20 sept 2011

LDK 190: Por que é Inglaterra protestante?

Hai uns días falabamos da historia das seis mulleres de Henry VIII. Hoxe imos tratar outra cuestión relacionada estreitamente con el, a conversión de Inglaterra ao protestantismo. E é que a ruptura de Inglaterra co papado foi unha cuestión máis persoal e política que relixiosa:

Henry VIII casou coa viúva do seu irmán, Catalina de Aragón. Catalina tivo seis embarazos que non deron resultado, e despois de 20 anos de matrimonio Henry só tivo con ela unha filla, Mary.

En 1533, Henry decidiu divorciarse de Catalina ante a necesidade de ter un herdeiro varón. Pediulle a nulidade matrimonial ao Papa baixo o argumento de que era un matrimonio inválido por ser Catalina a viúva do seu irmán, pero o Papa negouse polas presións do sobriño de Catalina, o Emperador Carlos I de España e V de Alemania.

Ante os problemas para divorciarse, Henry decidiu romper coa disciplina do Papa. Para isto aprobou a Act of Supremacy de 1534 pola que o Rei sería a cabeza da Igrexa de Inglaterra, e admitiu(se) o divorcio.

Porén, Inglaterra, seguía sendo, na práctica, un país católico. De feito Henry VIII tiña o título de Fidei Defensor, (defensor da Fe), que lle outorgara o Papa en 1521 pola obra Assertio Septem Sacramentorum (Defensa dos Sete Sacramentos), na que atacaba as ideas de Martín Lutero.

Isto foi cambiando ao longo do reinado. Henry chegaría a pechar 850 mosteiros, confiscando as súas terras e vendéndoas para a creación dunha nova nobreza subordinada ao rei. Tamén destruiu santuarios de mártires, como o de St.Thomas Beckett na catedral de Canterbury, o que, unido á execución de relixiosos que se negaron a aceptar a Act of Supremacy, causarían a excomunión de Henry.

Durante o seu reinado, Henry VIII conseguiu construír unha relixión de estado moi próxima á igrexa católica orixinal, xogando coas tensións entre protestantes e conservadores. Porén, á súa morte, os precarios equilibrios de poder entre todos estes sectores e os católicos que aínda mantiñan á súa fe saltaron polos aires, comezando unha época de grande tensión relixiosa e política.

No hay comentarios:

Publicar un comentario