BMW son as siglas e Bayerische Motoren Werke (Fábricas bávaras de motores) e, como todos sabemos, un fabricante de automóbiles e motocicletas. As súas orixes remóntase a 1913, aínda que por aquel entón a empresa chamábase Rapp Motorenwerke GmbH. O cambio de nome chegaría en 1917, pasando a ser BMW GmbH para rematar en BMW AG case un ano despois. Estes últimos cambios viñeron motivados polo paso de ser unha sociedade limitada a unha anónima.
Os comezos da compañía xiraron arredor da fabricación de motores para avións, tarefa coa que conseguiron notábeis logros, como un motor de compresión que non perdía prestacións coa altitude e que supuxo unha revolución por aquel entonces.
Durante moito tempo comentouse que o logo da compañía simbolizaba unha hélice de avión xirando enerxicamente sobre o ceo azul, como unha lembranza ás orixes da compañía, mais aportacións recentes indican que isto non foi así. De feito as cores dos cadrantes do logo, rexistrado en 1917, simbolizan as cores da imaxe do Estado Libre de Baviera, aínda que coa orde cambiada debido á prohibición de empregar os símbolos nacionais como imaxe comercial.
Pero a crenza das orixes do logo como combinación de aspas e ceo azul teñen a súa explicación, aínda que é bastante posterior ao rexistro do logo. E é que en 1929 a compañía empregou a imaxe dunha avioneta co símbolo de BMW nas aspas nunha campaña publicitaria dos seus motores radiais. Esa imaxe unida a un errado artigo de Wilhelm Farrenkopt de 1942 no que se facía referencia a esta orixe non fixeron máis ca espallar esa crenza, que aínda segue viva hoxe en día.
Xa para rematar, comentar a modo de anécdota que o logo de BMW permaneceu practicamente inalterado dende a súa orixe agás lixeiros cambios de dimensións, tipografía ou axuste de cor, con excepción das décadas de 1970 e 1980, na que se incrustou o círculo dentro doutro coas cores do BMW Motorsport. Ademais, está entre os 10 logos máis recoñecidos do mundo.
Fontes
No hay comentarios:
Publicar un comentario