9 jun 2011

LDK 147: Colo de botella

En organización chámaselle colo de botella dun conxunto de recursos ao recurso que, por ter menor produción, condiciona a todos os demais. Este é o punto da planificación de actividades onde se crean as colas, e é a actividade que establece o tempo de ciclo da nosa produción; unha vez resolto este problema, o tempo de ciclo diminúe e as colas desaparecen.

Imos ver un exemplo; imaxinemos dúas cuadrillas de obreiros facendo tabique do que, en teoría, deberían facer 50 mao día, pero resulta que a primeira xornada só fan 35 m2. A primeira idea é pensar que ao empezar cunha nova tarefa e ao non estaren asentados, non teñen o rendemento óptimo, e decidimos agardar a que a produción medre, pero isto non acontece. A segunda idea intuitiva sería meter máis recursos, é dicir, outra cuadrilla, porque nós temos comprometida unha data, e con ese ritmo non a damos cumprido. Con todo, o rendemento segue sen subir e, ao estudarmosprofundamente a actividade, dámonos conta de que o problema é que os operarios sempre están agardando pola masa. Entón, o problema é que só temos unha formigoneira, e por iso non damos cumprido a produción comprometida. Se traemos outra formigoneira, a produción de masa é suficiente e os rendementos alcanzan o valor esperado.

Definitivamente, hai que observar e estudar os procesos para descubrir cal é o recurso que forma o colo de botella e, por tanto, marca o tempo de ciclo, para poder corrixilo e chegar á produción agardada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario