23 abr 2011

LDK 127: O día do libro

Como sabedes, hoxe é o día do libro. Esta festa ten a súa orixe na celebración da Diada de Sant Jordi en Cataluña, sendo documentada polo menos desde 1925 a tradición de as parellas se intercambiaren un libro e unha rosa.

Ao mesmo tempo, en 1926 comezaron os esforzos para a creación dun Día do Libro que conmemoraría a figura de Miguel de Cervantes. Orixinariamente a data escollida era o día do seu nacemento, o 7 de outubro, mais en 1930 mudou ao día da súa morte, o 23 de abril, de forma que en Cataluña produciuse a unión das dúas conmemoracións.

Non foi até 1995 cando a UNESCO decidiu outorgar caracter oficial e mundial á conmemoración do Día do Libro. Na elección da data tívose en conta non só a tradición catalana xa existente, senón tamén o feito dunha triple coincidencia: o 23 de abril de 1616 teríanse producido as mortes de Miguel de Cervantes, William Shakespeare e o Inca Garcilaso. En realidade, as mortes non ocorreron o mesmo día, xa que Cervantes morreu o día 22, sendo enterrado o 23, e Shakespeare morreu o día 3 de maio segundo o calendario gregoriano, que corresponde ao 23 de abril no calendario xuliano.

Tedes máis información na páxina oficial da Unesco sobre o Día Internacional do Libro e os Dereitos de Autor (si, tamén aquí aparecen os omnipresentes dereitos de autor).

Foto de David Botello.

No hay comentarios:

Publicar un comentario