1 oct 2011

LDK 195: Bloody Mary

Todos coñecemos o Bloody Mary, o cóctel de vodka e zume de tomate.

Mais hoxe non vimos falar do cóctel, senón dunha muller que se gañou pasar con este nome á historia: a raíña Mary I de Inglaterra.

Mary I foi a primeira filla do rei Henry VIII, que tivo coa súa primeira muller, Catalina de Aragón.

Como diciamos hai uns días, á morte de Henry VIII seguiu unha época de grande inestabilidade política e relixiosa. Á morte de Henry sucedeuno o seu fillo Edward (Edward VI), produto do seu terceiro matrimonio, con Jane Seymour.

Edward e o seu consello aprofondaron nas reformas protestantes, evoluíndo cara a unha igrexa máis alonxada do catolicismo. Porén, Edward era un rapaz de 15 anos moi enfermizo, e vendo a súa morte próxima e sen sucesor, tentou evitar por todos os medios que a coroa recaese na seguinte na liña de sucesión, a súa irmá Mary, chegando (el ou o seu consello?) a facer un plan para que o trono recaese nunha súa curmá, Lady Jane Grey, que reinou só por 9 días antes de ser executada.

E por que querían evitar que o trono recaese en Mary? Pois a resposta era sinxela: Mary, filla de Catalina de Aragón, era católica.

Mary subiu ao trono en xullo de 1553, e comezou prometendo que non faría seguir a súa relixión aos seus súbditos, pero só dous meses despois xa tiña no cárcere a algúns dos líderes da Igrexa de Inglaterra, como John Bradford, Hugh Latimer ou Thomas Cranmer. Pouco despois, no primeiro Parlamento do seu reinado, aboliu todas as leis sobre relixión do reinado de Edward, deixando unha doutrina semellante á do seu pai.

Porén, estes só serían cambios superficiais. Mary quería reconciliarse co Papado, e en pouco tempo convenceu ao Parlamento de derogar todas as leis relixiosas do seu pai, deixando só con efecto a confiscación das terras dos mosteiros, agora en man de nobres dos que necesitaba o apoio. En 1554, a Igrexa de Inglaterra volvía á lealdade do papado, e revivían as Leis de Herexía.

E aquí é onde Mary gañou o seu nome de Bloody "Sanguenta". Baixo estas leis, un bo número de sacerdotes e nobres protestantes sufriron persecución: 283 persoas foron executadas, a maioría queimados na fogueira coma herexes, e uns 800 tiveron que exiliarse.

Mary, a pesar da súa impopularidade, continuou con estas políticas até a súa morte, en 1558. Durante o seu reinado xurdiu un importante sentimento anticatólico en Inglaterra, que faría que as cousas fosen difíciles para os poucos católicos que quedaban. Trala súa morte, coa volta ao protestantismo de Elizabeth, os executados foron declarados mártires da Igrexa de Inglaterra, e Mary gañou o título de sanguenta polas súas cases 300 execucións en 5 anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario