Mostrando entradas con la etiqueta pilas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta pilas. Mostrar todas las entradas

29 ago 2011

Pilas, e IV: Historia das pilas 3ªparte

Seguimos falando da historia das pilas, desde o ano 1850 até a actualidade nesta última parte do especial das pilas.

Até este momento, todas as pilas debían ser baleiradas de forma permanente cando se esgotaban os seus reactivos e as reaccións químicas que se producían no seu interior.

Isto cambia co modelo creado por Gastón Planté no ano 1859, que consistía nun trebello moi parecido ao das baterías existentes nos nosos coches. Esta pila de chumbo-ácido componse dun ánodo de chumbo e un cátodo de dióxido de chumbo sumerxidos en ácido sulfúrico. Ambos electrodos reaccionan co ácido e crean sulfato de chumbo II e liberan electróns, polo que se produce corrente. Estas reaccións pódense volver a producir se facemos pasar unha corrente en sentido inverso, xa que permite recargala.
Dado que o seu deseño era voluminoso e pesado en relación coa corrente que se podía obter, só se usou en aplicacións nas que o seu peso non é importante.



Foi xa no 1868 cando o científico Georges Leclanché utilizou cloruro amónico, no que se sumerxen os electrodos de zinc e de carbono, rodeado este dunha pasta de dióxido de manganeso. Este cátodo de dióxido de manganeso estaba rodeado dun pouco de carbono, para mellorar a súa conductividade.

Uns once anos máis tade, Gassner patentou unha variante da pila de Leclanché. Desta vez engadiu xeso ao cloruro amónico para crear unha pasta cun pouco de cloruro de zinc para prolongar a vida da pila. O cátodo de dióxido de manganeso mergúllase na pasta, estando ambos encerrados nunha carcasa de zinc, que tamén actuaba como ánodo. Desta maneira nace a denominada pila seca ou como coñecemos todos a pila comercial económica.

As ventaxas que tiñan estas pilas secas fronte ás pilas húmidas era que non requerían mantemento, non se derramaban e podían ser utilizadas en calquera posición.

Desta maneira, foi a partir do ano 1896 cando se empezou a comercializar este tipo de pilas en masa por primeira vez pola empresa National Carbon Company (NCC), hoxe en día coñecida como Energizer.

A partir deste momento, o camiño das pilas tivo unha investigación e desenvolvemento exponencial, creando os modelos que disfrutamos hoxe en día.

Os avances máis destacados neste campo non se producen até 1912, cando se empeza a investigar a maneira de facer máis lixeiras as pilas. Desta maneira chegouse a investigar co litio, que, ao ser o metal con menor densidade, ter o maior potencial electroquímico e o maior cociente enerxía-peso, sería, en teoría, un material ideal para que poidan fabricar pilas. Non foi até os setenta cando se empezaron a comercializar as primeiras pilas deste tipo.

Nos oitenta, o químico estadounidense John B. Goodenough dirixiu un equipo de investigación que produciría finalmente a batería de ións de litio, recargable e unha versión máis estable da batería de litio (o litio puro reaccionaba violentamente ao contacto cun medio acuoso). As primeiras unidades vendéronse en 1991. Nestas baterías é importante controlar os procesos de carga e descarga, xa que por enriba dos 60 graos Celsius poden explotar.



Así, decidiuse seguir investigando para arranxar este problema, que se amañou aloxando o seu electrolito nun polímero sólido composto en lugar dun disolvente líquido, e os eléctrodos e os separadores laminaronse entre si. Esta última diferenza permite que a batería poida quedar encerrada nunha envoltura flexible en lugar dunha carcasa metálica ríxida, o que significa que este tipo de baterías pode ser fabricado especificamente para adaptarse a un dispositivo en particular. Tamén teñen unha densidade de enerxía maior que as baterías de ións de litio normal. Estas vantaxes convertérona nunha batería de elección para os dispositivos electrónicos portátiles, xa que permiten un deseño máis flexible e compacto.

Antes de rematar con este especial de pilas, queremos pedirvos un favor. Unha vez consumades as pilas, non as tiredes ao colector do lixo sen máis, xa que conteñen metales pesados, como o mercurio, aínda que cada vez se trata máis de eliminalo das pilas; niquel, cadmio,..., que contaminan a auga se entran en contacto con ela. Para facerse unha idea, tan só unha pila de botón pode contaminar até 600.000 litros de auga, unha cantidade maior cá que bebe unha familia de 4 membros durante toda a súa vida. Hai puntos específicos de recollida de pilas usadas en cada concello, en distintos edificios municipais, puntos limpos e en comercios colaboradores como algunhas tendas de fotografía, de electrónica e mesmo en supermercados. Desta maneira, entre todos, podemos facer un mundo máis limpo e mellor.

5 ago 2011

Pilas III: Historia das pilas 2ªparte

Nesta terceira entrega, falarei da historia das primeiras pilas moderna, desde a pila de Volta, a pila que deu lugar á revolución destes trebellos.

As primeiras pilas modernas
A historia das pilas modernas empeza dunha maneira peculiar cara o ano 1780 na Universiade de Bolonia, onde Luigi Galvani estaba diseccionando unha ra, suxeita na súa mesa mediante un gancho de metal. No momento no que tocou a pata do animal co seu bisturí de ferro, a pata contraeuse coma se o animal estivese vivo. Galvani pensou que a enerxía que impulsara esta contracción muscular proviña da pata da ra, o que bautizou como "electricidade animal"

Mais un amigo científico de Galvani chamado Alessandro Volta non estaba de acordo con isto, xa que pensaba que este fenómeno era causado pola unión de dous metales de diferente natureza unidos por un intermediario húmido (o corpo do animal).

Desta maneira, Volta, tras investigar no caso, chegou a verificalo e construiu un trebello que estaba formado por dous pequenos discos do tamaño dunha moeda (do redor duns 3 cm de diámetro), un de cobre e outro de zinc, nun recipiente, separados uns doutros por anacos de cartón ou de feltro impregnados con auga ou salmoira. Todo o conxunto estaba sumerxido en auga salgada e noutra solución alcalina.


Máis tarde, Volta descubriu que se dispoñía estas pilas seriadas unhas con outras mediante tiras de metal conseguía unha voltaxe moito maior.

Naquel momento, isto era unha novidade incrible e Volta gozou dun grande éxito. Tal era o éxito, que por todo o mundo se empezou a experimentar e mellorar o seu deseño, cambiando disposición, reactivos,... , ainda que en contadas ocasións se chegou a dar unha mellora sustancial.

Iso si, o modelo inventado por Volta tiña un par de fallos técnicos, xa que había fugas do electrolito e curtocircuitos provocados polo peso dos discos sobre os anacos de cartón ou de feltro impregnados. Debido a isto, o inglés William Cruickshank mellorou o deseño mediante a disposición dos discos nunha caixa apilados.

Outro dos problemas que presentaba o modelo de Volta era a curta duración das pilas (sobre unha hora), o que era causado por dous fenómenos. Un deles era que a corrente producía a electrólise da disolución de electrolitos, que creaba unha película de burbullas de hidróxeno formadas no electrodo de cobre e aumentaba a resistencia interna da batería. O outro era a chamada acción local, que consistía na formación de pequenos curtocircuitos en torno ás impurezas de zinc, problema que foi resolto en 1835 mezclando pequenas cantidades de mercurio.

No ano 1836, o inglés John Frederic Daniell experimentando a maneira de eliminar o problema das burbullas de hidróxeno das pilas voltaicas, logrou atopar unha solución engadindo un segundo electrolito para consumir o hidróxeno producido polo primeiro electrolito.

Así, o seu sistema consistía dun ánodo de zinc metálico central inmerso nunha vasilla de barro poroso que contén unha disolución de sulfato de zinc. A vasilla porosa, á súa vez, está sumerxida nunha disolución de sulfato de cobre, contida nunha vasilla de cobre de maior diámetro, que actúa como cátodo da celda.


A barreira de barro era porosa, o que permitía aos ións pasar a través dela, pero impedía a mezcla das dúas disolucións.
As vantaxas que tiña este tipo de pila eran unha maior corrente, máis seguridade e unha tensión de 1.1V.

Tempo máis tarde, William Robert Grove modificou os reactivos da pila de Daniell, usando un ánodo de zinc sumerxido en ácido sulfúrico e un cátodo de platino sumerxido en ácido nítrico, separados por barro poroso. Conseguiu aportar maior corrente e unha voltaxe de case o doble da orixinal. Tiña o problema de que expulsaba gases tóxicos, que o platino era caro e que a tensión diminuía conforme se ía descargando a pila.

25 jul 2011

Pilas II: Historia das Pilas, 1ªparte.

Quen inventou a primeira pila? Seguro que moitos de vós diredes que foi Alessandro Volta cara ao 1800, mais todo parece indicar que os Babilonios se adiantaron a Volta xa no 1750 antes de Cristo.


No ano 1938 o enxeñeiro alemán Wilhelm Köning, xunto cun grupo de obreiros que realizaban a construción dun sistema de rede de sumidoiros no outeiro de Rabua, moi preto de Bagdad, atoparonse cun estraño obxecto de arxila en forma de vaso. Este obxecto tiña 15 centímetros de alto, e posuía un tapón de asfalto de onde partía cara ao interior un tubo cilíndrico de cobre de 26 milímetros de diámetro e 19 centímetros de altura. Á súa vez, do tubo sobresaía unha varilla de ferro de 1 centímetro, cuberta de chumbo e lixeiramente corroída por algún tipo de ácido. A pesar de que as autoridades e os “expertos” tacharon este pequeno vaso ou vasilla de “obxecto de culto” (moi típico nestes casos), o propio Köning, tras introducir un electrolito común no interior do recipiente, logrou facer funcionar este chamado “obxecto de culto” como unha batería.


No mesmo xacemento foron descubertos outros obxectos que foran sometidos a un proceso de galvanización. Estes databan do 2000 antes de Cristo, polo que se chegou á conclusión de que, xa hai máis de 4000 anos, os antigos moradores destas terras da Mesopotamia utilizaban pilas eléctricas.
A opinión máis extendida é que puideron usar como electrolito uvas esmagadas ou quizais vinagre.

Como curiosidade, probouse unha réplica da pila de Bagdag cun resultado de 0.87V, polo que con varias veldas en serie obteríase o suficiente potencial como para facer o prateado electrolítico de pequenos obxetos.

13 jul 2011

Pilas I: Tipos de Pilas e Funcionamento (por Isaac Manteiga)

Seguro que todos os días utilizas algún trebello eléctrico que usa pilas para o seu funcionamento: un mando a distancia, un rato inarámico, o radiocontrol de apertura da porta do garaxe, un reloxo,...

Neste especial sobre as pilas, empezaremos, na primeira entrega, falando da estructura interna das pilas e do seu funcionamento.

Tipos de pilas
- Pilas secas:
Ao longo da historia os distintos tipos de pilas evolucionaron até as denominadas pilas secas, que son as que usamos case todos os días.
Este tipo de xerador eléctrico convirte a enerxía química dos compoñentes da pila en enerxía eléctrica ata que estes compoñentes se esgotan e perden as súas propiedades. Para realizar este tipo de transformación, débese producir un tipo de reacción entre os compoñentes da pila chamado redox, na que participan dous protagonistas:
- Axente oxidante: é o que oxida á outra especie. Arríncalle electróns á outra especie, gañándoos el e reducíndose.
- Axente reductor: é o que reduce á outra especie. Cédelle electróns, perdéndoos e oxidándose.

A estas altura da película preguntaraste como é posible que o que se reduce esté gañando algo, verdade? Bueno, pois a resposta é moi sinxela, porque o que está gañando gaña electróns, que teñen unha carga negativa.

Unha reacción redox deste tipo de baterías é a seguinte:



Os productos do cátodo atópanse en estado gas e vanse acumulando ao redor da barra de carbono, o que se califica como polarización da pila. Isto produce descensos de potencial e pode chegar a producir a rotura da pila. Para evitar a polarización engádese á pila óxido de manganeso IV, que reacciona co hidróxeno e co cloruro de zinc e estes á súa vez co amoniaco, e acábaos eliminando.



O exemplo típico deste tipo de pilas é a pila comercial económica.

- Pilas primarias:
A súa composición e funcionamento son semellantes ao das pilas secas, iso si, presentan unha grande vantaxe, que é a súa maior duración e que nos productos non se forman sustancias en forma de gas, polo que non hai perigo de polarización da pila.
O exemplo típico deste tipo de pilas é o da pila de botón.

-Pilas alcalinas:
A diferencia que presentan estas pilas é que o medio onde se atopa o electrolito é alcalino, xeralmente formado por unha disolución de hidróxido de potasio.
As máis usadas son as de zinc-óxido de magnesio, zinc-óxido de mercurio e zinc-óxido de prata II. Como podes apreciar, o ánodo sempre está formado por zinc e tras oxidarse forma óxido de zinc.

-Acumuladores:
Nelas, os electrodos son de natureza química diferente.
Os productos da reacción deposítanse sobre os electrodos, de tal maneira que se facemos pasar unha corrente eléctrica en sentido contrario ao que xeneran, a reacción invírtese e volven a recuperar os reactivos a partir dos productos, é dicir, recárganse.
Este proceso é reversible un gran número de veces, pero non infinitas, xa que os reactivos acaban deteriorándose e perdendo facultades. Ademáis, senón de que ían vivir os que as fabrican?


Funcionamento



Se observas unha pila, verás que ten dous polos ou terminais, un positivo e outro negativo.
Os electóns agrúpanse na parte negativa, de maneira que para facer funcionar a pila, se unimos ambos terminales, os electróns pasarán da parte negativa á positiva o máis rápido posible. Cabe decir que no medio deste circuito debemos poñer algún trebello como unha resistencia, motor ou circuito electrónico para que non se descargue moi rápido e se quente en exceso, o que pode chegar a ser perigoso en pilas grandes. É por isto que podemos gardar as baterías tanto tempo sen que se descarguen, xa que non chega a producirse a reacción.

Facendo un resumen de todo o anterior, podemos decir que as pilas son esencialemnte unha lata con elementos químicos que produce electróns mediante unha reacción electroquímica.