Mostrando entradas con la etiqueta biodiversidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta biodiversidade. Mostrar todas las entradas

7 jun 2012

Fouling

Fouling na hélice dun barco
Fouling na hélice dun barco
Esta palabra inglesa que poderíamos traducir como ensuciado ou obstruído, úsase para designar as comunidade de seres vivos que crecen apegadas as infraestruturas humanas que están en contacto coa auga do mar, como os cascos dos barcos, tubarias, boias, etc. Tamén se usa biofouling.
Pode parecer unha cousa pouco importante pero ten unha grande importancia, sobre todo en augas “tan fértiles” coma as galegas. O crecemento do fouling provoca ganancia de peso (podendo chegar a afundir o obxecto) e deterioro do material do que está feito. Ademais nos obxectos con propulsión propia como os barcos, o fouling reduce a maniobrabilidade e a velocidade, co conseguinte aumento no consumo de combustible e perda de seguridade.
Para evitar o crecemento do fouling úsanse produtos químicos biocidas, son os coñecidos coloquialmente como “patente”. Dende os anos 70 comezouse a usar un tipo de pinturas antifouling moi efectivas cuns compostos denominados TBT ou compostos tributílicos. Estes compostos evitan a fixación das larvas, e polo tanto o crecemento do fouling, aínda que como se demostrou máis tarde, non só no barco no que é aplicado senón que ao diluirse na auga, evitan que as larvas se fixen tamén ás rochas. Ademais provoca imposex ou “sexo imposto” nos moluscos, ou sexa que a as femias desenrolen tanto o aparato sexual feminino como o masculino coa particularidade de que co tempo o aparato feminino se atrófia e os animais convértense en estériles. Dende principios dos 90 está prohibido utilizar estas pinturas en toda a unión europea e dende o 2003 está prohibida a súa utilización en todo o mundo, pero seguen a notarse hoxe os efectos destes compostos.
As comunidade típica do fouling nas nosas costas están formadas principalmente por Mytilus galloprivincialis (mexillón) e Balanus perforatus (arneirón). Aínda que estas son as especies chave, estas comunidades teñen outras asociadas como amphipodos caprélidos, anélidos poliquetos das familias Sigalionidae, Aphroditidae e Pholoidae, moluscos gasterópodos como Ocenebra erinácea, ou Nucella lapillus, moluscos nudibranquios como Facellina coronata, ascidias como Ciona intestinalis, etc
Obviamente a comunidade do fouling terá un número maior de especies canto máis tempo permaneza somerxido o obxecto. Estas comunidades teñen maior número de individuos e un crecemento máis rápido nas épocas primaverais, como acontece de xeito xeral en todos os hábitats das zonas temperadas.

10 ene 2012

A importancia da biodiversidade

Que é a biodiversidade? pero sobre todo, para que serve? son preguntas que, polo xeito no que moitas veces é utilizado este termo, semellan non ter resposta ou ter unha resposta pouco concreta, aínda cando nolo ensinaron no colexio.

Diversidade biolóxica ou biodiversidade é o conxunto de todas as formas de vida que existen na Terra, así como todos os niveis de organización que comprende (desde o xenético ao de ecosistema). Para tratar de explicar a importancia da biodiversidade, ou o que é o mesmo, para que serve, imos ver varios supostos de ecosistemas e que ocorre cando sofren unha alteración. Imos supoñer, que a alteración é prexudicial para o ecosistema e que ten como única consecuencia a desaparición dunha soa especie.

Obviamente os ecosistemas están en constante cambio. O entorno e cada un dos seres vivos están a influír nos demais alterándoos, pero os seres humanos estamos a alterar máis ecosistemas que calquera outro ser vivo, e dun xeito máis intenso e a maior escala. Así, esta “catástrofe” podería ser unha vertedura de hidrocarburos que mata todas as algas dunha zona da ribeira, ou que unha estrada impide o paso migratorio dunha das especies de aves que habitualmente poboan unha lagoa, ou que a introdución dunha especie foránea remata por facer desaparecer do monte unha carqueixa, ou que o liño transxénico sementado nunha leira se instálase no monte lindante e ocupe o espazo do liño salvaxe facendo que desapareza, ou que...

En Ecoloxía (ciencia que estuda a relación dos seres vivos entre si e co seu entorno), úsanse diversos índices para cuantificar a diversidade. Todos estes índices relacionan o número de especies coa abundancia de cada especie. Un dos máis utilizados é o índice de Shannon-Wiener. Para simplificar, non imos utilizar fórmulas matemáticas e só consideraremos 5 especies que serán representadas por símbolos simples (“●”, “■”, “▲”,“♦” e “×”). Só temos en conta os factores bióticos pero compre lembrar que os ecosistemas non só están formados polos seres vivos, senón tamén polos seres non-vivos que se atopan nun espazo determinado.

Supoñamos entón, que os “●”son depredadores, e que os “■” e os “▲”son depredados polos “●”. Á súavez os “■” e os “▲” depredan os “♦” e os “×”selectivamente, de xeito que “■” unicamente come “×”e “▲”só come “♦”. Estas relacións tróficas dan como resultado unha cadea trófica sinxela como a que se mostra no seguinte esquema.


No noso ecosistema ficticio as especies distribúense como se pode ver á esquerda da seguinte figura, estando formado por 5 especies e 65 individuos.

Poñamos por caso agora, que acontece unha “catástrofe” e a especie que desaparece é “×”.O seu depredador (“■”) perdería a súa única fonte de alimento e, polo tanto, tamén desaparecería. Como consecuencia desta“catástrofe” o ecosistema orixinal transformouse noutro diferente de só 3 especies e 35 individuos (parte dereita da figura anterior).

Despois dunha época de axuste, e supoñendo que todas as especies do mesmo rango trófico teñen a mesma capacidade de crecemento e depredación e que o depredador máis alto na cadea trófica (“●”) teña a mesma preferencia polas súas presas, os “♦” medrarían ocupando o espazo deixado polos “×”, e os “▲” ocupando o espazo deixado polos “■”, ata acadar un número de individuos igual ao inicial (65).

No novo ecosistema “post-catastrófico”, a pesar de existir os mesmos niveis tróficos e o mesmo número de individuos hai menor diversidade segundo o índice de Shannon-Wiener. Se outra alteración negativa afectase a este novo ecosistema é moi probable que desaparecese. Sen dúbida, o ecosistema desaparecería se a segunda alteración ten as mesmas consecuencias que a primeira e desaparece a especie do nivel máis baixo da cadea trófica.

Aínda que podería parecer que maior número de especies implica maior diversidade non é certo. Imos pensar noutro ecosistema, co mesmo número de especies e individuos que o primeiro (5 especies e 65 individuos), pero coa distribución da seguinte imaxe á esquerda.

Obviamente este ecosistema é menosdiverso que o anterior. Fronte a unha “catástrofe” igual á do primeiro exemplo (desaparición dos “×”), este ecosistema sofre un impacto maior. As consecuencias desta catástrofe son un ecosistema “post-catastrófico” moito menos numeroso (5 veces menos) que no primeiro exemplo, aínda que co mesmo número de especies. Polo tanto este ecosistema aínda tendo igual número de especies e de individuos é máis vulnerable fronte a determinadas alteracións.

É certo que estes son uns exemplos moi simples e pouco complexos, e que a realidade nunca é tan simple. Nin os seres vivos reaccionan de xeito tan lineal, nin as alteracións teñen un único efecto, pero con estes simples exemplos, qued apatente que un ecosistema máis diverso é un ecosistema máis forte, máis robusto e menos vulnerable fronte a determinadas alteracións.

Hoxe por hoxe chegar a comprender exactamente as complexas relacións existentes entre todos os seres vivos que conforman un ecosistema é practicamente imposible debido á súa grande complexidade. Se nin tan sequera coñecemos que seres vivos poboan o noso planeta, como imos coñecer as relacións que existen entre eles? Sen embargo, si que sabemos que calquera das nosas accións cotiás causan alteracións sobre estas complexas relacións. Reducir ao mínimo este impacto é a nosa materia pendente.