravermellos, hoxe en día a través de bluetooth e mesmo creando un punto WiFi).

Os dispositivos con Android 2.2 veñen coa opción de tethering nativa

Vantaxes

O uso de tethering ten moitas vantaxes, entre as que destacan as seguintes:
  • Se un fai un uso puntual de Internet nun dispositivo como puidera ser un portátil, e ten contratada unha tarifa de datos no móbil, é a mellor opción para conectarse.
  • Se se teñen varios dispositivos con acceso a Internet en mobilidade (portátil, tablet e smartphone) e a cada un lle temos unha tarifa de datos co seu cartón SIM para sacarlle o máximo proveito, gastaremos unha chea de cartos. Usando o tethering e tendo unha tarifa que inclúa o suficiente volume de datos para todos os dispositivos, aforraremos bastantes cartos.
  • A túa conexión alternativa. Se che falla a túa conexión habitual (cable ou adsl), tes unha segunda conexión que poder usar, a través de Internet móbil, para non quedarte desconectado.
Pero non todo ían ser vantaxes. Entre as desvantaxes temos:
  • Consumo de batería. Ao usar o noso smartphone como punto de acceso veremos que o consumo de batería é moi importante, reducindo notabelmente a autonomía do dispositivo.
  • Tarifas. Non todas as operadoras permiten o tethering nas súas tarifas de Internet móbil, polo que debemos informarnos sobre o tema antes de facer uso del, non sexa que levemos unha sorpresa na factura.
MiFi vs. tethering

Dun tempo a esta parte popularizáronse uns dispostivos chamados MiFi's, que non son máis ca uns modem USB 3G que crean un punto de acceso WiFi, permitindo a conexión de varios dispostivos.

Os dispositivos MiFi caben nunha man

Logo, poderíamos preguntarnos para que queremos facer uso do tethering se dispomos dun MiFi, que soluciona o problema da multiconexión. Aquí, a resposta sería para gustos.

As vantaxes de usar tethering é que non precisa doutro dispositivo a maiores (nin ter que cargar con el, nin ter que mercalo) e que "sempre" levas contigo o dispositivo de conexion, o smartphone.

Por outro lado, a MiFi ten a vantaxe de que non agota a batería do teu móbil, que é doado de usar (premer o botón e ter internet) e é un dispositivo relativamente lixeiro.

Cal elixir? Na miña opinión, a solución MiFi é útil para un uso habitual da conexión compartida, pero para casos puntuais, o tethering abonda.

11 oct 2010

Mallando Eventos. SIMO Network 2010 (III): Entrevista a Vodafone

Despois das presentacións de servizos e produtos que fixo Vodafone durante SIMO Network, entrevistámonos con José Romero, Director de Comunicación de Vodafone.


Mallando Eventos. SIMO Network 2010 (II): Vodafone

Vista xeral do stand de Vodafone en SIMO Network 2010

Se nos segues no Twitter (se non, xa estás tardando :P), verías que cubrimos en directo as presentacións de Vodafone durante SIMO Network 2010. Foron un total de 3 eventos nos que a compañía británica presentou 2 smartphones, unha tablet e 2 novos servizos. Imos detallalos:

A Galaxy Tab

Ignacion Román, Director da Undidade de Negocio de Terminais de Vodafone, e Celestino García, Director da División de Telecom de Samsung Iberia, presentaron a Galaxy Tab, a primeira tablet que fabrica Samsung. Equipada co sistema operativo Android 2.2 (FroYo), a tablet conta cunha pantalla de 7 polgadas e pesa tan só 380 gramos, o que fai dela un dispositivo idóneo para a mobilidade, en contraposición con outras tablets maiores, de 9 ou 10 polgadas (léase, iPad), pensadas para un uso máis doméstico.

Conta con conectividade WiFi e 3G, cámara de 3 megapíxeles con flash LED (un pouco xusto para o que se ve a día de hoxe nos smartphones, non?), A-GPS, vídeo en alta definición, función teléfono... e todo o que queiramos engadirlle grazas ao basto catálogo de aplicacións do Android Market. Haberá dous modelos, un con 16 e outro con 32 GB de memoria, inda que esta poderá ser ampliada con tarxetas microSD.

Sen cinguirse máis nas especificacións técnicas (que podedes consultar acó), farei unha análise máis subxetiva. Tiven a oportunidade de probala e a verdade é que houbo química entre nós: é moi lixeira (a metade que o iPad) e adáptase perfectamente á man. A súa pantalla é do tamaño axeitado para unha navegación por blogues e webs, e xa non digamos para consultar mapas ou disfrutar de vídeos.

Neste sentido, Samsung quere que se aproveite ao máximo a calidade da súa pantalla para reprodución multimedia, polo que puxo en marcha Samsung Movies, un servizo de alugueiro de filmes en streaming durante 24 horas, que probamos sobre a rede 3G de Vodafone e funcionou moi ben, sen cortes na reprodución.

Comentar que Vodafone lanzará a Galaxy Tab o 15 de outubro e terá a súa exclusiva durante un mes.

Así se ve Mallando na e-ira na nova Samsung Galaxy Tab

Vídeos da presentación:






Vodafone Internet TV e Vodafone en tu casa táctil.

Os dous servizos presentados por Vodafone foron na liña de acadar o fogar conectado.

Vodafone en tu casa táctil

Trátase dun servizo de navegación básico por Internet vencellado á telefonía fixa de Vodafone que, a través dunha tablet de 7 polgadas deseñada pola operadora e Huawei (con patente española, non se distribúe noutros estados), permite realizar chamadas de voz, ver titulares de prensa, correo electrónico, reprodución de multimedia e información meteorolóxica, alén de poder funcionar como marco de fotos dixital. Distribuirase xunto con dous inarámbicos.

Vodafone en tu casa táctil leva unha tablet e dous inarámbicos

Vodafone Internet TV

Con Vodafone Internet TV preténdese facer da televisión o centro de ocio do fogar, aproveitando as posibilidades da TDT, xunto coa reprodución de contidos multimedia situados en computadores, teléfonos móbiles, discos duros (multimedia ou non)... ou as canles de televisión á carta dispoñíbeis en Internet, como TVE á carta.

Decodificador da Vodafone Internet TV, xunto con router, o mando e un disco duro

O decodificador que ofrecerá Vodafone está adaptado á TDT de pago e alta definición, sendo o primeiro dispositivo que combina estas dúas características. Ademais, para poder disfrutar deste servizo tan só será preciso contar cunha conexión a Internet de banda larga (3 Mb mínimo, recomendábeis 6 Mb).

Entre as súas características máis destacadas están a gravación por defecto dende 3 horas antes ao momento actual, polo que podes, por exemplo, poñer en pause unha película que estás a ver, ir a facerte uns flocos de millo, volver e continuar dende ese punto e mesmo rebobinar.

Puidemos probar ambos servizos. Sobre Vodafone en tu casa táctil dicir que pode ser un servizo acaído para persoas maiores, dado que o funcionamento é moi sinxelo e obvio, demasiado sinxelo (e con funcións moi limitadas) para alguén que navegue habitualmente por Internet. Doutra banda, Vodafone Internet TV pintou bastante ben, xa que resulta moi cómodo dispor de todo o contido multimedia do fogar accesíbel dende un único aparello. O que si, o decodificador de televisión non conta con disco duro interno, polo que é preciso contar con un que poderemos conectar vía USB, por exemplo

Preguntados pola inminente chegada de GoogleTV, dende Vodafone comentaron que non lles parece unha competencia directa, xa que o produto de Google inda vai tardar en chegar a España e, en principio, non está adaptado ao consumo de televisión do mercado español.

Vídeo da presentación de Vodafone Internet TV



HTC Desire HD e HTC Desire Z

Finalmente, presentáronse dous modelos de smartphones moi agardados: o HTC Desire HD e o HTC Desire Z, ambos con Android 2.2 e cun evolucionado HTC Sense 2.0 con novidades como HTCSense.com, unha gama de servizos conectados chamados a facilitar a experiencia de usuario.

Así, sobre o Android 2.2 base, HTC inclue novas características como FastBoot (reinicio rápido en 5 segundos), a posibilidade de etiquetar amigos nas fotos que se suben a Facebook, un flip para ver as 7 pantallas nunha soa, HTC Locations (mapas sen conexión, de balde e accesíbeis en roaming), efectos de cámara, melloras no cambio de pestanas no navegador...

Outra característica do HTCSense.com que chamou moito a atención é a seguridade. Dende a web, poderemos ter 4 níveis de alerta para casos de pérdida do noso terminal:
  • Alerta azul. Pensada para cando non sabemos onde temos o noso móbil. Dende o computador poderemos ver a súa posición aproximada (por GPS) e facer que soe, inda que o tivéramos en silencio.
  • Alerta amarela. Para cando olvidamos o teléfono na casa. Poderemos ver dende a web as chamadas perdidas, sms... e facer desvíos.
  • Alerta ámbar: Esta alerta está pensada para cando perdemos o noso móbil e queremos mandarlle unha mensaxe á "alma caritativa" que o atope. Bloquéase o teléfono e facemos que apareza na pantalla a mensaxe que queiramos, e mesmo podemos configurar un botón para que nos chamen directamente.
  • Alerta vermella: a definitiva. Cando non funciona a ámbar, facemos un borrado total do que hai no teléfono.
Os dous novos terminais de HTC: Desire HD e Desire Z

HTC Desire HD

Ten pantalla de 4,3 polgadas e son Dolby Mobile. Grava vídeo en alta resolución de 720p. Ten unha cámara de 8 megapíxeles con doble flash... máis características acó

HTC Desire Z

Conta con teclado Qwerty con accesos directos e teclas personalizábeis. Grava tamén vídeo en 720p, pero a súa cámara é de 5 megapíxeles cun único flash... máis características acó

Pero imos coas impresións: despois de cacharrear con ambos, teño que dicir que as impresións son case que inmellorábeis en dous terminais de moi altas prestacións. O Desire HD resulta moi cómodo para o contido multimedia e a lectura, mais tamén é certo que para o meu gusto quizais sexa algo pesado de máis. Sen embargo, o Desire Z pareceume moito máis cómodo, e o feito de contar cun teclado físico (ademais con teclas configurábeis) é de agradecer.

De calquera xeito, ambos os dous terminais son altamente recomendábeis. Vodafone terá a exclusiva de ambos até despois da campaña de Nadal, a partires de aí libres.

Multimedia