A Wikipedia define a calor coma a transmisión de enerxía dun sistema a outro por mor dunha diferenza de temperatura.
Pero a definición de temperatura xa é algo máis complicada, para tentar explicala vou facer un pequeno símil:
Imaxinemos dous depósitos detrás dunha parede (opaca) cunha fenda que nos permite observar que nivel de auga gardan ambos. Que podemos deducir deses datos? Que o que teña o nivel máis alto ten máis cantidade de auga? Non, pois non sabemos as dimensións nin a forma deses depósitos (o do nivel alto podería ser dunha botella de litro e medio e o o nivel baixo dunha bañera mediada de auga), só sabemos o nivel, entón o único que podemos afirmar é que a auga circulará do depósito con maior nivel ao de menor ata igualarse. Pois a cantidade de auga é equivalente á cantidade de calor (ou calor a secas) e o nivel da auga é a temperatura.
Para medir a temperatura temos diferentes escalas, a principal e máis coñecida aquí é a escala de Celsius, quen tomou o 0 na temperatura de fusión da auga destilada a presión dunha atmosfera (nivel do mar), e tomou 100 como punto de ebullición. O punto máis baixo desta escala é o -273,15ºC, que é o cero absoluto, unha temperatura teórica a partir da cal non se lle daría extraído máis calor a un sistema, deste modo, para evitar traballar con números negativos Kelvin usou as divisións de Celsius, pero tomando o valor 0 no cero absoluto. Despois están escalas Fahrenheit, o cal toma unhas divisións distintas ás de Celsius e a escala Rankine, que toma as divisions de F pero tomando como punto inicial o cero absoluto.
Seguimos cas unidades, definimos caloría (Cal) como a cantidade de calor precisa para elevar a temperatura dun gramo de auga un grado Celsius (ou Kelvin, lembrádevos que as divisións son iguais). Deste modo deducimos que a cantidade de calor [Q] é proporcional á masa [m] e á calor específica [Ce] (magnitude física que indica a cantidade de calor subministrada para aumentar a temperatura dun gramo dese material nun ºC, a da auga é 1[Cal/g·ºC]). Entón canto maior sexa a masa, maior sexa a calor específica e maior sexa a diferenza de temperatura entre os corpos que poñemos en contacto, maior será a cantidade de calor traspasada. [Q=Ce·m·Δt]
Pero só hai transmisión de calor entre dous corpos en contacto? non, seguramente vos soe que hai tres formas de transmisión de calor: radiación, condución e convección. Radiación é a transmisión a través de ondas electromagnéticas (ondas... que raro), a transmisión por condución prodúcese a través de dous corpos en contacto e a convección a través de correntes de fluído que se xeran pola diferencia de densidade entre o fluído quente e o fluído frío.
Ata aquí a entrada de hoxe, sinto semellante cantidade de conceptos teóricos, pero a partir de aquí virán varias entradas centradas en conceptos prácticos, e seguro que algún vos parecerá fermoso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario