Mostrando entradas con la etiqueta materiais. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta materiais. Mostrar todas las entradas

31 may 2011

LDK 143: Ladrillos

Un ladrillo é unha peza cerámica de forma ortoédrica que se emprega na construción. Nesta pequena LDK imos ver como se denominan as partes que o compoñen.

As súas arestas denomínanse:
  • Soga: A aresta máis longa.
  • Tizón: A aresta media.
  • Groso: A aresta máis curta.

As súas caras denomínanse:
  • Táboa: A que delimitan a soga e o tizón.
  • Canto: A que delimitan a soga e o groso.
  • Testeira: A que delimitan o tizón e o groso.



Segundo a súa forma podémolo clasificar en:
  • Macizo: ten menos dun 10 % da superficie da táboa perforada.
  • Perforado: ten máis dun 10 % da superficie da táboa perforada.
  • Oco: ten os buratos no canto ou na testa.

As dimensións dos ladrillos ocos que máis se empregan son 24 x 11,5 cm por un ancho variable entre 4 (oco simple) e 11 (oco triplo) cm. Estas dimensións xunto co peso fan dos ladrillos, na actualidade, un dos materiais máis empregados na construción, substituíndo á tradicional pedra, xa que lle permiten a un albanel manexalos cunha soa man.

16 abr 2011

LDK 124: Arxila expandida

A arxila expandida, tamén coñecida por arlita debido á marca comercial do mesmo nome, é un árido cerámico moi lixeiro que se emprega para facer formigón lixeiro e como filtrante de auga para drenaxes.

Un formigón normal ten unha densidade aproximada de 2 500 kg/m3, mentres que un formigón lixeiro constituído por arlita pode chegar ter unha densidade de 500 kg/m3, unha quinta parte do peso do formigón normal, é dicir, este formigón flota na auga!

A arxila expandida prodúcese a partir da arxila natural que se quenta nun forno rotativo a unha temperatura duns 1 100 ºC, ao cocerse queda un produto cerámico con forma de boliñas porosas cun diámetro que varía entre os 5 e os 15 mm.

Os morteiros realizados con este produto empréganse para facer pendentes en cubertas planas (lembremos que unha cuberta plana non é horizontal, pois se fose totalmente horizontal empozaría a auga), ou para facer recrecidos cun peso final moi reducido.

18 feb 2011

Aceiro en armaduras pasivas

Nas estruturas de formigón armado empréganse barras de aceiro para que absorban a tracción, nas que facemos a seguinte distinción: por unha banda, as armaduras activas coma o formigón pretensado, no que se tensan as barras para que traballen antes de entrar en carga; e pola outra banda, as armaduras pasivas, nas que se colocan as barras de aceiro e despois se bota o formigón de maneira que o aceiro non comece a traballar ata que a estrutura se deforma. As estruturas máis empregadas en edificación son as estruturas pasivas, as activas empréganse principalmente en enxeñería civil.

Emprégase unha serie normalizada que comprende os seguintes diámetros (en milímetros): 6, 8, 10, 12, 14, 16, 20, 25, 32 e 40. Ademais, as barras que se empregan nas armaduras pasivas son corrugadas, é dicir, teñen unhas protuberancias que facilitan o traballo conxunto das barras co formigón, e existen catro tipos: B 400 S, B 400 SD, B 500 S e B 500 SD. Na nomenclatura a B indica o tipo de aceiro, aceiro para formigón armado; o número define o límite elástico en N/mm2, e a letra, a S indica que é soldable e a SD que é soldable con características especiais de ductilidade.

Na obra, é preciso distinguir as barras con facilidade, xa que un erro na colocación das mesmas pode levar consigo risco na estabilidade estrutural. Para facilitar o recoñecemento, en primeiro lugar existen uns moldes do tamaño dun chaveiro (e que moitas veces se emprega como chaveiro) cos diámetros normalizados das barras, e para comprobalos chega con aproximar esta molde á barra e comparar o diámetro, pero a experiencia acábache dando a capacidade de recoñecer os diámetros a ollo.



A outra característica, a do tipo de aceiro, coñécese grazas ao deseño das corrugas das barras segundo unha regra. Primeiro é preciso dicir que todas as barras están divididas en dúas metades que poden levar dous tipos de corrugas:

  • Corrugas paralelas / / / / / / / / / / / / 
  • Corrugas enfrontadas / \ / \ / \ / \ / \ / \ / \ /

E segundo a combinación das corrugas das dúas metades podemos distinguir os 4 tipos de aceiro:

  • B 400 S: As corrugas das dúas metades son paralelas pero non están enfrontadas.
  • B 400 SD: As corrugas das dúas metades son paralelas e ademais están efrontadas.
  • B 500 S: Por un lado teñen as corrugas paralelas, e polo outro téñenas alternas.
  • B 500 SD: As corrugas das dúas metades son alternas.


Ademais do tipo de aceiro, podemos distinguir o país e a empresa de fabricación da barra (non o ferralleiro que preparou o armado da obra) para isto abonda con fixarse nas corrugas resaltadas da seguinte maneira:

Unha corruga normal entre dúas resaltadas implica o inicio da lectura, despois poñeranse tantas corrugas normais coma correspondan ao país, no caso de España, 7, e, para finalizar, colócanse outra serie de corrugas normais, de maneira que dentro de cada país, cada fábrica de barras teña asignado un número de corrugas.



Normas UNE:
UNE 36068:1994
Barras corrugadas de acero soldable para armaduras de hormigón armado.
UNE 36811:1998 IN
Barras corrugadas de acero para armaduras de hormigón armado. Códigos de identificación del fabricante.
UNE 36065:2000 EX
Barras corrugadas de acero soldable con características especiales de ductilidad para armaduras de hormigón armado.


Imaxes: Ferros La Pobla.

4 ene 2011

LDK 80: Morteiro de cal

Hai xa algo de tempo explicamos a diferenza entre coada, morteiro e formigón, diciamos que o morteiro é unha mestura de conglomerante, árido e auga. Pois ben, o morteiro de cal é o morteiro no que empregamos o cal como conglomerante.

É inevitable comparar os morteiros de cal cos de cemento. Os morteiros de cemento teñen máis resistencia, plasticidade e, tamén, máis adherencia unha vez endurecidos; mais, pola contra, sofren máis retracción (redución de tamaño debido á perda de auga no endurecemento). Os morteiros de cal endurecidos son máis elásticos, co que permiten en maior medida as dilatacións e asentos propios da fábrica. Os morteiros de cal tamén teñen maior permeabilidade, de maneira que facilitan unha correcta transpiración das fábricas e evitan, en maior medida, a posible aparición de humidades no interior da mesma.


Por todo isto é moi recomendable que na restauración de casas antigas de pedra ou de fábrica de ladrillo tradicional (en menor medida en Galicia), se empreguen morteiros de cal para tomalas. De feito, aínda que hai uns anos se empregase morteiro de cemento para estes traballos, na actualidade volve ser habitual que os profesionais das restauracións teñan preferencia polo morteiro de cal.

Imaxe: Castelo de San Felipe (Por Luis P. Castelo)

18 dic 2010

LDK 73: Aceiro

Os metais son un grupo de elementos químicos da táboa periódica que se caracterizan por seren bos condutores da calor e da electricidade. Algúns exemplos de metais son o ferro, o aluminio, o cobre ou o níquel.

Partindo dun metal e facendo unha mestura sólida e homoxénea con outro metal ou outro elemento, se a unión resultante ten propiedades metálicas, diremos que temos unha aliaxe. Algúns exemplos de aliaxes son o aceiro, o alpaca (cinc, cobre e níquel), o bronce (cobre e estaño) ou o latón (cobre e cinc).


O aceiro é unha aliaxe composta por un metal, o ferro, e por un non metal, o carbono, o que non supera 1,8% en peso na composición. Se a porcentaxe de carbono supera o 2%, non é aceiro, é fundición, un material máis fráxil, que non admite forxa e que é preciso quentar sobre seu punto de fusión para poder moldealo. Engadindo outros elementos á composición, podemos obter outras variantes do aceiro con certas características, por exemplo, se engadimos cromo, obtemos aceiro inoxidable; se engadimos cobre, cromo e níquel obtemos o aceiro corten, un material empregado principalmente polo seu valor estético, cunha oxidación que forma unha capa protectora por ser impermeable ao vapor de auga.

O aceiro é un material fundamental na construción, e sobre todo nas estruturas, ben sexa usado directamente mediante perfís laminados, empregando barras corrugadas na fabricación do formigón armado, cables no formigón pretensado ou mesmo nos tirantes das pontes colgantes.

26 nov 2010

Fibrocemento e GRC

Como xa explicamos, un conglomerante é un material capaz de unir fragmentos dun ou varios materiais e dar cohesión ao conxunto mediante transformacións químicas que orixinan novos compostos. Pero os conglomerantes por si mesmos non os podemos empregar directamente para a construción, para iso é preciso mesturalos con outros compoñentes para obter materiais coas características que precisamos, de maneira que segundo os materiais que empregamos nas mesturas que facemos, podemos obter diferentes materiais. Imos ver que compostos podemos obter grazas ao cemento, e algún uso dos mesmos:

  • Coada: Cemento e auga. Emprégase para encher as xuntas que existen entre baldosas ou azulexos.
  • Morteiro: Cemento, árido fino e auga. Emprégase para tomar ladrillos ou facer revestimentos.
  • Formigón: Cemento, árido fino, árido groso e auga. Emprégase para facer estruturas resistentes.

En moitos casos, a estes materiais engádenselles, ou mestúranselles outros materiais. Un caso coñecido é o do formigón, ao que ademais da mestura mencionada, engádeselle aceiro para facer formigón armado ou pretensado, e desta maneira teña unha maior resistencia á tracción. Outro material que se obtén engadíndolle un material a unha das mesturas xa mencionadas é o fibrocemento, maioritariamente coñecido polo seu nome comercial: Uralita. Este material obtense da mestura do morteiro con fibras que lle confiren a este unha maior resistencia á tracción, e emprégase principalmente en pranchas onduladas para a formación de cubertas e como revestimento de fachadas de pouco valor estético. Ademais destes usos, tamén se empregan para canalizacións e depósitos de almacenaxe de auga. 

As pezas de certa antigüidade son perigosas por conteren amianto na súa composición, polo que para a manipulación dese tipo de materiais fai falta un equipo de man de obra especializado e cunhas condicións de seguridade especiais. De todos os xeitos, non vos debedes preocupar, xa que o problema non o provoca o material colocado, senón a súa manipulación e a inhalación do composto canceríxeno debido á inhalación do po que se produce na perforación ou no corte do mesmo.

Outro material derivado e menos coñecido é o GRC (Glass fiber Reinforced Concrete), un formigón moi fino ao que se lle engaden fibras de vidro. Este material úsase principalmente na composición de fachadas lixeiras e preséntase de dúas maneiras para ser colocadas sobre unha subestrutura metálica:

  • Panel sandwich: é un panel composto de tres capas, dúas exteriores de GRC e unha interior de illante.
  • Panel studframe: é un único panel de GRC sobre o que se proxecta unha capa de illante pola parte interior que despois será tapada por un tabique.

Outra aplicación, esta xa un pouco máis extravagante e menos coñecida, é o formigón translúcido, un formigón ao que se lle engade fibra óptica para permitir o paso da luz a través do mesmo. Como podedes observar, a partir de materiais tradicionais, e cunha pequena modificación, pódense obter novos materiais con novas características para novas utilidades.

Imaxe: Make Magazine.

9 oct 2010

LDK 43: Vidro e cristal

Popularmente denomínase "cristal" á parte transparente da ventá, cando en realidade un cristal é un sólido homoxéneo que presenta unha estrutura interna ordenada das súas partículas reticulares. Pola contra, o vidro é un material transparente, relativamente duro, resistente, esencialmente inerte e bioloxicamente inactivo, que pode ter superficies moi lisas e impermeables; é por isto último polo que probablemente se confundan ambos térmos, porque lisas lembra e confúndese con ordenadas, aínda que en realidade non ten que ver.

Para obter un vidro corrente, realízase unha mestura de varias materias primas, na que a máis abundante é a area de sílice, un material que pode aparecer na natureza en forma de cristal de cuarzo -estrutura ordenada-. Esta mestura quéntase nun forno ata a fusión de todos os materiais nunha masa amorfa, que posteriormente se mecanizará para deixala arrefriar e obter deste modo un material duro, inerte e impermeable da forma que desexemos, pero no que a súa estrutura interna non é ordenada.

En definitiva, a parte transparente da ventá é vidro, xa que non garda unha estrutura ordenada das súas partículas reticulares para poder denominala cristal.

2 oct 2010

LDK 40: Dureza e escala de Mohs

A dureza é unha propiedade mecánica dos materiais consistente na dificultade que existe para raiar ou crear marcas na superficie mediante micropenetración dunha punta. A dureza determínase con diferentes ensaios establecidos que nos permiten fixar unha clasificación.

Probablemente, a clasificación máis coñecida é a denominada "Escala de Mohs", non por ser a máis precisa, senón por ser a máis sinxela. Esta escala establece unha serie de 10 minerais ordenada de menor a maior dureza -con valor 1 o máis brando e 10 o máis duro-, aos que lles asigna unha serie de accións moi simples coas que se establecerá o rango ao que pertencen:

DurezaMineralAcción
1TalcoPódese raiar facilmente coa unlla.
2XesoPódese raiar con certa dificultade coa unlla.
3CalcitaPódese raiar cunha moeda de cobre.
4FluoritaPódese raiar facilmente cun coitelo.
5ApatitoPódese raiar con certa dificultade cun coitelo.
6OrtosaPódese raiar cunha lixa de aceiro.
7CuarzoRaia o vidro.
8TopacioÉ raiado polo corindón e por ferramentas de carburo de volframio.
9CorindónRaiado por ferramentas de carburo de silicio.
10DiamanteÉ o mineral máis duro coñecido, raiado por outro diamante.

24 sept 2010

Conglomerantes

Un conglomerante é un material capaz de unir fragmentos dun ou varios materiais e dar cohesión ao conxunto mediante transformacións químicas que orixinan novos compostos. Pola outra banda, os aglomerantes son materiais capaces de unir fragmentos dunha ou varias substancias e dar cohesión, pero por métodos exclusivamente físicos.

Os conglomerantes máis coñecidos son:

  • O xeso. Obtense a partir da deshidratación dunha pedra natural denominada alxez que, dependendo das temperaturas de deshidratación adquire diferentes características, e denominamos escaiola ao xeso de alta calidade e cun gran moi fino.
  • A cal. Tras aplicar calor ao carbonato de calcio (CaCO3) obtéñense dous compostos químicos, por unha banda o dióxido de carbono (CO2), e pola o outra o óxido de calcio, comunmente chamada cal vivo (CaO). Se mesturamos o cal vivo con auga obtemos hidróxido de calcio (Ca(OH)2), comunmente denominado cal apagado.
  • O cemento, obtense despois da pulverización do clinker, un compoñente que se forma tras calcinar pedra calcaria e arxila a unha temperatura duns 1400ºC.

Dentro da clasificación de conglomerantes existen dous tipos: aéreos e hidráulicos. Certos tipos de xesos e cales clasifícanse como conglomerantes aéreos, estes non conglomeran en contacto coa auga; pola contra, o xeso hidráulico, a cal hidráulica e o cemento portland poden fraguar somerxidos, o que os fai de gran utilidade para cimentacións de pontes, presas ou cimentacións en terreos pantanosos e similares, e denomínanse conglomerantes hidráulicos.

Todos estes materiais teñen unha data de caducidade a partir da cal perden propiedades, ademais deben ter unha almacenaxe coidadosa, de xeito que se eviten ambientes húmidos que poidan deterioralos, aínda que na práctica, en demasiados casos isto non é así, quedando expostos á intemperie.