20 jun 2011

Procesos de formación de palabras.

Normalmente, ao pensar en como creamos palabras novas pensamos na derivación e na composición. A derivación é chamada en lingüística afixación, e consiste na adición dun afixo derivacional a unha palabra. Este afixo pode ser un prefixo ou un sufixo, dependendo do lugar de adición do mesmo. A composición, pola súa parte, consiste en unir dúas palabras nunha soa.

Porén, os procesos de formación de palabras van máis alá das palabras compostas ou derivadas. Na entrada de hoxe tentaremos explicar outros procesos, partindo dunha lingua coñecida como é o inglés.

Reduplicación:

A reduplicación é un tipo de composición na que os dous elementos son iguais ou moi parecidos, dando lugar a palabras de uso informal, co sentido de movemento con cambios de dirección ou a imitación de sons. Exemplos: zigzag, walkie-talkie, tic-tac.

Conversión:

A conversión ou zero-derivation consiste en usar unha palabra noutra categoría sen adicionar ningún afixo. As substantivacións, adxectivacións etc. poderían ser considerados exemplos deste proceso, se ben os mellores exemplos atópanse en inglés. (referee: "arbitro", "arbitrar")

Cambio do acento:

O cambio de acento (stress shift) é un proceso intimamente ligado ao anterior: ao igual que na conversión, úsase unha palabra noutra categoría sen adicionar ningún afixo, mais neste caso prodúcese un cambio na posición do acento, dunha sílaba para outra.
Os mellores exemplos son os do inglés.
cómbine > combíne
cóncrete > concréte
ímplant > implánt
ábstract > abstráct
réwrite > rewríte
tránsport > transpórt

Derivación regresiva:

A derivación regresiva ou back-formation prodúcese cando unha palabra nova é creada mediante a eliminación dun afixo doutra palabra, creando unha base nova que non fora usada como palabra anteriormente.
Exemplos:
debatir > debate
marchar > marcha
pronunciation > pronunciate
hamburger> burger

Acurtamento:

O acurtamento ou clipping prodúcese cando creamos unha nova palabra eliminando elementos dunha palabra polisilábica. Exemplos:
bicicleta > bici
matemáticas > mates
brother > bro

Acrónimos:

Os acrónimos son palabras formadas coas iniciais dun grupo de palabras que designan un concepto, e que normalmente van en maiúsculas. Exemplos:
OTAN, NASA, SIDA
SCUBA (Self-Contained Underwater Breathing Apparatus).

Blending:

O blending consiste na formación de palabras con partes doutras dúas palabras. Exemplos:
Motel (motor + hotel)
smog (smoke + fog)
cyborg (cybernetic + organism)

Préstamos:

Os préstamos son palabras tomadas doutra lingua, que poden ter sido ou non sido adaptadas.
Exemplos:
banana, sushi, spaguetti, yogur, hora feliz.

No hay comentarios:

Publicar un comentario