4 ago 2011

LDK 171: O efecto Streisand

Coñécese como efecto Streisand o fenómeno da sobredivulgación dunha información en internet despois de que esta sexa sometida a unha tentativa de censura ou autocensura.

O nome deste efecto vén da demanda interposta pola cantante Barbra Streisand contra o fotógrafo Kenneth Adelma pola publicación dunha foto aérea da súa casa nun folleto publicitario que contiña imaxes de California, alegando a intrusión no seu dereito á privacidade. Porén, a fotografía formaba parte dun proxecto financiado polo goberno do estado de California para documentar a erosión da liña de costa, e o intento de censura, en vez de contribuír á súa privacidade fixo que a fotografía da vivenda, nun comezo cunha difusión marxinal, tivese unha enorme repercusión mediática.

Este efecto aparece ciclicamente no mundo das comunicacións, sendo bos exemplos o do secuestro do número 1573 de El Jueves polo xuíz Juan del Olmo ou a censura por parte da Moncloa da fotografía das fillas do presidente Zapatero na Casa Blanca.

Porén, co xurdimento de Twitter este efecto vese multiplicado aínda máis, pois os intentos de censura ou ocultación vense respostados cunha marea de RTs. Quizais un moi bo exemplo disto sexa o fenómeno #turismobisbal, onde o borrado dos tweets que orixinaron o Trending Topic avivou en vez de amainar a polémica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario