11 feb 2011

Gmail a fondo (II)

A semana pasada falabamos de características que nos podíamos atopar en Google Labs de Gmail, o almacén de aplicacións avanzadas para o noso correo de Google.

Hoxe imos ver como sacarlle o máximo partido. Debemos pois achegarnos á lapela de configuración, onde atoparemos 13 apartados que iremos analizando: Xeral, Etiquetas, Contas e importación, Filtros, Reenvío e correo POP/IMAP, Chat, Clips da web, Labs, Gadgets, Prioritarios, Sen conexión, Temas e Buzz.

Comezarei esta análise polo final

Buzz


Google Buzz é un servizo lanzado por Google a comezos do 2010, presentado como unha apliación dos seus servizos de comunicacións.

Pretendía Pretende ser a rede na que se compartan contidos, de xeito moi semellante a Twitter, inda que sen ter as restriccións típicas da rede de microblogging por excelencia. É dicir, Buzz non pon límite de caracteres nin tampouco de contido (pódense incluír directamente fotografías, vídeos, ligazóns...).

Nesta pestana dentro da nosa caixa de correo podemos configurar o xeito no que Buzz se integra en Gmail (que contidos amosar, preferencias de integración con outras redes, inhabilitación do servizo, étc).

Temas


Falaba anteriormente de que unha das grandes vantaxes de Gmail fronte outros servizos de correo electrónico é o importante nível de personalización que permite. Na pestana de Temas temos 40 para elixir, cifra que vai medrando pouco a pouco.

Sen conexión

Non sempre é posíbel dispór de conexión a Internet, pero iso non ten por que ser un handicap para non poder redactar os nosos correos electrónicos para que sexan enviados ao recuperar dita conexión. Axudándose da memoria caché, Gmail sen conexión permítenos facer iso.

Neste vídeo amósasenos como funciona.



Prioritarios

Priority Mail é unha das aplicacións máis recentes presentadas por Gmail. Basicamente o que fai é dividir os correos en 2 tipos: prioritarios e non prioritarios. Esta elección faina Google en base ao uso que facemos habitualmente do correo, dos contactos que temos, étcetera. Se, por exemplo, nos escribimos moito con alguén, a priori ese contacto será prioritario.

Obviamente, este servizo non é infalíbel, polo que nós somos capaces de corrixir esa elección automática que fai Google, marcando como prioritarios correos que Google non consideraba como tal ou viceversa.

Nesta lapela podemos configurar as preferencias de Prioritarios: se desexamos telo activado ou non, que bandexa de entrada amosar (global ou separada), étc.

Gadgets


A semana pasada falabamos que dende o Labs podíamos activar a posibilidade de instalar gadgets de terceiros introducindo a url onde está. Tendo iso activado no Labs, a través desta pestana é dende onde se poden instalar.

Labs

Accedemos ao mesmo menú ca dende a icona dunha probeta que vos comentaba a semana pasada. As opcións son as mesmas.

Chat

O chat de Gmail, tamén cocñecido como Google Talk, debido ao software de mensaxería instantánea desenvolto por Google, é unha das características estrelas de Gmail. Permite conversar cos nosos contactos dende a propia caixa de correo.

Dende esta lapela do menú de configuración podemos revisar as súas características e probar que todo funciona: a cámara web, os micrófonos e altofalantes... pero tamén opcións relacionadas co almacenamento (ou non) das conversas nun historial.

Reenvío e correo POP/IMAP

Gmail permítenos reenviar o noso correo a outra(s) contas de correo. Dende esta lapela podemos configurar esta opción, indicando se queremos que se conserve a mensaxe orixinal na bandexa de entrada ao ser reenviada ou se non.

Doutra banda, dende este apartado podemos configurar o correo POP/IMAP. POP vén de Post Office Protocol e trátase do protocolo de xestión máis extendido de correo electrónico. Úsase cando queremos configurar a nosa conta para usala non dende a versión web da caixa de correo, senón cun programa (cliente) de correo electrónico instalado no noso computador.

Pola súa banda, IMAP vén de Internet Message Access Protocol e trátase doutro protocolo de xestión do correo, que se diferenza do POP en que permite o acceso a múltiples cartafoles nos servidores.

Así pois, dende este apartado pódese configurar se se permite este tipo de uso da nosa conta de Gmail.

Filtros

Os filtros son unha ferramenta moi útil para a xestión do noso correo electrónico. A súa aplicación permite elixir que facer cos correos que cumplan unha serie de características.

Entre os criterios de filtrado están o remitente, as mensaxes que conteñan unha serie de palabras que especifiquemos.... unha vez definidos estes, debemos escoller que acción levar a cabo:


Contas e importación

Xa comentamos que Gmail permite exportar o correo a través do protocolo POP. Mais, que acontece se temos contas que aceptan este protocolo e queremos recibilas na nosa caixa de correo de Gmail? Podemos? Si. E é moi sinxelo. En tan só 7 pasos podemos levalo a cabo, e só precisaremos ter os datos da conta que queremos importar.

Nesta sección tamén poderemos configurar contas para "Enviar correo como...". É dicir, se traballamos con contas de correo diferentes para diferentes ámbitos da nosa vida e non queremos ter que andar cambiando de caixa de correo cada vez que queremos enviar unha mensaxe cunha conta diferente, dende este apartado poderemos configurar as diferentes contas que poderemos empregar.

Etiquetas

En Etiquetas poderemos levar a cabo a acción de control das etiquetas que temos configuradass no noso correo. Hai algunhas, as propias de Gmail (Recibidos, Papeleira...) que non son eliminábeis, mais si que podemos decidir se quremos ocultalas ou non.

Sobre o resto de etiquetas, as que facemos nós, podemos levar a cabo todo tipo de accións.

1 comentario:

  1. Aquí gustaríame ter recibido algunha información adicional sobre a integración de GMail con Google Docs á hora de manexar os adxuntos, ou as posibilidades de enviar correos personalizados e "plantillas" con modelos, ou como ir máis alá co uso de Google Apps e o correo no teu dominio, etc.

    ResponderEliminar