Mostrando entradas con la etiqueta calor. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta calor. Mostrar todas las entradas

16 ago 2011

LDK 176: Conversións de temperaturas

Hai xa bastante tempo falabamos dos conceptos básicos da calor, neles explicabamos que había diferentes escalas de temperatura e que as máis habituais eran a Fahrenheit e a Celsius. Se Celsius tomou a conxelación da auga como temperatura 0 ºC e a evaporación como 100 ºC, a Fahrenheit estes valores coincidiron en 32 ºF e 212 ºF respectivamente.

Destes datos podemos deducir que 100 ºC equivalen a 180 ºF, ou o que é o mesmo:

1 ºC = 180/100 ºF = 9/5 ºF = 1,8 ºF

Se queremos a fórmula para facer a conversión:

F = 1,8 C
C = F / 1,8

Pero como dixemos antes, non teñen o valor 0 no mesmo punto, entón temos que sumar ou restar 32 para conseguir o valor definitivo:

F = (1,8 * C) + 32

C = (F - 32)/1,8

Por exemplo, se temos 14 ºC e queremos atopar o valor en ºF, calculamos:

F = (1,8 * 14) + 32 = 57,20 ºF

Ou se temos 22 ºF e queremos calcular os ºF:

C = (22 - 32) / 1,8 = -5,56 ºC

17 ene 2011

Desabafar os cristais dos coches

Cal é a mellor forma de desabafar o cristal dun coche? Por que?

A mellor forma de desabafar o cristal dun coche é poñendo o aire acondicionado e a calor ao máximo. Imos ver o porqué: para comezar, cómpre lembrar o concepto de temperatura de orballo. O aire ten certa cantidade de vapor de auga na súa composición, pero a capacidade de absorber auga do aire é limitada, e depende da temperatura e da presión: a maior temperatura ou a menor presión, o aire admite maior cantidade de vapor. Pois se temos un aire cunha cantidade de auga e o arrefriamos por debaixo do que denominamos "temperatura de orballo", o vapor pasa a estado líquido porque o aire máis frío non admite tanta cantidade de auga. Desta maneira, se temos o aire no interior do coche con moita humidade, ao estar o cristal frío (por debaixo da temperatura de orballo), a auga condensa e por iso se abafa o cristal.


Pois ben, imos aplicar estes coñecementos para desabafar o cristal. Estamos dentro dun coche co aire interior a 15 ºC e cunha humidade absoluta de 8 g de auga en cada kg -de aire-, temos tres posibilidades para desabafar sen abrir as ventás:

Primeiro, se acendemos a calefacción sen darlle calor e tomamos o aire do interior do coche (así facilitamos o concepto) para que faga unha corrente que seque o cristal, o aire a 15 ºC satúrase con 10 g/kg (admite 10 gramos de auga en cada quilogramo de aire), como o aire xa ten 8 g/kg, só pode absorber 2 gramos de auga por quilogramo de aire botado pola calefacción.

Segundo, se poñemos a calefacción coa calor ao máximo, a temperatura do aire que expulsa é de 20 ºC. A esta temperatura, o aire admite unha cantidade de auga de 15 g/kg. Como o aire xa ten 8 g, a diferenza é de 7 g e, por tanto, cada quilogramo de aire que saia pola calefacción admitirá 7 gramos de auga.

E por último se o que facemos é poñer o aire acondicionado e a calefacción coa calor ao máximo, o aire que estaba a 15 ºC, ao pasar polo aire acondicionado arrefría e pasa a ter unha temperatura de 5 ºC. Con esta temperatura admite 5 g/kg e 3 gramos condénsanse, co que o aire queda só con 5 g de auga en cada kg de aire. Ao pasar pola calefacción e quentar este aire a 20 ºC, pasa a admitir 15 g, pero só ten 5 g porque o arrefriamos e a auga sobrante condensou. A diferenza é de 10, e o aire admite 10 g por cada kg de aire que saia da calefacción, co que ao admitir máis cantidade de auga, este proceso fará que os cristais desabafen antes.

Imaxe: Fotograma de Titanic. GoneMovie.com

13 ene 2011

LDK 84:Chemineas

Unha cheminea é un sistema que se emprega para ventilar ou evacuar gases non desexados, como pode ser o caso das frituras na cociña, as combustións dunha cociña de leña ou os malos olores do cuarto de baño.

As chemineas que non teñen medios mecánicos para facilitar a evacuación funcionan por convección, é dicir, pola diferenza de presións que existe entre o interior e o exterior da casa. É importante que a cheminea teña unha sección o máis constante posible e, ademais, sexa vertical e evite os cambios bruscos de dirección, para, desta maneira, non entorpecer o fluxo do aire.

A esta diferenza de presións pódese sumar a provocada por unha diferenza de densidade do aire, por exemplo, nas cociñas económicas (tamén coñecidas como cociñas de leña ou bilbaínas, vamos, as do rural de toda a vida) é o propio aire quente producido na combustión o que sobe debido á menor densidade, e, por tanto, facilita a evacuación dos gases. De feito, cando a cociña non tira ben porque fóra non hai vento que cree unha depresión que faga ascender o aire, o que se fai é introducir unha folla de periódico acendida no tiro para que quente o aire do tramo vertical de cheminea, este suba, e así faga baixar a presión do conduto e que os gases da combustión vaian polo tiro. Unha vez que temos quente o conduto, xa hai unha circulación de aire que facilita a correcta evacuación dos gases.


Moitas veces, para construír os tramos finais das chemineas, empréganse tubaxes de aceiro inoxidable sen illar; ao non estar ben illado, o aire deste tramo arrefría e por tanto aumenta de densidade, co que se dificulta o fluxo de aire. Para solucionar o problema, chega con revestir o conduto con ladrillo para que ille o tramo de cheminea.

Imaxe cheminea: urbanity.es/foro
Imaxe lareira: Capítulo 0 (Sole Felloza).

2 nov 2010

LDK 53: Paxaro bebedor



O paxaro bebedor é un trebello patentado por Miles V. Sullivan en 1946, que consiste nun xoguete con forma de paxaro que se inclina e bebe dun recipiente con auga, para despois levantarse e volver a repetir o ciclo.

Inicialmente pódese pensar que é unha máquina de movemento perpetuo porque non leva pilas, nin vai a corda, nin nada parecido; pero en realidade trátase dun motor térmico que aproveita o consumo de enerxía por parte dun líquido ao evaporarse, igual que xa explicamos co botixo. O paxaro está composto por unha esfera de vidro recuberta de feltro que fai de cabeza, esta esfera está comunicada cunha tubaxe de vidro que penetra case ata o fondo dunha segunda esfera, e que están cheas xeralmente de cloruro de metileno coloreado e sen aire, motivo polo que parte do cloruro de metileno está líquido, e parte gasoso. Toda esta estrutura pivota arredor dun eixo metálico que se apoia sobre as patas.

En repouso, o paxaro está vertical debido ao peso do líquido do fondo. Para que comece a funcionar, debemos inclinalo de maneira que molle o pico e se empape o feltro, cando o soltamos, o paxaro volve á posición vertical mentres a auga da cabeza se evapora. Ao evaporarse a auga da cabeza, arrefría o gas almacenado dentro da esfera de vidro superior de maneira que se reduce a presión (os gases ocupan menos ao arrefriarse), e debido á maior presión na esfera inferior, o líquido sobe para que pese máis a cabeza e se volva inclinar para empapar o feltro e comezar de novo un ciclo.

23 ago 2010

Humidades

O aire é húmido, é dicir, entre outras cousas, na mestura que o compón atopamos entre un 0 e un 7% de vapor de auga. Este valor pode variar en función dos ambientes, por exemplo, despois de ducharnos, a cantidade de vapor de auga que hai no baño aumenta, pero este aumento ten un límite, e cando a cantidade de vapor de auga é máxima e non admite máis dicimos que o aire está saturado. A cantidade de vapor de auga que absorbe o aire antes de saturarse varía en función da temperatura, a maior temperatura máis absorbe, e a menor menos. O que acontece cando o aire se satura, é que o vapor de auga se condensa, é dicir, aparecen pinguiñas de auga.

A humidade relativa é a relación entre a cantidade de vapor de auga que hai no aire a unha temperatura determinada e a cantidade de vapor de auga precisa para saturar o aire a esa mesma temperatura expresada en tanto por cen, a humidade relativa indica o preto que está de saturarse o aire. Se temos aire coa humidade relativa próxima ao 100% e baixa a temperatura o suficiente, o vapor de auga sobrante condensa. Un claro exemplo disto, volvendo á ducha, é que os espellos abafan. O aire admite unha cantidade de vapor de auga a unha determinada temperatura, pero cando arrefría, a cantidade de vapor que admite antes de saturarse é inferior e por tanto condensa, esta temperatura denominarémola punto de orballo. Dito doutra maneira, cando arrefriamos o aire por debaixo da punto de orballo, o vapor de auga sobrante condensará.

Outro exemplo de condensación debido a que baixamos da punto de orballo é o rego que se forma baixo os coches tras unha viaxe en pleno verán co aire acondicionado posto, o aire pasa a través do evaporador arrefriándose para ir ao habitáculo, se o aire baixa da punto de orballo, o vapor de auga sobrante condénsase e acaba caendo dando lugar a ese rego que seguramente a máis de un lle terá dado un susto.

21 ago 2010

LDK 22: Arrefriador de botellas


Isto é un arrefriador de botellas, para fabricalo, o autor crea tres estruturas de arame que serven de soporte para sendas toallas que mete nun caldeiro perforado. O funcionamento é tan simple coma o dun botixo, ben, en realidade o funcionamento é o mesmo có dun botixo: ao evaporarse a auga, o medio arrefría. Xa está, é suficiente con humedecer as toallas e deixar que se vaian secando para que absorba a calor das bebidas.

O sistema do botixo é exactamente o mesmo, a auga empapa o botixo, esa auga evapórase arrefriando a auga que hai no interior. Canto máis seco e quente sexa o aire mellor funcionará debido a que se evaporará máis cantidade de auga. 

Enlace Instructables [en]: Dew Bucket : Evaporative Drink Cooler.
Buscando información para a entrada atopei unha entrada máis que recomendable sobre unha neveira cun funcionamento similar [es]: El efecto botijo.
Enlace Wikipedia [es]: Botijo.

13 ago 2010

Bomba de calor

Continuando o post sobre neveiras, vou explicar o funcionamento dun aire acondicionado e dunha bomba de calor. Para comezar situémonos en pleno mes de agosto con moita calor, alguén di "vou abrir a porta da neveira para que se arrefríe a habitación", que conseguiría ese alguén? Arrefriaría momentaneamente a habitación debido ao aire frío que almacena a neveira, pero en canto os aires se mesturasen a temperatura vovlería subir, xa que o compresor tamén xera calor debido ao traballo que realiza. Pero ben, se colocamos a neveira no medio dun tabique deixando cara a un lado o interior da neveira coa porta aberta, e cara ao outro o condensador (a reixa traseira), pasariamos a ter un refrixerador nunha habitación, e un calefactor na outra.

Desta idea tan simple parten os sistemas de climatización. Se poñemos nunha casa un aparello (aquí xa terá unha forma diferente da neveira) onde o condensador quede fóra da casa e o evaporador dentro, a casa arrefriarase quecendo o ambiente exterior (que obviamente non se notará). Se preto da instalación hai un río ou un regato, poderemos somerxer o condensador na auga para optimizar o funcionamento, así o intercambio de calor será máis eficiente, sen ser significativo o aumento de temperatura do mesmo.

Agora, se quixésemos ter un sistema de calefacción, colleriamos un aparello que estivese ao revés, é dicir, o evaporador fora e o condensador dentro. Poderiamos somerxer na auga ou enterrar o evaporador para optimizar o intercambio de calor, mentres que o condensador poderiamoso deixalo directamente baixo o pavimento para ter un chan radiante, ou poderiamos usalo para quentar a auga dun circuíto de radiadores.

O ideal sería ter unha instalación na que puidésemos inverter a circulación do refrixerante para que onde antes estaba a baixa temperatura pasase a estar a alta temperatura e viceversa. Pois isto é posible grazas a unha válvula de catro vías, e a dúas válvulas que permitan o fluxo nun único sentido formando o esquema seguinte:


Aquí bastaría con cambiar a posición da válvula de catro vías para que o condensador pase a ser evaporador e o evaporador condensador, tendo así un aire acondicionado no verán e unha calefacción en inverno.

2 ago 2010

Como funciona unha neveira

Unha neveira é un electrodoméstico dotado dun sistema frigorífico utilizado para conservar os alimentos a baixa temperatura. A intuición dinos que a temperatura de dous corpos en contacto tende a igualarse do mesmo xeito que o fan os niveis de dous depósitos de auga cando se comunican, e ademais dísto cando facemos algún movemento ou similar estamos xerando calor, así que o de arrefriar algo, en principio, parece dificil.

Faraday estudou que cando se aplican cambios de estado sobre os materiais aparecen variacións de temperatura, é dicir, se comprimimos un gas, condensarse, gañará calor e por tanto aumentará; se polo contrario o descomprimimos, evaporarase, cederá calor e baixará de temperatura. Como exemplo disto, temos que cando recargamos un chisqueiro, a punta do bombona de recarga queda fria (ás veces conxelada).

Esta é a base da suoración, é dicir, cando suamos cubrimos o noso corpo cunha capa de de líquido (maioritariamente auga) que cando se evapora arrefría, arrefriando desta maneira tamén a superficie da pel. Neste aproveitamento das presións tamén é no que se basea o aire acondicionado da cidade milenaria, e tamén o funcionamento dunha neveira.


A imaxe que está sobre estas liñas é un diagrama do funcionamento dunha neveira, e temos:

  1. Condensador.
  2. Válvula de laminación.
  3. Evaporador.
  4. Compresor.

Para comezar teño que dicir que o diagrama representa un circuíto cerrado de tuberías cheas de refrixerante, e para situarvos un pouco, o número 1, o condensador, é esa reixa que se ve na parte de atrás da neveira. Esa é a parte a alta presión e alta temperatura, aí é onde o circuíto cede calor ao medio.

A continuación vén o punto 2, a válvula de laminación, é o elemento que fai que o circuíto perda presión, aínda que en en circuítos pequenos (coma as neveiras domésticas), esta válvula é substituída por un tubo capilar que consegue unha descompresión do refrixerante. Esta descompresión é análoga, ao que pasa na autovía en hora punta, supoñámola de 3 carrís e cun accidente nos carrís esquerdo e central, antes do accidente o tráfico está conxestionado, na zona do accidente tamén, pero ao saír do accidente o tráfico vólvese moito máis fluído.

O punto 3 é o evaporador, aí o líquido xa está a baixa presión e baixa temperatura, e recibe o calor do medio, esta é a parte que está en contacto co interior da neveira e que a mantén fría.

A última parte do circuíto, o punto 4, é o compresor, onde o refrixerante se comprime para pasar ao condensador a alta presión e alta temperatura.

Para finalizar, a termodinámica dinos esa famosa frase de "a enerxía non se crea nin se destrúe, só se transforma", e como a calor é enerxía, hai que dicir que a enerxía que existe no condensador é igual á enerxía no evaporador máis a xerada no compresor. Continuarei ampliando a información e posibilidades deste sistema.

Imaxe está tomada de El Tamiz, onde tamén explica o funcionamento da neveira.

15 feb 2010

As calefaccións

Seguindo aquel post da calor, imos a supoñer que estamos nunha habitación que queremos manter a 20ºC (quen me di a cantos kelvin é igual?), unha vez chegados á temperatura desexada, se non existisen perdas caloríficas, poderíamos apagar a calefacción, pero non é así.

Agora pensemos, un dos motivos polos que pode baixar a temperatura do local é por mor da condutividade térmica dos materiais que o envolven -todos os materiais conducen a calor, uns máis e outros menos-, o outro motivo pode ser o que denominamos con "perdas caloríficas por infiltración", estas perdas son debidas ao aire que circula do interior ao exterior -e viceversa- polas xuntas das portas e das ventás, xa que estas non deben ser herméticas. Se fosen herméticas viciaríase moito o ambiente e pasaría a ser inhabitable.

Imos a centranos nas primeiras, as perdas por transmisión. Os cerramentos (paredes que dan ao exterior) adoitan estar formados -de interior a exterior- por un enlucido (unha capa de morteiro, xeralmente de xeso), unha folla de ladrillo, unha cámara de aire, unha capa de material illante, outra capa de ladrillo e finalmente un recubrimento (ben sexa con morteiro de cemento, pedra ou calquera outra cousa). Como curiosidade, o illante pódese colocar tanto na parte interior como na parte exterior da cámara de aire e o cerramento será igual de illante, a posición condicionaraa tanto a execución como as condensacións interiores do muro.


Tanto o illante como a cámara de aire serán importantes na resistividade térmica (o inverso á conductividade) do cerramento, pois deste modo rompemos o que se denomina ponte térmica. A ponte térmica é unha parte da superficie cunha resistividade menor ca o resto do paramento, por exemplo onde hai un pilar, onde remata un forxado, ou nunha caixa de persiana. Este problema non é doado de solucionar, aínda que adoitamos poñer aislante para que minimice os efectos.


A foto que vedes sobre estas liñas é un elemento continuo de interior a exterior cunha condutividade alta, un claro exemplo do que NON se debe facer. Aínda que tendo en conta os acristalamentos, tampouco vaiades pensar que se nota moito. A foto está sacada nunha das aulas de debuxo da EUAT da Coruña, un claro "fai o que eu digo e non o que eu fago".

PS: Sinto que a foto saíse borrosa, pero xa empezaba a afrouxar a luz.

23 dic 2009

Calor, conceptos básicos

A Wikipedia define a calor coma a transmisión de enerxía dun sistema a outro por mor dunha diferenza de temperatura.

Pero a definición de temperatura xa é algo máis complicada, para tentar explicala vou facer un pequeno símil:
Imaxinemos dous depósitos detrás dunha parede (opaca) cunha fenda que nos permite observar que nivel de auga gardan ambos. Que podemos deducir deses datos? Que o que teña o nivel máis alto ten máis cantidade de auga? Non, pois non sabemos as dimensións nin a forma deses depósitos (o do nivel alto podería ser dunha botella de litro e medio e o o nivel baixo dunha bañera mediada de auga), só sabemos o nivel, entón o único que podemos afirmar é que a auga circulará do depósito con maior nivel ao de menor ata igualarse. Pois a cantidade de auga é equivalente á cantidade de calor (ou calor a secas) e o nivel da auga é a temperatura.

Para medir a temperatura temos diferentes escalas, a principal e máis coñecida aquí é a escala de Celsius, quen tomou o 0 na temperatura de fusión da auga destilada a presión dunha atmosfera (nivel do mar), e tomou 100 como punto de ebullición. O punto máis baixo desta escala é o -273,15ºC, que é o cero absoluto, unha temperatura teórica a partir da cal non se lle daría extraído máis calor a un sistema, deste modo, para evitar traballar con números negativos Kelvin usou as divisións de Celsius, pero tomando o valor 0 no cero absoluto. Despois están escalas Fahrenheit, o cal toma unhas divisións distintas ás de Celsius e a escala Rankine, que toma as divisions de F pero tomando como punto inicial o cero absoluto.

Seguimos cas unidades, definimos caloría (Cal) como a cantidade de calor precisa para elevar a temperatura dun gramo de auga un grado Celsius (ou Kelvin, lembrádevos que as divisións son iguais). Deste modo deducimos que a cantidade de calor [Q] é proporcional á masa [m] e á calor específica [Ce] (magnitude física que indica a cantidade de calor subministrada para aumentar a temperatura dun gramo dese material nun ºC, a da auga é 1[Cal/g·ºC]). Entón canto maior sexa a masa, maior sexa a calor específica e maior sexa a diferenza de temperatura entre os corpos que poñemos en contacto, maior será a cantidade de calor traspasada. [Q=Ce·m·Δt]

Pero só hai transmisión de calor entre dous corpos en contacto? non, seguramente vos soe que hai tres formas de transmisión de calor: radiación, condución e convección. Radiación é a transmisión a través de ondas electromagnéticas (ondas... que raro), a transmisión por condución prodúcese a través de dous corpos en contacto e a convección a través de correntes de fluído que se xeran pola diferencia de densidade entre o fluído quente e o fluído frío.

Ata aquí a entrada de hoxe, sinto semellante cantidade de conceptos teóricos, pero a partir de aquí virán varias entradas centradas en conceptos prácticos, e seguro que algún vos parecerá fermoso.