Xa vos comentáramos que, aproveitando a nosa viaxe a Barcelona para asistir ao MWC, visitaríamos as instalacións da Comisión del Mercado de las Telecomunicaciones. Trátase dun organismo cuxa labor é pouco coñecida, e que a moitos lle soa por novas na prensa do estilo 'A CMT expedienta a tal Concello por ofrecer WiFi de balde', visión totalmente desprestixiada dun organismo regulador.
Pero vaiamos por partes: que é a CMT? Que fai?
A CMT é, por definición, o Organismo Público regulador independente dos mercados nacionais de comunicacións electrónicas e de servizos audiovisuais. A súa creación vén do Real Decreto-Ley 6/1996, de 7 de junio, de Liberalización de las Telecomunicaciones. Diferentes decretos e leis foron regulando as súas funcións; na actualidade, o seu funcionamento réxese pola Ley 32/2003, de 3 de noviembre, General de Telecomunicaciones, que recolle no artigo 48 o réxime xurídico, patrimonial e presupostario da CMT, así como o o seu obxeto e funcións, e a composición do seu Consejo.
Fonte: CMT
O Consejo da CMT está formado principalmente por enxeñeiros de telecomunicación e avogados. Reúnese todos os xoves para estudar e resolver conflictos (por exemplo, entre operadoras), facer análises de mercado e elaborar informes e recomendacións, que fan públicos a través da súa páxina web, www.cmt.es
Analicemos pois algúns puntos da conversa que mantivemos sobre diversos asuntos:
Analicemos pois algúns puntos da conversa que mantivemos sobre diversos asuntos:
Numeración
Unha das competencias da CMT é a asignación dos bloques de numeración ás operadoras. Estas, pola súa banda, deben elaborar un informe anual sobre o estado dos números que teñen asignados (se están operativos, que se fai con eles...).
Entre as novidades neste ámbito está a asignación do primeiro bloque de números que comezarán por 7, asignados a Orange. Esta apertura a un novo rango é froito de estimacións que calculan que o número de números dispoñíbeis no rango do 6 quedará esgotado no 2012. Neste sentido, os números que comezan por 7 estarán operativos cara finais de ano.
Doutra banda, a semana pasada soubemos que tamén se asignará numeración móbil co 5, concretamente co 59, adicados ao M2M (Machine to Machine).
Portabilidades en 24 horas
Na actualidade, a lei fixa un máximo de 5 días para realizar as portabilidades. A novidade sobre portabilidades en 24 horas vén derivada dunha normativa comunitaria. Estará operativa en non moito tempo, e terá que axilizar os trámites entre operadores (xa existe a parte técnica necesaria).
WiFi de balde
O tema das WiFis de balde quizás sexan o asunto polo que a CMT é máis coñecida, debido moitas veces ao sensacionalismo da prensa. Non se trata de que a CMT vaia polo Estado pechando redes sen fíos municipais, senón de regular. Vaimos por partes.
A lexislación vixente non contempla as telecomunicacións como un servizo público, senón de interese xeral. Este pequeno matiz, imperceptíbel para os que non estamos acostumados a termos legais, é a base do embrollo. Implica, entre outras cousas, que se unha entidade pública (un Concello, por exemplo) quere poñer en marcha unha rede WiFi ten que cumplir unha serie de requisitos, o máis básico: rexistrarse como operador na CMT.
Alén diso, non poderá destinar fondos públicos á rede (lembremos, non é un servizo público), polo que esta débese manter por si mesma (polos usuarios).
Sen embargo, existen excepcións nas que si que se pode ofrecer un servizo de acceso a Internet de balde:
- Se é unha rede privada para empregados.
- Se está en proceso de probas ou promoción.
- Se está en sitios públicos, como por exemplo parques. Este tipo de conexións estarán limitadas a velocidades de 256 Kbps de baixada, e cun acceso capado (excluídos sites de pornografía, violencia, P2P, étc).
Malia todo, esta regulación pode contemplar algunha flexibilidade. Por exemplo, se nun concello ningún operador está disposto a investir nunha rede de telecomunicacións, poderíase estudar o caso particular.
O resto de WiFis dispoñíbeis (por exemplo, dunha cafetaría) non se rexe por esta normativa, xa que se trata dun servizo polo que esa empresa que ofrece un servizo gratuíto aos seus clientes xa está a pagar a unha operadora.
Fin das tarifas planas. Pode facer algo a CMT?
Ao ser un mercado liberado, a Comisión do Mercado das Telecomunicacións non se pode meter co que fagan os operadores coa súa rede, nin cos produtos que ofrezan. O ente regulador só ten como función establecer o prezo maiorista, o que o operador dominante (Movistar) cobra ao resto de operadores por usar a súa rede.
Neste sentido, Movistar ten a obriga de dar capacidade a outros operadores de usar a súa rede nas mesmas condicións, até un máximo de 30 Mbps, así como ofrecerlles un espazo nas súas centrais para qu poidan instalar os seus equipamentos. Así, se por exemplo e a súa rede ten nun determinado lugar capacidade para 20 Mbps, todos os operadores teñen que ter acceso a dita velocidade.
OMV. É difícil montar un?
Sabedes que dun tempo a esta parte teñen xurdido moitos Operadores Móbiles Virtuais, pensados para colectivos determinados. Preguntamos se era moi complicado montar un, e dixéronnos que non. O papeleo pódese facer en 15 días e os trámites son de balde. As dificultades, claro está, están nas negociacións con algunha operadora con rede propia.
Reparto das frecuencias
O tema do reparto das frecuencias, do que xa temos falado no blogue, é un tema que depende do Ministerio de Industria. Dende a CMT só poden levar a cabo recomendacións, en base aos diferentes estudos que levan a cabo, pero non asignalas.
Agradecemento
Hei de dicir que a visita á CMT resultou do máis interesante. Tiven o pracer de compartir unha interesantísima conversa con varias responsábeis de comunicación do ente, que fan unha notoria labor de difusión dun organismo que está moito máis próximo a nós do que poidamos imaxinar.
Así que grazas por brindarnos a posibilidade de poder visitar o edificio e manter esta xuntanza.
Gracias a vosotros por venir y por sintetizar nuestra actividad para que nos conozcan mejor :)
ResponderEliminarsaludos
Blogcmt
http://blogcmt.com/