30 mar 2011

Drenaxe e impermeabilización (por Carlos Rivera)

Trátase dun sistema construtivo que ten por obxecto evitar o deterioro que a presenza de auga poida causar nos elementos aos cales protexe, mediante a captación e condución das augas, a través de condutos ou de materiais filtrantes até o lugar de descarga. E cales son as causas que provocan a presenza de humidades no terreo?

-Capilaridade, a auga ascende polos cerramentos, sobre todo no arranque dos mesmos, a través de tubos capilares. Isto sucede cando a tensión de adherencia é maior á forza da gravidade.

-Nivel freático, aquel no que nos atopamos con auga subterránea que pode penetrar nos elementos construtivos por presión hidrostática.

-Filtracións, a auga introdúcese nos elementos construtivos a través das xuntas, poros ou grechas producidas por escoamento a favor da gravidade ou por acción da presión dinámica en sentido ascendente do vento.

-Condensacións, que se producen cando unha masa de aire húmido entra en contacto cunha superficie de temperatura inferior á de orballo.

Temos que ter conta tamén as xeadas, que producen deterioro nos muros debido á expansión da auga ao solidificarse. Ademais, a participación da auga en determinadas reaccións químicas pode dar lugar a carbonatacións, corrosións, lixiviación ou eflorescencias.

Para a execución do sistema, que neste caso concreto, trata de protexer da auga unha galería baixo unha autovía, despois de facer unha limpeza do elemento a protexer, aplícase unha emulsión asfáltica en dúas capas de espesura máximo 2 mm coa que conseguimos un recubrimento con boa adherencia e sobre a cal se dispón unha lámina drenante nodular unida a un xeotéxtil que absorbe e filtra a auga do terreo. A lámina evita a acción da presión hidrostática sobre o muro e o contacto directo do muro coa humidade, protexendo o muro de filtracións.

Estas láminas veñen subministradas en rolos que se estenderán co xeotétil contra o terreo e disporán de fixacións ao longo e ancho da lámina coa axuda de pequenos listóns, solapándoas uns 15 cm. Logo téndese o tubo de drenaxe, flexible, corrugado e con perforacións en todo o seu perímetro. Unha vez que se dispón este tubo, execútase un recheo con grava filtrante ao redor do tubo que quedará envolto polo xeotéxtil que se atopa unido á lámina drenante.



Xa para rematar, lévase a cabo un recheo de terras que deixará a galería enterrada e por encima do que se disporán as capas dos materiais pertinentes para a execución do pavimento da autovía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario