28 mar 2011

A Union Jack

A Union Jack é a bandeira do Reino Unido. É unha bandeira complicada, moi alonxada das típicas tres barras verticais ou horizontais que forman a maior parte das bandeiras do mundo.

A Union Jack ten esta forma debido a que é a superposición de tres bandeiras, ou, mellor dito, de tres cruces: as cruces dos tres patróns dos países que conformaban o Reino Unido, a saber:
Para explicar a súa historia temos que ter en conta a historia do propio Reino Unido. En 1603, trala morte da raíña Elizabeth I, James VI de Escocia, o seu sucesor máis próximo, ascendía ao trono de Inglaterra como James I, unificando baixo o poder dun só rei as coroas de Escocia e Inglaterra.

En 1606, para amosar esta unión, o Rei emitiu un decreto:
By the King: Whereas, some differences hath arisen between Our subjects of South and North Britaine travelling by Seas, about the bearing of their Flagges: For the avoiding of all contentions hereafter. We have, with the advice of our Council, ordered: That from henceforth all our Subjects of this Isle and Kingdome of Great Britaine, and all our members thereof, shall beare in their main-toppe the Red Crosse, commonly called St. George’s Crosse, and the White Crosse, commonly called St. Andrew’s Crosse, joyned together according to the forme made by our heralds, and sent by Us to our Admerall to be published to our Subjects: and in their fore-toppe our Subjects of South Britaine shall weare the Red Crosse onely as they were wont, and our Subjects of North Britaine in their fore-toppe the White Crosse onely as they were accustomed.
Por este decreto creábase unha bandeira que era unha superposición das cruces de St.George e St.Andrew, isto é, dos patróns de Inglaterra e Escocia, tal e como se amosa nesta imaxe:


Esta bandeira adquiriría categoría oficial tralas Acts of Union de 1707 que unificaban as dúas coroas cun só rei nun só estado, o Reino Unido de Gran Bretaña.

Máis adíante, trala unión formal de Irlanda ao Reino Unido coa Act of Union de 1800, que daría lugar ao Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda, agregouse tamén a bandeira de San Patricio, dándolle á Union Jack a súa forma actual.


O dragón vermello de Cadwaladr, rei de Gwynedd, que aparece na bandeira galesa, non foi incorporado ao deseño por mor de que na data da creación da bandeira, 1606, o principado de Gales, que fora conquistado por Edward I en 1282, xa estaba unido formalmente con Inglaterra, despois das Wales Acts de 1535-1542.

Trala firma do Anglo-Irish Treaty o 6 de decembro de 1921 e a conseguinte independencia de Irlanda, a bandeira puido ter retornado ao seu estado anterior a 1800, mais a decisión dos seis condados maioritariamente protestantes de Irlanda do Norte de permanecer no Reino Unido fixo innecesaria esta modificación, e actualmente a Union Jack é a bandeira que representa o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario