2 ago 2010

Como funciona unha neveira

Unha neveira é un electrodoméstico dotado dun sistema frigorífico utilizado para conservar os alimentos a baixa temperatura. A intuición dinos que a temperatura de dous corpos en contacto tende a igualarse do mesmo xeito que o fan os niveis de dous depósitos de auga cando se comunican, e ademais dísto cando facemos algún movemento ou similar estamos xerando calor, así que o de arrefriar algo, en principio, parece dificil.

Faraday estudou que cando se aplican cambios de estado sobre os materiais aparecen variacións de temperatura, é dicir, se comprimimos un gas, condensarse, gañará calor e por tanto aumentará; se polo contrario o descomprimimos, evaporarase, cederá calor e baixará de temperatura. Como exemplo disto, temos que cando recargamos un chisqueiro, a punta do bombona de recarga queda fria (ás veces conxelada).

Esta é a base da suoración, é dicir, cando suamos cubrimos o noso corpo cunha capa de de líquido (maioritariamente auga) que cando se evapora arrefría, arrefriando desta maneira tamén a superficie da pel. Neste aproveitamento das presións tamén é no que se basea o aire acondicionado da cidade milenaria, e tamén o funcionamento dunha neveira.


A imaxe que está sobre estas liñas é un diagrama do funcionamento dunha neveira, e temos:

  1. Condensador.
  2. Válvula de laminación.
  3. Evaporador.
  4. Compresor.

Para comezar teño que dicir que o diagrama representa un circuíto cerrado de tuberías cheas de refrixerante, e para situarvos un pouco, o número 1, o condensador, é esa reixa que se ve na parte de atrás da neveira. Esa é a parte a alta presión e alta temperatura, aí é onde o circuíto cede calor ao medio.

A continuación vén o punto 2, a válvula de laminación, é o elemento que fai que o circuíto perda presión, aínda que en en circuítos pequenos (coma as neveiras domésticas), esta válvula é substituída por un tubo capilar que consegue unha descompresión do refrixerante. Esta descompresión é análoga, ao que pasa na autovía en hora punta, supoñámola de 3 carrís e cun accidente nos carrís esquerdo e central, antes do accidente o tráfico está conxestionado, na zona do accidente tamén, pero ao saír do accidente o tráfico vólvese moito máis fluído.

O punto 3 é o evaporador, aí o líquido xa está a baixa presión e baixa temperatura, e recibe o calor do medio, esta é a parte que está en contacto co interior da neveira e que a mantén fría.

A última parte do circuíto, o punto 4, é o compresor, onde o refrixerante se comprime para pasar ao condensador a alta presión e alta temperatura.

Para finalizar, a termodinámica dinos esa famosa frase de "a enerxía non se crea nin se destrúe, só se transforma", e como a calor é enerxía, hai que dicir que a enerxía que existe no condensador é igual á enerxía no evaporador máis a xerada no compresor. Continuarei ampliando a información e posibilidades deste sistema.

Imaxe está tomada de El Tamiz, onde tamén explica o funcionamento da neveira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario