Chámaselle protección contra incendios ao conxunto de medidas que tomamos para protexer os usuarios e mais os propios edificios dos efectos do lume. Existen, igual ca nos coches, dous medios de seguridade: activos e pasivos. Activos son aqueles que funcionan como resposta ao lume: os detectores, os difusores de auga ou os extintores. Os medios pasivos, son aqueles que retardan ou evitan a propagación do lume; por exemplo, a apertura das portas cara ao exterior para favorecer a evacuación, a distribución ou deseño dos locais ou os materiais cos que se realizan as construcións para que, dependendo da localización, non ardan, non boten fume durante a combustión ou que non se derreta e solten gotas incandescentes.
Hoxe imos falar da protección contra incendios dunha parte da edificación, quizais a máis delicada por ser unha das principais vías de evacuación, onde concorren todos os corredores: as escaleiras. Falabamos xa hai tempo das chemineas, e diciamos que traballaban por diferenza de presións, de maneira que unha gran altura facilitaba esta diferenza; tamén pedíamos que fose vertical e que non tivera obstáculos, e isto cúmpreno o oco do ascensor e o oco da escaleira que, aínda que non é un conduto perfectamente vertical, ten unha sección uniforme e ascendente sen obstáculos, e vai dende o punto máis baixo do edificio, o soto, ata o punto máis alto, o baixocuberta. Que quere dicir todo isto? Que, en principio, o fume vai ascender pola escaleira e polo oco do ascensor de maneira que, ao empregar esas vías de escape, estámonos enfrontando ao risco polo que se producen a maior número de mortes nos incendios, a intoxicación por mor fume. Para evitar isto, a escaleira constitúese coma un sector de incendio. Os denominados sectores de incendio, son aquelas estancias construídas por elementos resistentes ao lume que garanten a estanquidade fronte ao lume, durante un tempo determinado, para que desta maneira non se estenda.
Ao establecer a escaleira, ou o ascensor, como sector de incendio independente evitamos que se, polo motivo que sexa, se produce un incendio nos rochos da planta baixa, o fume ascenda polo oco. Outro método que se emprega como complemento a este, é romper a continuidade da escaleira; se nun edificio moderno de certa altura intentades subir dende o soto ata a planta de baixocuberta, é probable que nalgún momento as escaleiras desemboquen nunha porta e teñades que saír desas escaleiras para poder acceder a outras. Así, desta maneira, evitamos o fluxo continuo de fume se, polo motivo que sexa, falla o sistema polo cal se debería pechar a porta automaticamente.
Desta maneira, nunca deberedes empregar un ascensor en caso incendio, debido a que, por unha banda, se non está protexido, aínda que non pare a maquinaria, estaredes expostos a unha grande cantidade de fume. E pola outra, se si que está protexido, é para uso exclusivo dos bombeiros, sendo eles os que deban administralo.
E, para finalizar, un dos maiores atentados contra a seguridade fronte a un incendio é a típica cuña que evita que a porta de acceso ás escaleiras se peche. Isto é un perigo, xa que no momento en que un pouco de fume entra e ascende pola escaleira, tira polo resto do fume e, por tanto, polo incendio, alimentándoo e levándoo cara a principal vía de evacuación. Non bloqueedes as portas para que queden sempre abertas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario