15 feb 2010

As calefaccións

Seguindo aquel post da calor, imos a supoñer que estamos nunha habitación que queremos manter a 20ºC (quen me di a cantos kelvin é igual?), unha vez chegados á temperatura desexada, se non existisen perdas caloríficas, poderíamos apagar a calefacción, pero non é así.

Agora pensemos, un dos motivos polos que pode baixar a temperatura do local é por mor da condutividade térmica dos materiais que o envolven -todos os materiais conducen a calor, uns máis e outros menos-, o outro motivo pode ser o que denominamos con "perdas caloríficas por infiltración", estas perdas son debidas ao aire que circula do interior ao exterior -e viceversa- polas xuntas das portas e das ventás, xa que estas non deben ser herméticas. Se fosen herméticas viciaríase moito o ambiente e pasaría a ser inhabitable.

Imos a centranos nas primeiras, as perdas por transmisión. Os cerramentos (paredes que dan ao exterior) adoitan estar formados -de interior a exterior- por un enlucido (unha capa de morteiro, xeralmente de xeso), unha folla de ladrillo, unha cámara de aire, unha capa de material illante, outra capa de ladrillo e finalmente un recubrimento (ben sexa con morteiro de cemento, pedra ou calquera outra cousa). Como curiosidade, o illante pódese colocar tanto na parte interior como na parte exterior da cámara de aire e o cerramento será igual de illante, a posición condicionaraa tanto a execución como as condensacións interiores do muro.


Tanto o illante como a cámara de aire serán importantes na resistividade térmica (o inverso á conductividade) do cerramento, pois deste modo rompemos o que se denomina ponte térmica. A ponte térmica é unha parte da superficie cunha resistividade menor ca o resto do paramento, por exemplo onde hai un pilar, onde remata un forxado, ou nunha caixa de persiana. Este problema non é doado de solucionar, aínda que adoitamos poñer aislante para que minimice os efectos.


A foto que vedes sobre estas liñas é un elemento continuo de interior a exterior cunha condutividade alta, un claro exemplo do que NON se debe facer. Aínda que tendo en conta os acristalamentos, tampouco vaiades pensar que se nota moito. A foto está sacada nunha das aulas de debuxo da EUAT da Coruña, un claro "fai o que eu digo e non o que eu fago".

PS: Sinto que a foto saíse borrosa, pero xa empezaba a afrouxar a luz.

No hay comentarios:

Publicar un comentario