23 jul 2010
Apoio de viga en muro de mampostería
Esta entrada é a primeira dunha categoría na que describir malas prácticas construtivas a partir dunha foto tentando explicar cal sería a solución correcta.
Na fotografía vemos unha viga de madeira, sobre un canzorro empotrada no muro de mampostería. Deste empotramento hai unha fenda que chega a un arco escarzano que forma a parte superior dunha cheminea.
Para comezar direi que xa está mal o enfoque, porque a función do canzorro é a de soportar unha viga carreira, é dicir, unha viga continua paralela ao paramento sobre a que se reciben as vigas ou viguetas que forman o forxado.
Se decides non usar a viga carreira, outra solución sería a de apoiar directamente a viga sobre o canzorro sen estar empotrada no muro, para isto apoiaríase mediante un elemento intermedio que evite a transmisión da humidade do muro á viga e que absorba as variacións de volume da viga. Para evitar unha posible caída da viga é preciso un correcto arriostramento do entramado.
A outra solución, esta sen canzorro, é a de facer un mechinal no muro, é dicir, un burato no que aloxar a viga apoiando a viga dentro do mechinal dun modo similar ao que sucedería co canzorro. Os mechinais debilitan en certa medida o muro, polo que deberán ser coidadosamente realizados, gardando medidas maiores que as da viga debido a que esta, ao ser de madeira, sofre gran cantidade de movementos debidos ao comportamento higrotérmico da mesma, para isto, deberemos deixala separada de calquera parte do muro 15 mm facilitando tamén a correcta ventilación da testa (cara perpendicular ás fibras) evitando en todo o posible que se deteriore na cabeza, e por tanto, no apoio. A fenda da fotografía aparece por non cumprir o aquí descrito, xa que debido a estar perfectamente sellada con morteiro, a madeira ao "inchar" someteu a uns esforzos excesivos o muro que rematou fisurando polas xuntas das pedras.
Normativa aplicable: CTE SE M.
Etiquetas:
CONSTRUCIÓN
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario