28 jun 2011

LDK 155: Os Tories

Os membros do Partido Conservador Británico teñen o alcume de Tories.

Para ver a orixe deste termo, temos que remontarnos á fundación do partido, o período da crise de exclusión británica, causada polo feito de que o herdeiro á coroa británica, James II, era un católico. Ante esta situación, e os temores de que un monarca católico buscase instaurar o absolutismo, xurdiron dúas faccións, máis tarde partidos, a favor e en contra do futuro monarca: os Tories e os Whigs.

Os Whigs, que cambiarían o seu nome a Partido Liberal no s.XIX, estaban en contra de James II, representaban os intereses dos comerciantes e os protestantes non anglicanos e estaban en contra do absolutismo e da Igrexa establecida. Os Tories, pola súa parte, apoiaban na súa meirande parte a James II, e representaban as ideas políticas máis conservadores, achegadas aos intereses dos terratenentes e a igrexa anglicana.

Os Whigs (palabra de orixe gaélico-escocesa, traducida habitualmente como "cuatrero") recibiron o seu nome despectivo a partir dos "Whiggamores" un grupo de presbiterianos escoceses que marcharon en 1648 sobre Edimburgo contra o rei Charles I . Os Tories, pola súa parte, recibiron o seu nome a partir do gaélico irlandés toruighe, que significa "bandido, bandolero".

É curioso que os dous partidos políticos que dominan a política británica até o xurdimento do Partido Laborista reciban ambos un nome despectivo, tomado dunha lingua gaélica, e que fai referencia á vinculación relixiosa dos membros do partido (Whigs, peligrosos presbiterianos vs. Tories, bandidos católicos).

A crise do reinado de James II chegaría á súa fin coa Revolución "Gloriosa" de 1688, apoiada polos Whigs e algúns Tories, cando foi deposto pola súa filla Mary II e o seu xenro William de Orange, ambos protestantes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario