16 may 2011

Que podemos facer coa tecnoloxía NFC?

Temos falado, sobre todo en Mallando no Android, da tecnoloxía NFC (Near Field Communication), cada vez máis presente nos dispositivos electrónicos como os smartphones. Pero, que é realmente a tecnoloxía NFC? Que podemos facer con ela?


A tecnoloxía NFC é un sistema de comunicación de curto alcance (é capaz de transmitir en distancias de arredor de 10 cm) e a alta frecuencia, na banda dos 13,56 MHz, polo que non é preciso contar con autorización para a súa utilización. Derivan dos RFID, dos que xa falaramos en Mallando hai algún tempo.

A súa taxa de transferencia é bastante baixa, da orde dos 424 kbits/s, polo que o seu uso non está orientado á transmisión de arquivos (fotos, vídeos...), senón á identificación e validación.

Dispón de dous modos de funcionamento:
  • Activo: os dous equipos implicados na transmisión xeran un campo electromagnético para intercambiar datos.
  • Pasivo: só un dos equipos xera un campo e o outro aprovéitase deste para intercambiar a información.
Ao chip pódeselle inserir información para poder facer pagos ou identificarse, polo que nese eido é onde están as utilidades máis obvias, pero tamén os esforzos pola seguridade da transmisión, entrando en xogo o protocolo SSL.
  • Identificación: pensemos en empresas nas que existe algún sistema de control de acceso, con tan só achegar o móbil poderíamos acceder ao recinto, sen necesidade de cargar con tarxetas de acceso separadas.
  • Pagos. É a aplicación que pode ter unha incidencia máis directa no día a día da xente, como pode ser o pagamento en servizos de transporte urbano.
  • Recolilida de datos. Pódense poñer etiquetas RFID a cousas (por exemplo, nun cartel) e que ao achegar o móbil podamos obter información detallada (información turística, horarios...)
En España existen varias experiencias piloto, como as de Telefónica no acceso do seu persoal ao Distrito C. Ademais, en varias cidades como Sitges estanse a facer probas como método de pago no transporte e noutros establecementos, con 1500 usuarios adheridos ao programa e 500 comercios e servizos.

Doutra banda, a comezos de marzo deste ano, Vodafone, Movistar e Orange acordaron establecer un estándar común para a realización de pagos de xeito sinxelo co móbil por achegamento ao receptor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario