Mostrando entradas con la etiqueta recursos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta recursos. Mostrar todas las entradas

30 may 2011

Citas e referencias, IV: O ACS Style.

Continuamos a serie de estilos de citación e referencia (anteriores: I, II, III) falando do ACS Style, o estilo desenvolvido pola American Chemical Society. Este estilo comezou a desenvolverse en 1986, e é o standard para as publicacións sobre química.


Citas no texto:

NO ACS Style as citas no texto poden seguir o esquema autor-ano, xa explicado no Apa Style, ou un sistema mediante numeración, ben regular entre parénteses, ben superescrita, que enviaría á información relevante nunha nota ao pé ou ao final do texto.


Lista de referencias:

Na lista de referencias o ACS Style segue unhas normas similares ás do MLA Style, se ben podemos apreciar algunha diferencia relevante, como a presencia dunha lista de revistas cuxos nomes han de aparecer abreviados necesariamente.

Pasemos a ver agora o formato da lista de referencias:

Artigo nunha revista:
Apelido, iniciais. Título da revista (abreviado).1 Ano, número da revista, páxinas.
Artigo ou carta ao director nun xornal ou revista periódica (non académica)
Apelido, iniciais. Título do artigo, Nome do xornal, Cidade, data completa, páxinas.
Libro:
Apelido, iniciais. Título do libro. Editora: Cidade, Ano.
Libro con varios autores:
Apelido, iniciais, e Apelido, iniciais. Título do libro. Editora: Cidade, Ano.
Libro editado:
Título do libro, Apelido, iniciais, Ed. Editora: Cidade, Ano.
Capítulo dun libro:
Apelido, iniciais. Título do capítulo. En Título do libro; Autor, Ed.; Editora: Cidade, Ano; páxinas.
Páxina web:
Autor. Título da páxina web. URL/doi (Data de acceso).
Elemento nunha páxina web:
Autor. Título do artigo. Título da páxina web. URL/doi (Data de acceso).
Artigo nunha revista impresa tomado de internet:
Apelido, iniciais. Título da revista (abreviado).[Online] Ano, número da revista, páxinas.


NOTAS:
1 Non é necesario, neste estilo, explicitar os nomes dos artigos, xa que co título e número da revista, e a paxinación, xa se pode chegar a eles.

17 may 2011

Malla Especial: Día das Letras - Lois Pereiro

Como sabedes, este Día das Letras que conmemoramos hoxe, 17 de maio (data de referencia da publicación de Cantares Gallegos, no ano 1863), está dedicado á figura de Lois Pereiro.

O obxectivo desta entrada é facer unha lista de recursos colaborativa, na que recompilemos os materiais e recursos dos que tivemos coñecemento durante estes días. Polo tanto, e coma sempre, non dubidedes en empregar os comentarios para mellorar e facer medrar esta lista de recursos:

En loispereiro.blogaliza.org podemos atopar unha colección de manuscritos, audiovisuais, traducións... moi interesantes.

Atopamos varias biografías, coma a da Praza das Letras, a de Galicia Digital, a da BibliotecaVirtualGalega, ou a de Henrique Mariño para Público.

Na web da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística atopamos un especial con moitos materiais, amosando un enfoque fundamentalmente didáctico.

No portal CulturaGalega.org atopamos outra biografía e varias novas, así como a descarga gratuíta de Loia. Na súa sección audiovisual atopamos un resumo das diferentes propostas audiovisuais sobre a figura de Lois Pereiro que se teñen presentado, así como a axenda dos actos do día de hoxe.

En Son de Poetas podemos atopar varios poemas de Lois Pereiro musicados.

Nesta ligazón (.pdf) podedes atopar o dossier da exposición "Lois Pereiro, lírica punk", do museo Verbum de Vigo.

Por último, desde a páxina da BibliotecaVirtualGalega, tedes acceso a algunhas das súas obras.

9 may 2011

Citas e referencias, III: O MLA Style

Continuamos a serie de estilos de citación e referencia (anteriores: I, II) falando do MLA Style. O MLA Style é o estilo desenvolvido pola Modern Language Association of America, publicado por primeira vez en 1985, e que se emprega no campo da literatura e as linguas modernas. É un estilo que se caracteriza pola concisión e a intención de evitar as redundancias.

Citas no texto:

No MLA Style as citas no texto varían de forma moi importante con respecto outros estilos de citación. No MLA Style o estilo non é autor-ano, senón autor-páxina ou autor-título-páxina. Ademais, prefírese incluír a información do autor dentro do texto e non entre parénteses. Vexamos agora estas diferencias:

Obra dun autor cunha soa obra na bibliografía: (Apelido do autor páxinas)

Obra dun autor con mais dunha obra na bibliografía: (Apelido do autor "Título do libro"1 páxinas)

Obra dun autor cunha soa obra na bibliografía co nome incluído no texto: (páxinas)

Obra dun autor con mais dunha obra na bibliografía co nome incluído no texto: ("Título do libro" páxinas)


Lista de referencias:

Na lista de referencias o MLA Style introduce algúns cambios sustanciais con respecto aos outros estilos: Ao aparecer listadas en orde alfabético, o nome do autor (en formato: Apelido, nome completo) só aparece na primeira obra referenciada. Nas seguintes referencias a obras dun mesmo autor aparecerá unha liña de tres trazos para marcar que o autor é o mesmo. Úsase tamén unha sangría inversa (de cinco espazos), de forma que os apelidos dos autores destacan cara a esquerda do corpo da lista de referencias. Outra diferencia importante é que é necesario marcar o medio de publicación (impreso, web, CD, Película, DVD...).

Pasemos a ver agora o formato da lista de referencias:

Artigo nunha revista:
Apelido, nome. "Título do artigo." Título da revista número da revista (Ano): páxinas. Medio de publicación.
Artigo ou carta ao director nun xornal ou revista periódica (non académica)
Apelido, nome. "Título do artigo," Nome do xornal, data completa: páxinas ou sección. Medio de publicación.
Libro:
Apelido, nome. Título do libro. Cidade: Editora, Ano. Medio de publicación.
Libro con varios autores:
Apelido, nome, e nome apelido. Título do libro. Cidade: Editora, Ano. Medio de publicación.
Libro editado:
Apelido, nome, ed. Título do libro. Cidade: Editora, Ano. Medio de publicación.
Capítulo dun libro:
Apelido, nome. "Título do capítulo" Título do libro. Ed. Autor. Cidade: Editora. páxinas. Ano. Medio de publicación.
Páxina web2:
Autor. Título da páxina web. Data de creación. Medio de publicación. Data de acceso. URL/doi
Elemento nunha páxina web:
Autor. "Título do artigo." Título da páxina web. Data de creación. Medio de publicación. Data de acceso. URL/doi
Artigo nunha revista impresa tomado de internet:
Autor. "Título do artigo." Título da revista, número da revista, (Ano): páxinas. Medio de publicación. Data de acceso. URL/doi.



NOTAS:
1 Pódense acurtar os títulos nas citas no texto, sempre e cando non xere confusión na identificación que se fará na lista de referencias.
2 O MLA Style non obriga a explicitar a URL dos lugares de internet visitados, senón que deixa a súa aparición ao criterio do escritor. Nós marcámolas para amosar como se colocarían.

18 abr 2011

Citas e referencias, II: O Chicago Style

O pasado venres presentabámosvos o primeiro dunha serie de posts sobre as diferentes escolas de citación e referencia co artigo sobre o APA Style. Hoxe falamosvos do Chicago Style.

O Chicago Style foi creado pola University of Chicago Press, e desde 1906 leva publicadas 16 edicións, a última en 2010. O estilo Chicago é empregado por historiadores e noutros ámbitos, mais a súa característica principal é o seu emprego moi habitual nos Estados Unidos.

O estilo Chicago caracterízase por unha maior liberdade de estilos. Así, con este estilo podemos empregar tanto o estilo autor-ano como as notas ao pé para referenciar unha cita no texto, e cada un deles leva consigo o uso dunha lista de referencias bibliográficas personalizada:

Estilo Autor-Ano.

O uso do estilo autor-ano nas notas no texto dá un resultado moi semellante, salvo pequenas diferencias, ao de empregar o APA Style.
Obra dun autor: (Apelido do autor ano)

Obra de dous autores: (Apelido do autor and Apelido do autor ano)

Obra de 3 ou máis autores: (Apelido do autor, Apelido do autor, [...] e Apelido do autor ano)

Obra dunha institución ou grupo: (Nome da institución ano)

Cita dunha páxina concreta: (Apelido do autor ano, páxinas)

Cita concreta dunha obra sen paxinación: (Apelido do autor ano, baixo "título da sección")

No tocante á lista de referencias, os cambios son un chisco máis importantes, especialmente no caso das referencias a páxinas web:

Artigo nunha revista:
Apelido, nome. Ano. Título do artigo. Título da revista, número da revista, páxinas.
Artigo con múltiples autores:
Apelido, nome e nome apelido. Ano. Título do artigo. Título da revista, número da revista, páxinas.
Artigo ou carta ao director nun xornal ou revista periódica (non académica)
Apelido, nome. Ano. Título do artigo. Nome do xornal, día e mes, páxinas ou sección.
Libro:
Apelido, nome. Ano. Título do libro. Cidade: Editora.
Libro con varios autores:
Apelido, nome e nome apelido. Ano. Título do libro. Cidade: Editora.
Libro editado:
Apelido, nome. Ed. Ano. Título do libro. Cidade: Editora.
Capítulo dun libro:
Apelido, nome. Ano. Título do capítulo. En ed. Autor , Título do libro, páxinas. Cidade: Editora.
Artigo nunha revista impresa tomado de internet:
Apelido, nome. Ano. Título do artigo. Título da revista, número da revista, páxinas. URL/doi.
Elemento nunha páxina web:
Apelido, nome. Título do artigo. Título da páxina web. URL/doi.


A referencia con notas.

O estilo de referencia con notas é bastante diferente. Consiste en marcar cunha chamada de nota o final do texto citado, e dar a referencia nunha nota, ben ao pé, ben ao final da páxina. No uso destas notas empregaríase o principio de economía, tentando obviar a maior cantidade de información repetida posible.
Seguindo o Chicago Style, a información nas notas sería a seguinte:

Primeira citación dunha obra (Exemplo: libro dun só autor):
Apelido, nome.Título do libro. (Cidade: Editora, Ano), páxinas1.
Subsecuentes citacións dunha obra:
Apelido, Título do libro, páxinas.
Citación que refire á mesma obra que a nota inmediatamente anterior:
Ibid2., páxinas.
A citación múltiple da mesma páxina dunha obra debe evitarse, e poñer no seu lugar:
Ver a nota número x, máis arriba.


A lista de referencias bibliográficas tamén cambiaría se seguimos este criterio:

Artigo nunha revista:
Apelido, nome. "Título do artigo," Título da revista, número da revista, (Ano): páxinas.
Artigo con múltiples autores:
Apelido, nome e nome apelido. "Título do artigo," Título da revista, número da revista, (Ano): páxinas.
Artigo ou carta ao director nun xornal ou revista periódica (non académica)
Apelido, nome. "Título do artigo," Nome do xornal, data completa, páxinas ou sección.
Libro:
Apelido, nome. Título do libro. Cidade: Editora, Ano.
Libro con varios autores:
Apelido, nome e nome apelido. Título do libro. Cidade: Editora, Ano.
Libro editado:
Apelido, nome, Ed. Título do libro. Cidade: Editora, Ano.
Capítulo dun libro:
Apelido, nome. " Título do capítulo" Editado por Autor , Título do libro, páxinas. Cidade: Editora, Ano.
Artigo nunha revista impresa tomado de internet:
Nome Apelido "Título do artigo," Título da revista, número da revista, (Ano): páxinas. URL/doi.
Elemento nunha páxina web:
Nome Apelido "Título do artigo," Título da páxina web. URL/doi.


NOTAS:
1 En xeral, na primeira aparición a obra citarase do mesmo xeito que na bibliografía, a excepción dos libros e derivados, nos que cidade, editora e ano irán entre paréntese.
2 Abreviatura de ibidem.

8 abr 2011

Citas e referencias, I: Introdución e APA Style

Un dos puntos críticos que ten que pasar toda persoa que prepara un traballo científico ou académico chega á hora de presentar as citas e referencias empregadas durante a preparación do traballo. Con este post queremos comezar unha pequena serie onde tratar algúns dos estilos de citación e edición de referencias bibliográficas máis importantes, tentando explicalos do xeito máis básico posible.

En calquera caso, cómpre lembrar antes de comezar que os estilos de citación son meras guías que podemos seguir ou non, e que en moito casos podemos (ou incluso somos obrigados a) modificar. O principio que debe seguir a nosa escrita é a rigorosidade e a sistematicidade, tendo en conta tamén que sempre se deben de seguir as indicacións da institución ou editora correspondente á hora de escribir un traballo.


O APA Style

O primeiro estilo que imos explicar é o APA Style, o estilo da American Psychological Association. O APA Style úsase nas ciencias sociais e do comportamento, nomeadamente na Psicoloxía, a Antropoloxía ou as Ciencias da Educación; ademais de na Lingüística Xeral. A súa guía, o Publication Manual of the American Psychological Association apareceu por vez primeira en 1929, sendo a versión máis recente a sexta edición, que apareceu en 2009.

O APA Style marca unhas directrices que sobardan o campo que tratamos neste post, o das citas e as referencias. Así, este estilo marca a presenza dunha serie de partes que terán que estar presentes no traballo, a saber:

  • Páxina do título
  • Abstract
  • Texto (corpo do traballo)
  • Referencias
  • Notas ao pé
  • Taboas (cada unha nunha páxina)
  • Imaxes e diagramas (cada unha nunha páxina)
  • Apéndices (se os houber)

Cada unha delas ten tamén unha serie de normas que tratan aspectos coma o tamaño das marxes, o tipo de letra, o formato dos encabezados, etc.; así como outros aspectos máis éticos relativos aos dereitos de autor, á imparcialidade e ao uso "aséptico" da linguaxe.

Citas no texto.

O recoñecemento da autoría allea das ideas nas que se basea o traballo que escribirmos ou das palabras que citarmos é básico para evitar casos de plaxio involuntario. Para isto, hanse de referenciar sempre no corpo do texto tanto aquelas palabras doutros autores que esteamos citando como aquelas ideas relevantes para o noso traballo que non sexan de autoría propia.

Se facermos unha cita textual, está poderá ficar inserida dentro do parágrafo do texto, entre comiñas, se non supera as 40 palabras de extensión. No caso de as superar ou de ser unha cita de máis dun parágrafo, será separada do resto do texto e presentada cunha sangría maior da habitual.

As referencias no texto úsanse para referenciar a autoría ou tratamento alleo de ideas ou conceptos tratados no texto pero que non chegan a constituír unha cita. As referencias no texto seguen as seguintes directrices no APA Style, que tamén valen para as citas textuais, tendo en conta que neste caso será necesario inserir tamén a páxina ou páxinas das que tomemos o texto citado:
Obra dun autor: (Apelido do autor,1 ano)
Obra de dous autores: (Apelido do autor & Apelido do autor, ano)
Obra de 3-5 autores, 1ª cita: (Apelido do autor, Apelido do autor, [...] & Apelido do autor, ano)
Obra de 3-5 autores, subsecuentes citas: (Apelido do 1º autor et al., ano)
Obra de 6 autores: (Apelido do 1º autor et al., ano)
Obras sen asinar: ("Título do artigo"/Título do libro, ano)

Hai que ter en conta que se a totalidade ou parte desta referencia forma parte da estrutura sintáctica non será necesario incluíla entre parénteses. Exemplos:
Como Autor ilustrou (ano)...
En ano, un importante estudo (Autor & Autor)...
En ano o importante estudo de Autor...

A lista de referencias bibliográficas.

Como é ben sabido, toda referencia feita no texto debe aparecer ao final da obra na lista de referencias bibliográficas. A lista de referencias debe estar ordenada alfabeticamente polo apelido do autor, e dentro de obras dun mesmo autor estas deben ser ordenadas pola data de publicación, sexa esta directa ou inversa. Hai que sinalar tamén que, no caso das referencias de documentos electrónicos, o APA Style dá prioridade aos doi's sobre as URLs, polo que, de ter doi o documento, será este o dato que debemos expresar para amosar o lugar onde obtivemos a información.

Seguindo o APA Style, debemos seguir as seguintes normas á hora de presentar a nosa lista de referencias bibliográficas:

Artigo nunha revista:
Autor2. (Ano). Título do artigo. Título da revista, número da revista, páxinas.
Artigo sen autor (editorial, etc.) nunha revista:
Título do artigo. (Ano/data completa). Título da revista, número da revista, páxinas.
Carta ao director dun xornal:
Autor. (Data completa). Título da carta (Carta ao director). Nome do xornal, p. páxina.
Libro:
Autor. (Ano). Título do libro. Cidade: Editora.
Libro editado:
Autor. (Ed.). (Ano). Título do libro. Cidade: Editora.
Libro dunha edición distinta á primeira:
Autor. (Ano). Título do libro (Número de edición). Cidade: Editora.
Capítulo dun libro:
Autor. (Ano). Título do capítulo. En Autor (Ed.), Título do libro (pp. páxinas). Cidade: Editora.
Artigo nunha revista impresa tomado de internet:
Autor. (Ano). Título do artigo. Título da revista, número da revista, páxinas. Accedido o data, desde URL/doi.
Artigo nunha revista publicada só en internet:
Autor. (Ano). Título do artigo. Título da revista, número da revista, identificación do artigo [De existir]. Accedido o data, desde URL/doi.
Elemento nunha páxina web:
Autor. (Ano/Data completa). Título do artigo. En Título da páxina web. Accedido o data, desde URL/doi.
Páxina web sen autores nin data de publicación:
Título da páxina web. Accedido o data, desde URL/doi.
Artigo nunha páxina web sen autores nin data de publicación:
Título do artigo. En Título da páxina web. Accedido o data, desde URL/doi.
Comunicacións persoais:
(Autor, comunicación persoal, data completa).
Películas:
Director (Director) & Produtor (Produtor). (Ano). Título da película [Película]. Cidade: Distribuidora.


Tamén aquí aplicamos as normas do número de autores como explicamos máis arriba na sección de referencias no texto.


Con isto consideramos que cubrimos as principais posibilidades de elementos a incluír na nosa lista de referencias, se ben o APA Style cubre moitas máis posibilidades, desde audiolibros a teses doutorais, pasando por abstracts e artigos da Wikipedia.


Notas:
1 O estilo de letra e os signos de puntuación que aparecen dentro do texto destacado forman parte do estilo marcado. Así mesmo, o texto que deixamos en negro amosa que ten que ser reproducido textualmente. Os signos de puntuación que son da nosa autoría, coma elisións, etc. aparecen [entre corchetes].

2 O formato que marca o APA Style na lista de referencias é:
Apelido, Inicial/Iniciais.
Porén, hoxe en día, e despois dunha campaña da crítica feminista na que solicitaba que se amosa o nome para amosar a feminidade das autoras, moitas veces aparece o seguinte formato:
Apelido, NomeCompleto.