25 ene 2011

LDK 89: Estruturas fronte aos incendios

Que estrutura aguanta mellor fronte a un incendio, unha de aceiro ou unha de madeira? A maioría da xente contestará intuitivamente que o aceiro, por iso de que o metal non arde. Na realidade iso non é certo, xa que é a madeira a que ten un mellor comportamento ante os incendios, vexamos o porqué.

En primeiro lugar, hai que destacar que o aceiro é mellor condutor, polo que toda a estrutura colle calor rapidamente e facilita a propagación do incendio. Isto coa madeira non pasa, xa que se arde por un estremo, o outro estremo mantense intacto. Isto é facilmente comprobable se termas dun racho por un estremo mentres arde polo outro.


Outro factor determinante é a resistencia de ambos os dous materiais ante a calor, por un lado, o aceiro, a medida que o quentamos por enriba dos 400 ºC, perde moita resistencia. Nisto tamén inflúe que as estruturas de aceiro se montan mediante perfís laminados que teñen moi pouca sección, co que a diminución de resistencia é máis rápida. Pola outra banda, a madeira só perde certa elasticidade ao perder parte da auga da súa composición, ademais, a medida que se vai queimando, vaise creando unha capa carbonizada que lle axuda a protexerse das lapas, co que a perda de resistencia é moi lenta.

Por tanto, se queremos unha estrutura de aceiro resistente fronte aos incendios, é recomendable protexela cun material illante e incombustible coma, por exemplo, un revestimento de morteiro. Está claro que aínda que a maioría das mortes nun incendio son por asfixia, unha alta resistencia da estrutura facilita os labores de salvamento chegando, incluso, a non perder a edificación.

Nota: Na imaxe pódese observar que a estrutura da cuberta aínda se mantén en pé, mentres que as reixas metálicas están todas retortas debido á calor.

Imaxe: Faro de vigo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario