3 ago 2010

LDK 14: Acceso directo vs. acceso indirecto (ADSL)

As conexións ADSL que chegan ás nosas casas poden ser de moitos tipos. Mais o que é común a todas elas é que dispoñen dunha conexión física entre a central telefónica e o domicilio. Este enlace denomínase bucle local e é a parte máis cara da rede, polas múltiples desviacións desta. O máis habitual até hai uns anos era que un monopolio se encargase da extensión da rede e da súa explotación. No caso do Estado Español, tratábase de Telefónica.

Coa liberación do mercado das telecomunicacións (no caso español, tras a privatización de Telefónica, en 1996) os consellos reguladores obrigaron aos monopolios a prestar espazo dentro das centrais construídas para outros operadores da competencia. Isto concluiu en varias modalidades de acceso, os indirectos e os directos (desagregados).

O acceso directo ou desagregado, sustitúe o aluguer do servizo ADSL ao maiorista, levando o novo operador fibra até a central, que conectará aos seus DSLAMs. Isto permite ofrecer maiores velocidades a un prezo menor, pero esixe ter rede propia até a central da que depende o cliente ou abonado.

Téñense 3 modalidades de bucle desagregado (exemplos para o caso español):
- Bucle parcialmente desagregado: Telefónica cede ao operador o uso das frecuencias altas do par, por riba da banda usada polo servizo de teléfono.
- Bucle parcialmente desagregado sen STB (Servizo Telefónico Básico): permite aos operadores ofrecer voz (sobre IP) e banda ancha, desvinculandose do seu operador anterior.
- Bucle totalmente desagregado: os diferentes servizos de voz e datos van sobre o par de cobre ocupando todo o rango de frecuencias sen depender do servizo telefónico de Telefónica.

Doutra banda, co acceso indirecto o operador aluga a rede ao maiorista propietario da rede de acceso, obtendo sobre ela un control completo (incluído o mantemento). O arrendador é o que se encarga do transporte de tráfico e da súa concentración até o lugar no que se entrega o sinal ao operador arrendatario. Ese punto é precisamente o de acceso indirecto, e aló débense instalar os equipos correspondentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario