22 jul 2011

Envía facilmente os teus arquivos axuntos de Gmail ou Yahoo a Dropbox con Attachments.me

Xa temos falado en Mallando de Dropbox. Se lembrades, fixemos unha entrada cunha chea de trucos e curiosidades sobre un dos mellores servizos de almacenaxe de arquivos na nube, e tamén fixemos unha serie de entradas con alternativas a ela (I, II e III).

Mais hoxe imos falarvos de Attachments.me, un servizo que nos axudará a xestionar os arquvivos axuntos das nosas contas de correo electrónico de Gmail ou Yahoo, coa posibilidade de enviárnolos ao noso Dropbox

Unha vez logueados, e asociada unha conta dun dos servizos de correo anteriores, Attachments encargarase de buscar todos os arquivos axuntos e ofrecernos unha previsualización dos mesmos.

A verdade é que isto resulta moi cómodo, pois pode, por exemplo, que lembredes que vos mandaron certo pdf e non lembredes a data... buscar entre ducias ou milleiros de correo pode resultar certamente desesperante. Por ilo, as posibilidades de busca que nos ofrece Attachments son variadas (por tipo de arquivo, por texto no nome, por remitente...) para facernos as cousas máis sinxelas.

Pero a principal característica deste servizo, e que para min é a máis interesante, é o que podemos facer cos arquivos axuntos que atopamos: derivalos "a outros lados". Deste xeito, podemos configurar as nosas contas de Twitter, Facebook ou Dropbox e envialo a estas. Imaxinade que vos mandan unhas fotos por correo e queredes gardalas no voso Dropbox: tan doado como acceder a Attachments, buscar esas fotos nos axuntos e seleccionar o envío ao noso cartafol na nube.

No seguinte vídeo podedes ver unha pequena demo de como é a interface e o funcionamento.



Esta ferramenta é gratuíta. Malia todo, atópase en fase beta pechada e hai que pedir convite para poder empregala. Podédelo facer dende a súa propia web Attachments.me

No hay comentarios:

Publicar un comentario