28 may 2011

LDK 142: Tipos de presupostos

Se o outro día explicabamos como se estruturaban os presupostos, hoxe imos explicar os diferentes tipos ao longo do proceso da edificación.

Todo o proceso da edificación comeza cun proxecto que se compón dunha memoria, duns planos, un prego de condicións e, finalmente, un presuposto que denominamos Presuposto de proxecto. Este é orientativo e redáctao o proxectista (arquitecto) a partir dunha base de datos pública.

A partir do proxecto, o contratista (a empresa construtora) fai un Presuposto de contrata que será o que aparecerá no contrato entre este o promotor, e será a base para establecer o prezo da obra. A empresa ten un Presuposto de custos interno que ten o mesmo resultado có de contrata, pero cunha estrutura diferente. Pois, segundo explicabamos o outro día, despois de obter o Presuposto de execución material aplicamos unha porcentaxe de GEE (gastos estruturais de empresa) e de BI (beneficio industrial). As empresas, para evitar compartir a realidade da súa estrutura e máis do axustado que está o beneficio, poñen unhas porcentaxes establecidas por tradición no 13% para os GEE e no 6 % para o BI. Desta maneira, no presuposto de custos teñen o valor real do GEE e do BI, mentres que no de contrata, axustan a execución material para que o resultado total sexa o mesmo.

A partir do presuposto de contrata, se o promotor quere cambiar unha partida (por exemplo, cambiar o tipo de azulexo), inclúense as modificacións que dan como resultado o Presuposto de modificados. Unha vez que temos este presuposto, podemos incluír novas partidas (por exemplo, engadir os farois da finca da casa que non se tiveron en conta no proxecto orixinal) que nos darán o Presuposto complementario. E, finalmente, ao engadir as medicións que non estaban contempladas en proxecto (por exemplo, ampliación do valado arredor da casa), obtemos o Presuposto de liquidación, que será o prezo final que o promotor terá que pagarlle ao construtor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario