19 ago 2011

ABS

O ABS, do alemán AntiBlockierSystem (sistema antibloqueo), é un sistema que evita que as rodas dun vehículo se bloqueen e perdan efectividade na freada.

Naceu da man de Bosch para os avións co rexistro das primeiras patentes que datan dos anos 30, mais ata a chegada da electrónica nos anos 70 non se introduciu no mercado. A partir de aquí, o sistema implementouse no resto dos vehículos: camións, coches e motocicletas; ata facerse obrigatorio en todos os turismos fabricados na Unión Europea a partir do 2004.

O sistema conta cunha bomba que vai conectada ao circuíto hidráulico de freado e cun contador de voltas nas rodas. Cando, durante unha freada brusca, se bloquean unha ou varias rodas, o sistema detéctao e fai que o circuíto hidráulico deixe de facer presión nesa roda para desta maneira desbloqueala. Unha vez desbloqueada, o sistema volve facer presión para que volva frear e repite o ciclo unhas 50 ou 100 veces nun segundo; o que para o condutor se traduce nunha vibración no pedal do freo.

O ABS permite acurtar a distancia de freado debido a que o coeficiente de rozamento estático é maior ca o coeficiente de rozamento dinámico, é dicir, custa máis mover algo que está en repouso ca unha vez que xa o comezamos a mover, e aínda que a roda non está en repouso, pode non estar esvarando, e aumenta o rozamento entre ela e o chan.

Ademais, ao non derrapar durante a freada brusca, as rodas teñen máis adherencia e permite xiralas para cambiar a trazada do vehículo e así poder esquivar un obstáculo que, doutra maneira, sería imposible evitar porque o vehículo seguiría recto.

Finalmente, tamén serve para equilibrar as freadas das rodas. Se por exemplo, as dúas rodas esquerdas circulan por unha placa de xeo mentres que as dereitas non, nun coche sen ABS as rodas dereitas frearían máis e o coche faría un "trompo" cara a ese lado. Nun coche con ABS, estas dúas freadas equilíbranse e evitan o "trompo" do coche.

A implementación do ABS nos turismos foi unha medida que evita que se produzan moitos accidentes que doutra maneira si se producirían.

No hay comentarios:

Publicar un comentario