24 dic 2009

Presión do aire e sons non pulmonares.

Na miña última entrada falei da vibración como base da comunicación natural, e dicía que a materia prima era o aire expulsado polos pulmóns. O aire sae dos pulmóns debido a que os músculos intercostais e o diafragma volven á súa posición de repouso, facendo que a cavidade torácica sexa máis pequena. Isto provoca que a presión do aire no interior dos pulmóns sexa maior e que se produza un diferencial entre o aire de dentro e fóra dos pulmóns. Ao igual que co calor, cando as dúas masas con presións diferentes entran en contacto, a presión tenderá a igualarse, provocando unha circulación de aire desde o que teña maior presión ao que teña menor, neste caso desde os pulmóns á atmósfera.

E ben, a maioría dos sons que empregamos os seres humanos ao comunicarnos empregan o aire residual da respiración durante a espiración, mais hai máis formas que o uso do aire espirado de cara a conseguir un diferencial de presión que cree unha corrente de aire.

Os sons creados mediante o uso dunha corrente de aire que non procede do pulmón chámanse sons non-pulmonares.
Os sons non pulmonares caracterízanse por aproveitar para a súa articulación aire contido nunha cavidade creada por dous peches: un posterior, na glote ou na zona velar; e outro anterior, nos labios, dentes, alveolos, padal ou velo do padal.

Dende un punto de vista acústico, os sons non pulmonares vense caracterizados no espectrograma por dúas explosións. A primeira débese á apertura do peche na zona anterior, e chega a durar ata 20 ms, e a segunda é producida pola apertura do peche posterior. Entre ambas hai un periodo de silencio de ata 150 ms, como se pode ver abaixo, no espectrograma dunha consoante exectiva alveolar.



Atendendo á zona na que se produce o seu peche posterior, os sons non pulmonares clasifícanse en dous grupos principais: as consonantes non pulmonares glotais, e as consonantes non pulmonares velares.
As consonantes non pulmonares glotais divídense á súa vez en dous tipos: Os sons exectivos, nos que a acción da glote provoca que o aire saia da cavidade bucal, e os sons implosivos, nos que a acción glotal provoca que o aire entre nesa cavidade.

Os sons exectivos producense mediante a creación dunha corrente de aire egresiva glotálica. Para producilos é necesario pechar a glote, crear unha oclusión na zona de articulación correspondente á consoante que queramos articular (no velo do padal para [k̛], por exemplo) e pechar o paso de aire á cavidade nasal coa úvula. Así, fórmase unha cavidade na que unha cantidade de aire queda atrapada. A continuación, a glote ascende pola acción dos músculos larínxeos, e o aire da cavidade queda comprimido, tendo máis presión que o exterior. Ao relaxar a oclusión anterior, o diferencial de presión fai que o aire escapa cara a fóra, creando un son exectivo.
As exectivas aparecen aproximadamente nun 20% das linguas do mundo, en linguas amerindias, africanas e caucásicas, como o quechua ou o tigré. As máis comúns parecen ser as velares [k̛].

Exemplos da realización de consonantes exectivas son:

A exectiva bilabial [pʼ].
A exectiva alveolar [tʼ].
A exectiva velar [kʼ].


Os sons implosivos son levados a cabo mediante a creación dunha corrente de aire ingresiva glotálica. Para a súa produción, é necesario crear unha cavidade similar á dos sons exectivos, pechando a glote e o paso de aire á cavidade nasal, ademais de formar un peche na zona de articulación da consonante que desexemos emitir (por exemplo, para a labial [ɓ], pechando os beizos). A continuación, empregamos os músculos larínxeos para facer descender a glote, de forma que a presión na cavidade formada é inferior á do exterior. Ao relaxar a oclusión anterior, o aire exterior entra na cavidade, por mor do diferencial de presión, creando un son implosivo.
Durante a emisión de implosivas sonoras a glote non se pecha completamente, senón que está parcialmente pechada e vibrando por mor da saída de aire pulmonar.

Os sons implosivos aparecen nun dez por cento das linguas do mundo, sendo máis comúns as consonantes implosivas sonoras que as xordas.
Entre as linguas nas que aparecen os sons implosivos sonoros están o zulú, ou o xosa... Linguas con sons implosivos xordos son o quechua ou o tojolabal, entre outras linguas de América Central.


Exemplos da realización de consonantes implosivas son:
A implosiva velar sonora [ɓ].
A implosiva alveolar sonora[ɗ].
A implosiva palatal sonora [ʄ].

Os sons non pulmonares velares ou clics necesitan para a súa produción a creación dunha corrente de aire ingresiva velar. Para producilos é necesario crear unha oclusión coa lingua na zona do velo do padal, e outra cos beizos ou a lingua na zona de articulación da consonante que desexemos emitir. Nesta cavidade queda atrapada unha cantidade de aire, que, ao descendermos a parte central da lingua, ampliando o tamaño da cavidade, ve descendida a súa presión. Ao abrirse as oclusións anterior e posterior sucesivamente, o aire entra na cavidade por mor da menor presión desta, producíndose o son.
Os clics emitidos clasifícanse en función do seu punto de peche anterior, en 5 tipos: Bilabial [ʘ], Dental [ǀ], Alveolar [ǃ], Palatal [ǂ] e Lateral [ǁ].
Os clics só aparecen en linguas faladas en África con valor fonémico, pero son usados como sinais extralingüísticas en todo o mundo. Os clics son especialmente comúns nas linguas koisanas, aínda que tamén aparecen nalgunhas linguas bantús. Os clics extendéronse dende as tribus bosquímanas a todas as outras, levando só uns poucos centros de anos nos sistemas consonánticos de linguas como o zulú. Moitos lingüistas teñen tamén especulado sobre a posibilidade de que os clics formasen parte do sistema fonolóxico dunha suposta protolinguaxe.

Os clicks, quizais os sons non pulmonares máis coñecidos despois da película "Os deuses deben estar tolos", vense moito mellor en contexto, por exemplo, o deste falante de Xosa:



Bibliografía:

Bernárdez, Enrique (1999). ¿Qué son las lenguas? Madrid: Alianza Editorial
Crystal, David (1987) The Cambridge Encyclopedia of Language. Cambridge: Cambridge University Press.
Ladefoged, Peter (2001). Vowels and consonants: an introduction to the sounds of languages. Oxford & Malden, MA: Blackwell
Ladefoged, Peter & Maddieson, Ian (1996). The Sounds of the World's Languages. Oxford: Blackwell
Laver, John (1994). Principles of Phonetics. Cambridge: Cambridge University Press.
Martínez Celdrán, Eugenio (1998) Análisis espectrográfico de los sonidos del habla. Barcelona: Ariel
Moreno Cabrera, Juan Carlos (2003) El universo de las lenguas. Madrid: Castalia.

Sons extraídos da Wikipedia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario