Mostrando entradas con la etiqueta cable. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cable. Mostrar todas las entradas

28 nov 2011

Entendendo que é a FTTH dun xeito divertido

Hai algún tempo falamos en Mallando na e-ira de FTTH, a tecnoloxía de conexión a Internet baseada en conectar a central con enlaces de fibra óptica directamente até a porta da casa, o que ofrece vertixinosas velocidades de conexión.

A principal vantaxe de usar FTTH é que poderemos gozar de vídeo en alta definición, xogos en liña, descargas ultrarrápidas... e todo iso de xeito simultáneo, algo a ter moi en conta cando temos cada día máis e máis dispositivos conectados a Internet nas nosas casas. Pola contra, a desvantaxe principal de implementar FTTH é o custe, xa que temos que achegar a fibra até a porta da casa, así que habitualmente temos solucións intermedias, como FTTB ou FTTC.

No seguinte vídeo explican (en inglés) de xeito moi sinxelo que é FTTH e que se pode facer con el.

8 sept 2011

LDK 186: O HDMI

HDMI son as siglas de High-Definition Multimedia Interface, ou o que é o mesmo Interface Multimedia de Alta Definición. Trátase do conector estándar que vén a sustituír ao archicoñecido euroconector, do que xa falamos. Emprega audio e vídeo dixital cifrado e sen compresión e é compatíbel con audio dixital multicanle e vídeo en alta definición.

Foi creado por un grupo de empresas tecnolóxicas entre as que se atopaban Sony, Panasonic, Thomson ou Toshiba entre outros, aínda que foi aceptado e acatado por todos para a súa extensión como medio "único". Entre as súas vantaxes están, alén da calidade, a compatibilidade cara atrás das diferentes versións.

Distínguense 2 tipos, A e B, que se diferenzan no número de pines (19 no caso do A e 29 no B), ainda que o segundo (B) apenas se emprega (pensouse para resolucións de 1080).

Os HDMI poden unir dous dispositivos dixitais, non dixital e analóxico (por exemplo non pode ser HDMI-VGA), a menos que se pase por un conversor analóxico/dixital.

4 abr 2011

Historia do nacemento do primeiro operador de cable.

Non hai moitos día tiven a oportunidade de asistir a unha presentación de Óscar Fafián, na que fixo unha introdución que me fascinou bastante por descoñecida: a historia de como naceu o que sería o primeiro operador de cable.

E é que ás veces parece que as cousas son naturais e levan aí toda a vida, pero non. Esta historia remóntase á década de 1940 nos Estados Unidos. A televisión - as retransmisións, non o aparello - levaban xa uns anos funcionando naquel país, dende que no 1927 comezaran a emitir as canles CBS e a NBC. 

Como podemos imaxinar, a espectación pro facerse cunha daquelas caixas máxicas, nas que se recibían as imaxes da televisión, era máxima. Os prezos dos aparellos foise reducindo considerabelmente dende os anos 30 (como segue a pasar coa tecnoloxía hoxe en día) até a década dos 40, cando era un dispositivo accesíbel para - case - todo o mundo.


En Mahanoy City, unha pequena vila de Pennsylvania, a tenda na que se podían adquirir aparellos eléctricos era a de John Walson quen, como non, trouxo as primeiras televisións para poñer á venda. Mais non pensara nun pequeno matiz: Mahanoy está rodeada de montañas, polo que o sinal non chegaba ás casas e, polo tanto, ao non poder amosar na súa tenda como funcionaba o aparello, non vendía un.

Así que, como bo negociante, pensou nunha nova estratexia: subir a un monte próximo, instalar unha antena apuntando aos emisores de Pennsylvania e levar o sinal por cable até a súa tenda. E dende aló, levarllo tamén a todos os clientes que quixeran disfrutar da maxia da televisión, cobrándolles por ilo 2 $/mes.

Así foi como naceu Service Electric Television, alguén que soubo facer dunha necesidade un negocio, que hoxe continúa a traballar como operador, iso si, ofrecendo tamén Internet e teléfono, e é que os tempos mudaron bastante.

Pola súa banda, John Walson recibiu o recoñecemento do Congreso dos Estados Unidos e da National Cable Television Association de ser o fundador da televisión por cable. Ademais, tamén é recoñecido por ser o primeiro en empregar microondas para importar sinais de televisión, o primeiro en usar coaxial para mellor a calidade de imaxe e o primeiro en distribuír televisión de pago.

Webgrafía

26 ene 2011

Bos Días entrevista a Arturo Dopico, Conselleiro Delegado de R

Arturo Dopico, Conselleiro Delegado de R, visitou onte o plató do programa da Galega Bos Días para falar dos plans do futuro máis inmediato da empresa.

Nota: En Ubuntu e usando Chrome, ás veces, o programa reprodutor da Galega non colle o corte exacto. Podedes ver todo o programa ou probar con outro sistema operativo/explorador.

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Fonte: A Galega

21 ene 2011

FTTx: Fiber To The x

FTTx son as siglas inglesas de Fiber To The X (Fibra até X), e engloban toda unha familia de tecnoloxías que empregan a fibra óptica nalgún tramo do trazado entre a central da operadora e o cliente.

A fibra óptica é unha tecnoloxía que permite manter altas velocidades de conexión en traxectos de distancias de varias ducias de kilómetros. Fálase dela como a tecnoloxía de distribución do futuro, xa que o seu uso hoxe en día vese limitado ás capacidades dos dispositivos para soportar os seus beneficios.

En canto ás redes de telecomunicación que empregan fibra óptica, cómpre facer distinción entre FTTH, FTTB, FTTC e FFTN.

FTTH (Fiber To de Home) (Fibra até o Fogar)

Esta tecnoloxía consiste en enlazar directamente a central da operadora co cliente a través de fibra óptica, co cal, no canto de ter instalada na casa a típica clavixa telefónica teríase un conversor óptico-eléctrico.

Ten a vantaxe de que como non hai intermediarios as perdas son moito menores e pódese ofrecer un bo servizo, con boas velocidades de Internet (100 Mbps simétricos) e servizos de triple play (teléfono + Internet + televisión) de calidade.

FTTB (Fiber To The Building) (Fibra até o Edificio)

Neste caso, a fibra óptica chegaría até cada edificio e, dende aló distribuiríase entre as diferentes vivendas a través de outras tecnoloxías (cableado de cobre do edificio tradicionalmente). Tamén permite acadar velocidades de 100 Mbps.

FTTC (Fiber To The Curb) (Fibra até a Beirarrúa)

A FTTC consiste en levar a fibra óptica dende a central até unha sorte de armarios estancos situado preto de varios edificios. Dende aló partirá a rede con cable coaxial, tendo un híbrido fibra óptica - coaxial. 

Este tipo de rede híbrida é a que empregan operadoras como a galega R ou Ono, se ben é certo que para os clientes que solicitan ofertas non comercias debido a características determinadas (grandes empresas, étc), tamén usan FTTH.

FTTN (Fiber To The Node) (Fibra até o Nodo)

A FTTN consiste na instalación da rede de fibra óptica dende a central até un nodo e, dende aló, na distribución a través ben da rede de cobre tracional (tecnoloxías xDSL) ou a través e cable (DOCSIS).

Ten a vantaxe de que, permite ofrecer boas velocidades (50 Mbps para distancias inferiores a 300 m) cunha inversión menor que se se achegase máis a fibra óptica ao cliente.
Diferenzas entre FTTH, FTTB, FTTC e FFTN (Wikipedia)

Extra

Presentación da CMT

12 ene 2011

MoCa (por Manuel García)


MoCA (Multimedia over Coaxial) é una organización internacional aberta creada en xuño de 2004 por múltiples empresas do sector co obxectivo de crear un estándar de banda larga para o usuario final empregando o cable coaxial. Eles mesmos considéranse o IPTV sobre coaxial.

Principalmente está orientado a redes de entretemento domésticas, fogar multimedia co punto positivo de soportar HD.

Na actualidade está composta por mais de 55 integrantes, dos que se poden destacar: Intel, Cisco, Panasonic, Motorola, Samsung, Verizon, Broadcom, Cox Comunications, Comcast, EchoStar e Time Warner Cable entre outros.

MoCA vén a ser unha opción á hora de distribución de contidos no fogar. Entendendo por contidos: xogos multixogador, vídeo, televisión, fotos... Permitindo compartir e transferir os contidos na rede do fogar tendo como elemento central un multi-room DVR.

Poñendo como exemplo a TV de pagamento, o usuario descargaría a programación a un set top box e quedaría dispoñible o contido para calquera habitación do fogar.

Características técnicas

As capas do modelo OSI (modelo de referencia de Interconexión de Sistemas Abertos) que se ocupan de MoCA son a capa física e a de Control de Acceso ao Medio, MAC 1 e 2.

Emprega canles de 50 MHz dentro do rango de 850 a 1500 MHz. Isto garante a perfecta convivencia con outras tecnoloxías no mesmo medio. Por exemplo, con VDSL que traballa nos 5-42Mhz, a televisión por cable que traballa nos 50-860 MHz e a banda L de televisión por satélite que vai nos 950-2150 MHz.

Emprega Modulación OFDM (técnica de multiplexado multiportadora) con 224 portadoras, tres delas pilotos (beacons) para caracterizar a canle e constelacións dende BPSK ate 256-QAM. A ultilización dunha modulación multiportadora como OFDM da unha maior eficiencia espectral e maior robustez fronte a interferencias de banda estreita.

Segundo o estado da canle pódese variar a carga de bits das portadoras, conta con catro tipos diferentes de preámbulos co fin de optimizar a velocidade.

Emprega Multiplexación por División en Tempo (TDD, Time Division Duplexing) e códigos Reed-Solomon para corrección de erros.



Versións

I. MoCA1.0 aprobada no 2007.

Traballa na banda de 850 a 1500 MHz e non interfire con ningún outro servizo ou tecnoloxía. Foi probada en 250 fogares de EEUU alcanzando velocidades de mais de 110 Mbps no 97% das conexións.
II. MoCA1.1 aprobado no 2008.

Compatible coa anterior versión. Supuxo un aumento da velocidade até alcanzar os 175 Mbps. Incorporou un uso flexible do espectro en canles de 50MHz de ancho no rango de 850 a 1550 MHz. Esta versión soportaba até 16 nodos conectados a rede do fogar.

Tamén integrou unha tecnoloxía QoS para diferentes servizos como poden ser vídeo, voz, xogos e a posibilidade de reservar ancho de banda.

III. MoCA2.0 ratificado o 15 de xuño do 2010.

O avance fundamental nesta versión é que se ofrecen dous modos de funcionamento, o básico e o mellorado cunhas velocidades teóricas de 700 e 1400 Mbps e reais de 400 e 800 Mbps respectivamente. Tamén se engaden dous modos de baixo consumo: sleepy e standby. Segue mantendo unha compatibilidade cara atrás sen que sexa preciso actualizar o firmware.

Vantaxes e inconvintes de MoCA

Esta tecnoloxía conta con varios puntos ao seu favor, como poden ser o fácil despregamento da rede, ao contar coa cable coaxial na maior parte dos fogares, a seguridade ao empregar cifrado DES, non produce interferencias sobre ningún outro sistema, calquera nodo pode ser unha fonte ou un receptor de contidos, soporta xestión de dereitos de contidos dixitais DRM e alcanza grandes velocidades, algo moi necesario para ter múltiples streams de vídeo en HD.

Os puntos negativos son o alto prezo dos dispositivos en comparación cos doutras tecnoloxías. A necesidade de levar cable coaxial a cada punto de aceso, dentro do fogar. Existe unha oferta reducida de dispositivos no mercado e poucos operadores ofrecen estes servizos.

Vídeo