DLNA son as siglas de Digial Living Network Alliance, un estándar acordado por numerosos fabricantes para a distribución de contido multimedia entre diferentes dispositivos conectados a unha mesma rede doméstica, xa sexa conectada mediante WiFi ou a través de Ethernet (e mesmo combinación de ambas).
Na actualidade son preto de 250 os fabricantes que se acolleron a este estándar, entre os que figuran as principais empresas tecnolóxicas (Acer, HP, LG, Microsoft, Motorola, Samsung, Sony Ericsson...).
A principal vantaxe deste estándar é a sinxeleza xa que non precisa ningunha configuración: todos os aparellos compatíbeis e certificados por DLNA poderanse conectar directamente, xa que se autodetectarán eles sós. Isto é posíbel grazas á tecnoloxía UPnP (Universal Plug-and-Play), que descubre e conecta os aparellos compatíbeis.
Cámaras de fotos, portátiles, móbiles, tablets, discos duros, teles... todos os gadgets que podes imaxinar pode que teñan acceso DLNA, coa vantaxe que iso supón: posibilidade de ver as fotos da cámara ou un vídeo no disco duro dende a tele sen conexións, amosar un xogo do móbil na tele... vamos, o que se che ocorra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario