Mostrando entradas con la etiqueta ECONOMÍA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ECONOMÍA. Mostrar todas las entradas

1 ago 2011

Psicoloxía da Persuasión

Todos temos sentido algunha vez a sensación de tentar ser persuadidos a facer algo. Comprar un obxecto, votar a un político, dicir que si a un compromiso. Mais... que é o que nos fai ser persuadidos?

O profesor Robert Cialdini distingue seis factores que inflúen na avenencia a unha petición. Chama a estes factores reciprocidade, coherencia, validación social, agrado, autoridade e escasez.


Reciprocidade: A reciprocidade é unha norma de comportamento dos animais sociais, "que obriga aos individuos a devolver en especie o que recibiron". Así, cando un individuo recibe un regalo, vese impulsado a devolver o favor. Este factor está detras de fenómenos como que se ofrezan degustacións e probas gratuítas en tendas ou ximnasios para aumentar o consumo, ou que os laboratorios farmaceuticos fagan regalos aos médicos para que estes recomenden os seus produtos.

A reprocidade aparece tamén como un factor a ter en conta nas concesións entre persoas, xa que se pedimos un favor de certa entidade a un individuo, este se nega, e nós o retiramos e presentamos un favor de menor entidade (facendo unha concesión), o individuo verase empurrado a facer outra concesión e facernos o favor.


Coherencia: A coherencia consiste en que cando un individuo fai un compromiso público debe mantelo para “ser e parecer coherente”. Así, se unha persoa se compromete en público cunha causa, nunha posterior campaña de doazón de fondos para esa causa esa persoa estará máis empurrada a contribuír que se anteriormente non se tivese comprometido. Este factor é empregado tamén polos restaurantes, xa que, se un individuo se compromete a avisar da cancelación dunha reserva nun restaurante, é máis probable que chegue a cancelar que se non o fai.


Validación social: Este factor consiste en observar o que fan os demais nunha situación antes de decidir que facermos. Nun experimento de Milgram, Bickman e Berkowitz, un número de persoas que pasea pola rúa para durante un minuto mirando ao ceo. Cando é unha soa persoa a que para, só se lle suman un 4% dos peóns, mais cando son quince persoas as que paran para mirar ao ceo, até o 40% dos peóns súmanse á actividade. Este condicionante tamén explica por que nos sentimos máis impulsados a pór a nosa sinatura nunha lista cantas máis persoas haxa ou por que os publicistas din que o seu produto é o máis vendido.

Porén, este condicionante pode ter un valor adverso: se se subliña a alta frecuencia de aparición dun problema, non se consegue unha maior concienciación. Ao contrario, é máis habitual conseguir un sentimento de xustificación, "non pasa nada porque eu o faga, xa que hai moita xente que tamén o fai". Isto pode chegar, nalgúns casos, a provocar un aumento da actividade que se pretende evitar.


Agrado: O individuo prefire dar unha resposta afirmativa a aquela persoa que lle agrada. Isto está detrás de que os vendedores con atractivo físico consigan maior cantidade de ventas que os que carecen del, mais tamén de que Tupperware consiga mellores ventas mediante a utilización da estratexía de vender os seus produtos en festas privadas, algo que agrada aos compradores.

Máis alá disto, unha estratexia habitual nos comercios é a búsqueda dun nexo entre vendedor e cliente que permita que se estreiten os lazos entre ambos e que se produza esa sensación de agrado. Outros exemplos do uso deste factor son os cumplidos, que estimulan a sensación de agrado; ou a cooperación, mediante a cal o vendedor tenta parecer colaborador en favor do cliente, e en contra dos xerentes, para que así o cliente sinta agrado en favor do vendedor e faga a compra.


Autoridade: O coñecemento por parte do individuo das actuacións e opinións de persoas con autoridade tende a influír nas actuación e opinións do propio individuo. De aquí vén o tan empregado polas empresas de dentífricos “Nove de cada dez dentistas recomendan...”

Este condicionante non é negativo cando as afirmacións son certas, pero tamén é fácil que se manipule ao individuo mediante símbolos de autoridade falsos que poden influenciar as súas decisións.


Escasez: O ser humano considera os produtos e oportunidades máis desexables canto menos accesibles sexan, o que explica que os comercios usen expresións como a de “existencias limitadas”. A escasez tamén ten que ver coa cantidade de información. A presentación dunha información como "exclusiva" é máis persuasiva e produce un maior número de ventas, o que é moi empregado en publicidade.


Estes principios están seleccionados desde un punto de vista evolutivo, xa que aqueles profesionais que empregan estes seis principios utilizan mellor a persuasión e conseguen mellores resultados que os que non os utilizan ben. Na maior parte dos casos, cando estes principios son empregados de forma honrada son beneficiosos, mais non é así cando son usados de forma falsa e manipuladora. Coñecendo, como clientes, as técnicas de persuasión, poderemos identificar mellor as estratexias seguidas para nos persuadir e evitar as posibles manipulacións, exixíndolles aos comerciantes sinceridade na aplicación das estratexias. Así, no canto de ser inducidos á avenencia, escolleremos nós aquilo que mellor nos conveña mediante a información.


Fonte: Cialidini, Robert B. 2001. "Psicología de la Persuasión" Investigación y Ciencia, 295: 66-71.

4 jul 2011

Tipos de contratos

Na construción empréganse diversos tipos de contratos segundo o tipo de obra, ou a intención do cliente.

Contrato por unidade de medida.
O contrato divídese en prezos unitarios (ver presupostos) coas medicións do proxecto. Unha vez comezada a obra, vaise certificando segundo se vai executando -habitualmente mes a mes-, é dicir, realízanse e decláranse oficialmente as medicións do executado pola construtora.

O executado non ten por que ser o mesmo có contratado, este valor pode variar e, para achar o valor final, chega con multiplicar o prezo unitario polo valor final da medición.

Contrato a tanto alzado
Este contrato, ao contrario anterior, ten un prezo certo, inamovible. Este prezo ten risco para ambas partes. O construtor realiza as medicións do proxecto contratado e establece un prezo para a obra realizada, e todas as unidades que se executen a maiores do proxecto terán que volver ser negociadas.

Este tipo de contrato pódese empregar para unidades concretas dentro do contrato por unidade de medida (o que vimos anteriormente), por exemplo, unha piscina.

Contrato por administración
Execútase a obra, que se vai pagando en función das facturas dos materiais e dos diarios de traballo. Este contrato é claramente favorable ao construtor que pode "inflar" as facturas, ou tomar os traballos con calma e así cobrar máis.

Este tipo de contrato tamén se pode empregar para unidades de obra concretas dentro doutro tipo de contrato.

Contrato chave en man
A través deste contrato contrátanse proxecto e obra, é dicir, o contratista da o prezo da obra proxectada e executada. Este tipo de contrato emprégase principalmente en obras industriais e en contratos coa administración. Cando se remate a obra, ten que estar dispoñible para usala.

Contrato prezo máximo garantido
Esta é unha variante do contrato a prezo cerrado na que aparece a figura dun novo "axente" (non recoñecido pola Lei de Ordenación da Edificación), o Project Manager. O promotor negocia con este axente, un prezo da obra, unhas características, primas por prazos, por minoración do custo, etc. A partir de aquí, é o Project Manager quen negocia con construtoras, quen compra os materiais e quen leva a xestión da obra.

Este tipo de contratos empréganse en promocións levadas a cabo por persoas que non están relacionadas coa construción. 

21 jun 2011

LDK 152: Certificacións

As certificacións de obra son documentos que dan fe da obra executada, cuantificándoa e indicando o período de tempo no que se desenvolveu, ademais está acompañada do importe que terá que aboar o promotor ao contratista (construtor). Del, normalmente, tamén se desconta unha porcentaxe que serve de garantía de que o construtor vai rematar a obra.

As medicións, e por tanto as certificacións, realízanse a orixe e despois descóntase o valor da certificación anterior. Este proceso permite corrixir erros que se puideran dar nas certificacións anteriores. Finalmente temos a denominada certificación de liquidación, que non poderá ser corrixida xa que é a última, a definitiva.

Existe outro tipo de certificacións, que se chama por acopio e que permite adiantarlle ao contratista o valor dos materiais que xa ten comprados e preparados na obra para o seu uso, aliviándolle a carga económica. Este tipo de certificación non se fai polo valor total dos produtos, senón por unha porcentaxe dos mesmos, un 75% en obra pública. 

Todas as condicións dos criterios de medición, a regularidade coa que se levarán a cabo -normalmente mes a mes-, as porcentaxes descontadas en concepto de garantías, o tempo que pasará dende que se finaliza a obra para aboar esa garantía, e os demais factores que foran precisos, estableceranse no contrato.

28 may 2011

LDK 142: Tipos de presupostos

Se o outro día explicabamos como se estruturaban os presupostos, hoxe imos explicar os diferentes tipos ao longo do proceso da edificación.

Todo o proceso da edificación comeza cun proxecto que se compón dunha memoria, duns planos, un prego de condicións e, finalmente, un presuposto que denominamos Presuposto de proxecto. Este é orientativo e redáctao o proxectista (arquitecto) a partir dunha base de datos pública.

A partir do proxecto, o contratista (a empresa construtora) fai un Presuposto de contrata que será o que aparecerá no contrato entre este o promotor, e será a base para establecer o prezo da obra. A empresa ten un Presuposto de custos interno que ten o mesmo resultado có de contrata, pero cunha estrutura diferente. Pois, segundo explicabamos o outro día, despois de obter o Presuposto de execución material aplicamos unha porcentaxe de GEE (gastos estruturais de empresa) e de BI (beneficio industrial). As empresas, para evitar compartir a realidade da súa estrutura e máis do axustado que está o beneficio, poñen unhas porcentaxes establecidas por tradición no 13% para os GEE e no 6 % para o BI. Desta maneira, no presuposto de custos teñen o valor real do GEE e do BI, mentres que no de contrata, axustan a execución material para que o resultado total sexa o mesmo.

A partir do presuposto de contrata, se o promotor quere cambiar unha partida (por exemplo, cambiar o tipo de azulexo), inclúense as modificacións que dan como resultado o Presuposto de modificados. Unha vez que temos este presuposto, podemos incluír novas partidas (por exemplo, engadir os farois da finca da casa que non se tiveron en conta no proxecto orixinal) que nos darán o Presuposto complementario. E, finalmente, ao engadir as medicións que non estaban contempladas en proxecto (por exemplo, ampliación do valado arredor da casa), obtemos o Presuposto de liquidación, que será o prezo final que o promotor terá que pagarlle ao construtor.

23 may 2011

Presupostos

Un presuposto é unha previsión do gastos e ingresos que van ter lugar durante a execución dunha actividade durante período de tempo. Esta anticipación permite facer unha planificación das necesidades e levar a cabo un control da xestión. Na construción existen diversos tipos de presupostos que aparecen nas diferentes fases da promoción ou nos diferentes axentes que interveñen. 

Antes de explicar  os diferentes tipos de presupostos, debemos explicar como se calculan e para iso precisamos explicar dous conceptos. O primeiro concepto é o de partida, entendemos por partida a unidade representativa do elemento que queremos construír coa súa descrición, por exemplo: "m2 tabique de ladrillo oco dobre tomado con morteiro de cemento...". O seguinte concepto é o de prezo unitario, que é a cantidade de cartos que temos que pagar pola unidade de medida da partida. Os prezos unitarios están descompostos de maneira que podemos saber, por exemplo, a cantidade de morteiro e a repercusión do prezo sobre o m2 de tabique. Os prezos unitarios inclúen tanto os materiais coma a man de obra, se facemos a medición da obra que queremos realizar, podemos empregalos, por exemplo, para estimar a cantidade de material que temos que encargar ao subministrador antes de empezar o traballo.

A empresa calcula os presupostos mediante os prezos que teñen estudados de obras anteriores e multiplícaos pola medición do proxecto, obtendo o seguinte:

Os Custos Directos (CD) son os custos que repercuten integramente nunha partida concreta. Por exemplo, a un m2 de tabique de ladrillo estimaráselle unha cantidade de ladrillos, outra de morteiro, e un tempo de execución por parte dunha cuadrilla. Por tanto, podemos dicir:
Custos Directos = Materiais + Man de Obra

Os Custos Indirectos (CI) son os custos que non se poden repercutir sobre unha partida concreta. Son principalmente Man de Obra de Medios Auxiliares. Custos indirectos son o Xefe de Obra, que inviste tempo organizando distintas unidades de obra, ou a grúa ou as estadas que tamén se empregan na construción de varias partidas. Estes custos súmanse e calculase a porcentaxe que supoñen sobre os Custos Directos. Despois aplícase esta porcentaxe sobre cada un dos prezos unitarios.
Custos Indirectos = % sobre Custos Directos

Se sumamos os Custos Directos e máis os Custos Indirectos obtemos o Presuposto de Execución Material (PEM), que sería o presuposto do valor da obra.
Custos directos + Custos Indirectos = Presuposto de Execución Material

Ao Presuposto de Execución Material súmanselle os Gastos de Estrutura da Empresa (GEE). Estes gastos veñen da suma dos custos da empresa que non repercuten na obra, é dicir, os directivos, oficinas, gastos de xestión e demais. Estes gastos súmanse e aplícanse como porcentaxe sobre o PEM.

Finalmente existe un Beneficio Industrial (BI) que serán as ganancias da propia empresa e que tamén se aplican como porcentaxe sobre o PEM.

O resultado é o Presuposto de Licitación (PL), o presuposto co que concorre a empresa a unha oferta pública. Este resulta da suma de Custos Directos, Custos Indirectos, Gastos de Estrutura da Empresa e o Beneficio Industrial.

Resumo:
PEM = CD + CI (% s/ CD)
PL = EM  + GEE (% s/ EM) + BI (% s/ EM)