3 sept 2010

Tipos de solicitacións

Todo o que nos rodea está sometido a algún tipo de esforzo estrutural, ben sexa a cadeira na que estamos sentados, a mesa na que está apoiado o ordenador ou o brazo que terma do flexo. Os esforzos máis habituais son o axil, cortante, flector e torsor.

Comezamos co axil. O axil é un esforzo paralelo ao eixe lonxitudinal da peza. Un esforzo axil está provocado por dúas forzas que traballan en sentidos opostos, ben sexa comprimindo -por exemplo unha columna- ou traccionando -os cables dunha ponte colgante-. Se facemos unha analoxía cun corpo humano parado mentres terma de dúas bolsas da compra moi cargadas, as pernas están traballando a compresión e os brazos a tracción.

O segundo esforzo, o cortante, é o resultante de dúas tensións paralelas en sentidos opostos, por exemplo, nunha viga apoiada nun piar, o piar tende a suxeitar a viga na parte extrema, e a carga tende a baixar a viga polo vano, isto provoca a rotura por cortante preto do apoio formando unhas fendas a 45º que nos indican a dirección perpendicular ás traccións.


Continuando coa analoxía do corpo humano que terma das bolsas, este é o esforzo que tende a que se solte o brazo polo ombreiro; a columna terma, pero o peso das bolsas tende a "desencaixalo". Está claro que seguramente non é o sitio intuitivo polo que rompería debido a que hai lugares moito máis febles.

Esforzo flector é o que, dito dunha maneira un pouco bruta, tende a curvar o eixe lonxitudinal dun elemento estrutural, véxase unha regra apoiada en ambos os dous extremos á que lle poñemos unha goma no medio. Esta curvatura é debida a un momento, e un momento é unha forza aplicada a unha distancia, pero que quere dicir isto? Pois volvendo ao exemplo de antes, se o mesmo individuo das bolsas decide cargalas todas do lado esquerdo, deste modo ten a man dereita libre, pero ten o seu tronco sometido a flexión, é dicir, tende a curvarse. Supoño que estaremos todos de acordo en que para percorrer unha distancia con dúas pesadas bolsas é preferible ter o peso repartido en ambas mans, deste modo contrarréstanse o momento exercido de cada unha das bolsas, estando deste modo a columna vertebral equilibrada e sometida soamente a compresión.

Por último, a torsión é un esforzo que se presenta cando se aplica un momento arredor do eixe lonxitudinal. En construción acontece cando se apoia unha viga -denominada brochal- sobre outra, e non sobre un piar como é habitual. O peso deste brochal crea un momento que tende a retorcer a viga sobre a que se apoia dando lugar a unha deformación similar á seguinte:


Calquera estrutura máis ou menos sinxela está solicitada por estes esforzos, estando sometida a un ou varios deles. Podemos lembrar o caso das estruturas de vector activo como elementos que -na teoría- están soamente sometidos a axil, ao contrario qó caso da regra coa goma, que xa estaría sometida a cortante e a flexión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario