Non hai moitos día tiven a oportunidade de asistir a unha presentación de Óscar Fafián, na que fixo unha introdución que me fascinou bastante por descoñecida: a historia de como naceu o que sería o primeiro operador de cable.
E é que ás veces parece que as cousas son naturais e levan aí toda a vida, pero non. Esta historia remóntase á década de 1940 nos Estados Unidos. A televisión - as retransmisións, non o aparello - levaban xa uns anos funcionando naquel país, dende que no 1927 comezaran a emitir as canles CBS e a NBC.
Como podemos imaxinar, a espectación pro facerse cunha daquelas caixas máxicas, nas que se recibían as imaxes da televisión, era máxima. Os prezos dos aparellos foise reducindo considerabelmente dende os anos 30 (como segue a pasar coa tecnoloxía hoxe en día) até a década dos 40, cando era un dispositivo accesíbel para - case - todo o mundo.
En Mahanoy City, unha pequena vila de Pennsylvania, a tenda na que se podían adquirir aparellos eléctricos era a de John Walson quen, como non, trouxo as primeiras televisións para poñer á venda. Mais non pensara nun pequeno matiz: Mahanoy está rodeada de montañas, polo que o sinal non chegaba ás casas e, polo tanto, ao non poder amosar na súa tenda como funcionaba o aparello, non vendía un.
Así que, como bo negociante, pensou nunha nova estratexia: subir a un monte próximo, instalar unha antena apuntando aos emisores de Pennsylvania e levar o sinal por cable até a súa tenda. E dende aló, levarllo tamén a todos os clientes que quixeran disfrutar da maxia da televisión, cobrándolles por ilo 2 $/mes.
Así foi como naceu Service Electric Television, alguén que soubo facer dunha necesidade un negocio, que hoxe continúa a traballar como operador, iso si, ofrecendo tamén Internet e teléfono, e é que os tempos mudaron bastante.
Pola súa banda, John Walson recibiu o recoñecemento do Congreso dos Estados Unidos e da National Cable Television Association de ser o fundador da televisión por cable. Ademais, tamén é recoñecido por ser o primeiro en empregar microondas para importar sinais de televisión, o primeiro en usar coaxial para mellor a calidade de imaxe e o primeiro en distribuír televisión de pago.
Webgrafía
- ¡Hágase el cable! Por Óscar Fafián.
- History (Service Electric Television)

No hay comentarios:
Publicar un comentario