20 ago 2010

As familias lingüísticas I: Introdución e macrofamilias africanas.

No post sobre tipoloxías lingüísticas falábamos de que quizais a clasificación lingüística máis coñecida sexa a das familias de palabras.

A clasificación xenealóxica das linguas baséase na idea de que hai grupos de linguas que proveñen ou evolucionan dunha lingua común. Así, o galego, o español e o francés, por exemplo, proveñen do latín, constituíndo unha familia común.

Porén, esta relación xenética ten lugar a diversos niveis, como nunha taxonomía biolóxica, e o grupo de linguas descendentes do latín, ou linguas romances, únense ás linguas xermánicas e as linguas eslavas, entre outras, para formar unha macrofamilia, ou phylum: as linguas indoeuropeas.

A agrupación das linguas en familias e phyla baséase nas correspondencias a nivel de vocabulario e de estrutura gramatical de grupos de linguas. Porén, este método, chamado método comparativo, do que falaremos noutra entrada máis adíante en detalle, non dá resultados 100% seguros, habendo agrupacións discutibles e discutidas, xa que, por definición, os resultados deste método son incomprobables empíricamente: Non podemos comprobar o estado lingüístico dun grupo de falantes nun momento dado sen documentos escritos, documentos que van desaparecendo, pouco a pouco, a pouco (en termos evolutivos) que miremos cara a atrás na historia.

Porén, seguindo a clasificación feita por Ruhlen¹ (1987: 286-289), podemos distinguir un número de macrofamilias², das que neste post nos centraremos nas do continente africano, deixando á parte Madagascar, que trataremos noutra entrada.



Phylum AFROASIÁTICO: Con máis de 200 linguas e de 175 millóns de falantes, exténdese polo norte de África e a península arábiga. Inclúe linguas como o árabe, o hebreo ou o maltés (famila semítica); tuareg ou cabila (familia bereber); somalí e outras linguas de Etiopía e Eritrea (familia cusita); hausa e outras linguas do centro de África (familia chádica), as pequenas linguas da familia omótica e a familia exipcia, na que se clasifican o exipcio clásico e o exipcio demótico, estando todas as linguas desta familia xa extintas, salvo o copto, que continúa sendo empregado para usos litúrxicos.
Características comúns a boa parte destas linguas son o seu sistema vocálico simple, a presencia de consoantes glotais e faringais ou a morfoloxía por derivación interna.

Phylum NIXER-CORDOFANO ou NIXER-CONGO: con máis de 1.000 linguas e de 180 millóns de falantes, é a macrofamilia co maior número de linguas, e ocupa boa parte da África Subsahariana.
Este phylum está caracterizado por utilizar un sistema de clases nominais, (dos que algunhas linguas teñen até 20 diferentes) que clasifica os substantivos en función de diversas características, normalmente acordes a categorías tradicionais (animado vs. inanimado; animal vs. vexetal vs. mineral), mais a veces acordes a outras categorías, relacionadas co significado cultural que os falantes destas linguas lles dan ás palabras.
Dentro desta macrofamilia atopamos linguas como o wolof, pertencente á familia do atlántico occidental; o yoruba e o ibo, da familia de Volta-Congo; e, entre outras familias e subfamilias, todas as linguas bantúes, entre as que destaca o swahili.

Phylum NILO-SAHARIANO: Inclúe máis de 100 linguas, faladas por algo máis de 10 millóns de persoas, esparcidas polo leste do Sáhara e outras zonas de África central e oriental.
A maior característica común destas linguas é ter un sistema de número singulativo-colectivo (no que se marcan os elementos singulares, e non os plurais), con presencia tamén de plurativo (marca específica dalgúns plurais).
Entre as linguas máis coñecidas desta macrofamilia están o nubio e o maa, a lingua propia dos masai, se ben estes normalmente son trilingues en maa, swahili e inglés.
Tense proposto (Gregersen, 1972) que os phyla Nilo-Sahariano e Nixer-cordofano forman un só macrophylum, denominado Congo-Sahariano, pero non hai consenso ao respecto.

O último phylum africano é o das linguas KHOISANAS. As linguas khoisanas, non máis de 40, son faladas por menos de medio millón de persoas que viven no deserto do Kalahari. As linguas khoisan son linguas aillantes, pero se por algo se caracterizan é pola presenza dos Clicks, un conxunto de sons (dos que xa falamos aquí) que son cuase-exclusivos desta macrofamilia³.
Tense argumentado que estas linguas son unha mostra dos estados primixenios de evolución da linguaxe, mais tampouco hai consenso ao respecto.


NOTAS:
¹ Seguimos a Ruhlen na clasificación, mais non necesariamente noutros datos dados dentro da entrada.

² A clasificación dos phyla faise atendendo ás linguas orixinais dun territorio. Obviamente, hoxe en día, unha boa parte dos habitantes do continente africano fala linguas indoeuropeas (inglés, francés e portugués, maioritariamente), mais estas linguas non son orixinarias deste territorio, senón traídas a el mediante unha colonización bastante recente no tempo. O mesmo aplica para Oceanía e América.

³ O Xhosa, unha lingua bantú, ten clicks, mais como resultado dun longo periodo de convivencia con falantes de linguas khoisan.

Bibliografía:

GARCÍA MIGUEL, José María (2000) "Linguas do mundo e tipoloxía lingüística", en F. Ramallo, G. Rei-Doval e X.P. Rodríguez Yáñez (eds.) Manual de ciencias da linguaxe. Vigo: Xerais, pp. 173-220
RUHLEN, Merrit (1987) A Guide to the World's Languages. Vol 1: Classification. Stanford: Stanford University Press




No hay comentarios:

Publicar un comentario