25 feb 2011

A historia textual de O Señor dos Aneis

O Señor dos Aneis, a magna obra de John Ronald Reuel Tolkien, non é unha triloxía, como moitos a consideran, senón unha soa novela en seis libros, se ben publicada habitualmente en 3 volumes.

O primeiro volume, A Irmandade do Anel, publicouse por primeira vez en Gran Bretaña en xullo de 1954 (George Allen & Unwin) e en Estados Unidos en outubro dese mesmo ano (Houghton Mifflin Company).

Xa nestas primeiras edicións Tolkien atopouse con problemas tipográficos e diversos erros, así como con correccións "ben intencionadas" por parte do editor que subvertían a vontade de Tolkien. Entre elas están a alteración de dwarves para dwarfs, de elvish para elfish, de further para farther, de nasturtians a nasturtiums ou de elven a elfin.

O segundo volume, As Dúas Torres, foi publicado en Gran Bretaña en novembro de 1954, e en Estados Unidos en abril de 1955. Mentres tanto, Tolkien traballou no índice de nomes e lugares, así como na información sobre as diversas linguas empregadas na novela. Este índice foi abandonado sen rematar, e publicado inconcluso no terceiro volume, O Regreso do Rei, que apareceu en Graan Bretaña en outubro de 1955 e nos Estados Unidos en xaneiro de 1956.



Durante máis dunha década, o texto do Señor dos Aneis permaneceu practicamente estable, se ben algunhas correccións do propio Tolkien foron engadidas nas sucesivas reimpresións, nas que tamén se introduciron novos erros tipográficos. Esta estabilidade rematou en 1965, cando a editorial americana Ace Books publicou unha edición non-autorizada do Señor dos Aneis para evitar pagar dereitos de autor. Para isto recompuxo o texto, introducindo deste xeito novos erros tipográficos.

Ante esta edición, Tolkien comezou a traballar nunha primeira revisión a fondo do texto da novela para conseguir unha edición autorizada e revisada que puidese competir no mercado americano. Esta edición foi publicada nos Estados Unidos por Ballantine Books en outubro de 1965. Ademais das revisións textuais, Tolkien introduciu un novo prólogo e modificou partes moi importantes dos apéndices. Porén, ao recibir a súa copia, os apéndices aínda continuaban tendo erros, o que amosa nunha entrada do seu diario en febreiro de 1966:
"I have worked for some hours on the Appendices in Ballantine version & found more errors than I at first expected."
As revisións destes apéndices serían incorporadas ás diferentes reimpresións da edición Ballantine ao longo de 1966. Porén, non sempre foron incorporadas correctamente, aumentando a complexidade.

A seguinte edición revisada foi publicada en Gran Bretaña en outubro de 1966 (Allen & Unwin), mais, ao estar tomada da primeira impresión da edición Ballantine, non incluía as correccións incorporadas nas sucesivas reimpresións, especialmente a versión correxida dos apéndices. Ademais, incorporou aínda máis erros, que non foron correxidos até moito máis adíante. En Estados Unidos publicaríase unha copia fotográfica desta revisión en febreiro de 1967 (Houghton Mifflin), que ademais de repetir os erros incluía novas dificultades para a historia textual ao vacilar a data de copyright nas diferentes reimpresións. Porén, a edición de referencia en Estados Unidos seguiu sendo a Ballantine, o que fixo que se crearan dúas liñas diverxentes de edicións en Estados Unidos e en Gran Bretaña.

Tolkien, mentres tanto, seguía preocupado coa importante cantidade de erros, e continuou revisando o texto, incorporando correccións á reimpresión da edición 1966 de Allen & Unwin, e continuaría traballando até a súa morte en 1973.

O seu fillo Cristopher, continuador dos traballos do seu pai, enviou parte das súas correccións postumas para seren incluídas na edición de Allen & Unwin de 1974. Despois, Cristopher Tolkien continuaría a envíar correccións buscando unha case que imposible integridade textual. Porén, con cada recomposición para a súa adaptación a novos formatos aparecían novas erratas.

Tanto a edición de Allen & Unwin como a Ballantine permaneceron bastante estables durante varias décadas, até que en 1987 Houghton Mifflin decidiu adoptar para o mercado americano a variante británica, incluíndo novas correccións de Cristopher Tolkien e integrando nun só libro as dúas liñas de variación textual, tomando como base a edición británica de Allen & Unwin e axuntándolle a información extra das correccións aos apéndices das reimpresións da edición Ballantine.

Xa en 1994, o texto foi procesado informaticamente por vez primeira, permitindo unha maior uniformidade nas seguintes edicións, aínda que, inevitablemente, tamén apareceu algunha errata. Este texto foi utilizado na edición de HarperCollins (Gran Bretaña 1994) e Houghton Mifflin (Estados Unidos 1999), así como na versión ilustrada editada conxuntamente por ambas editoriais en 2002. Por último, novas correccións foron incluídas na edición especial do 50 aniversario (2004), despois de comparar opticamente os caracteres das diferentes edicións, unha tarefa levada a cabo por Steven Frisby e que permitiu fixar un texto estable.

Porén, a estabilidade do texto non implica que sexa totalmente coherente ou libre de erros: hai que ter en conta que Tolkien escribiu O Señor dos Aneis ao longo de 18 anos, durante os cales cambiou de opinión en diversas ocasións, mentres que noutras non foi totalmente sistemático. Por exemplo, hai constancia nos seus manuscritos de diversas inconsistencias, especialmente no uso de maiúsculas e puntuación, así como cambios de opinión ou evolución das personaxes, especialmente no caso de Aragorn, co que chegou a plantexarse a incorporación de Éowyn a un triángulo amoroso. A historia do Señor dos Aneis podería ter ido por camiños completamente diferentes.


NOTA:
Esta entrada está baseada na Note on the Text de Douglas Anderson para a edición de Maio de 2004.

1 comentario:

  1. Interesante entrada, curioso que o mesmo autor tivera erros, inda que nunha obra tan extensa e que na que tardou 18 anos en facela parece loxico eses erros e cambios de parecer.

    Lido como che prometera.

    ResponderEliminar