Mostrando entradas con la etiqueta incendios. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta incendios. Mostrar todas las entradas

21 mar 2011

Escaleiras e protección contra incendios

Chámaselle protección contra incendios ao conxunto de medidas que tomamos para protexer os usuarios e mais os propios edificios dos efectos do lume. Existen, igual ca nos coches, dous medios de seguridade: activos e pasivos. Activos son aqueles que funcionan como resposta ao lume: os detectores, os difusores de auga ou os extintores. Os  medios pasivos, son aqueles que retardan ou evitan a propagación do lume; por exemplo, a apertura das portas cara ao exterior para favorecer a evacuación, a distribución ou deseño dos locais ou os materiais cos que se realizan as construcións para que, dependendo da localización, non ardan, non boten fume durante a combustión ou que non se derreta e solten gotas incandescentes.

Hoxe imos falar da protección contra incendios dunha parte da edificación, quizais a máis delicada por ser unha das principais vías de evacuación, onde concorren todos os corredores: as escaleiras. Falabamos xa hai tempo das chemineas, e diciamos que traballaban por diferenza de presións, de maneira que unha gran altura facilitaba esta diferenza; tamén pedíamos que fose vertical e que non tivera obstáculos, e isto cúmpreno o oco do ascensor e o oco da escaleira que, aínda que non é un conduto perfectamente vertical, ten unha sección uniforme e ascendente sen obstáculos, e vai dende o punto máis baixo do edificio, o soto, ata o punto máis alto, o baixocuberta. Que quere dicir todo isto? Que, en principio, o fume vai ascender pola escaleira e polo oco do ascensor de maneira que, ao empregar esas vías de escape, estámonos enfrontando ao risco polo que se producen a maior número de mortes nos incendios, a intoxicación por mor fume. Para evitar isto, a escaleira constitúese coma un sector de incendio. Os denominados sectores de incendio, son aquelas estancias construídas por elementos resistentes ao lume que garanten a estanquidade fronte ao lume, durante un tempo determinado, para que desta maneira non se estenda.

Ao establecer a escaleira, ou o ascensor, como sector de incendio independente evitamos que se, polo motivo que sexa, se produce un incendio nos rochos da planta baixa, o fume ascenda polo oco. Outro método que se emprega como complemento a este, é romper a continuidade da escaleira; se nun edificio moderno de certa altura intentades subir dende o soto ata a planta de baixocuberta, é probable que nalgún momento as escaleiras desemboquen nunha porta e teñades que saír desas escaleiras para poder acceder a outras. Así, desta maneira, evitamos o fluxo continuo de fume se, polo motivo que sexa, falla o sistema polo cal se debería pechar a porta automaticamente.

Desta maneira, nunca deberedes empregar un ascensor en caso incendio, debido a que, por unha banda, se non está protexido, aínda que non pare a maquinaria, estaredes expostos a unha grande cantidade de fume. E pola outra, se si que está protexido, é para uso exclusivo dos bombeiros, sendo eles os que deban administralo.


E, para finalizar, un dos maiores atentados contra a seguridade fronte a un incendio é a típica cuña que evita que a porta  de acceso ás escaleiras se peche. Isto é un perigo, xa que no momento en que un pouco de fume entra e ascende pola escaleira, tira polo resto do fume e, por tanto, polo incendio, alimentándoo e levándoo cara a principal vía de evacuación. Non bloqueedes as portas para que queden sempre abertas.


25 ene 2011

LDK 89: Estruturas fronte aos incendios

Que estrutura aguanta mellor fronte a un incendio, unha de aceiro ou unha de madeira? A maioría da xente contestará intuitivamente que o aceiro, por iso de que o metal non arde. Na realidade iso non é certo, xa que é a madeira a que ten un mellor comportamento ante os incendios, vexamos o porqué.

En primeiro lugar, hai que destacar que o aceiro é mellor condutor, polo que toda a estrutura colle calor rapidamente e facilita a propagación do incendio. Isto coa madeira non pasa, xa que se arde por un estremo, o outro estremo mantense intacto. Isto é facilmente comprobable se termas dun racho por un estremo mentres arde polo outro.


Outro factor determinante é a resistencia de ambos os dous materiais ante a calor, por un lado, o aceiro, a medida que o quentamos por enriba dos 400 ºC, perde moita resistencia. Nisto tamén inflúe que as estruturas de aceiro se montan mediante perfís laminados que teñen moi pouca sección, co que a diminución de resistencia é máis rápida. Pola outra banda, a madeira só perde certa elasticidade ao perder parte da auga da súa composición, ademais, a medida que se vai queimando, vaise creando unha capa carbonizada que lle axuda a protexerse das lapas, co que a perda de resistencia é moi lenta.

Por tanto, se queremos unha estrutura de aceiro resistente fronte aos incendios, é recomendable protexela cun material illante e incombustible coma, por exemplo, un revestimento de morteiro. Está claro que aínda que a maioría das mortes nun incendio son por asfixia, unha alta resistencia da estrutura facilita os labores de salvamento chegando, incluso, a non perder a edificación.

Nota: Na imaxe pódese observar que a estrutura da cuberta aínda se mantén en pé, mentres que as reixas metálicas están todas retortas debido á calor.

Imaxe: Faro de vigo.