Dropbox non é o único, pero é quizáis un dos mellores servizos de almacenaxe de arquivos na nube. Isto implica que poderemos acceder a eles dende calquera dispositivo (computador, móbil, tablet...) que teña conexión a Internet, e ter os arquivos sincronizados en todos eles.
Tipos de contas
Existen 3 tipos de contas que se adaptan ás nosas necesidades.
- Basic: é a máis empregada. Ofrece inicialmente 2 GB de balde (ampliábeis, como veremos máis adiante).
- Pro 50: 50 GB por 9,99 $/mes.
- Pro 100: 100 GB por 19,99 $/mes.
Pero alén disto existen varios xeitos de ampliar a capacidade das nosas contas gratuítas, como os trucos que vos ensinamos a continuación:
- Referrals. Referencias, é dicir, se convidas aos teus amigos a unirse a Dropbox, ambos recibiredes 250 MB extra nas vosas contas. (se non tes conta, vai ao final do artigo).
- Edu. Se dispós dunha conta de correo vencellada a unha entidade educativa (Universidade, Centro de Investigación... por cada Referral obterás 500 MB no canto de 250 MB. Se a túa Universidade non aparece, non te preocupes, podes dicirllo a Dropbox e eles encargaranse de comprobar o dominio.
- Free. Por levar a cabo unha serie de accións (seguir a conta de Twitter de Dropbox, unir o Facebook...) poderás levar até 640 MB adicionais (128 MB por cada acción).
- Especiais: de cando en vez, Dropbox fai algún xogo para ampliar espazo, como o Dropquest2011 ao que aínda se pode xogar (se queres facer trampa e facelo rápido, aquí tes a guía para resolvelo).
Analizemos agora as vantaxes deste servizo.
As aplicacións
Alén do acceso aos arquivos a través da interface web, Dropbox pon a disposición aplicacións para computadores (Windows, Linux e Mac) e para móbil (Android, BlackBerry e iPhone/iPad). Telas instaladas é unha grande vantaxe, porque nos permite sincronizar os nosos arquivos coa nube con tan só metelos no cartafol que nos crea no noso computador ou visíbel no noso terminal móbil.
É doado compartir cartafoles
Compartir cartafoles con outros usuarios é moi sinxelo, polo que podemos meter no cartafol as fotos da fin de semana ou un traballo colaborativo e compartila para que todos os membros do grupo podan ver e/ou modificar.
Podes enviar arquivos á túa conta por e-mail
Empregando unha aplicación de terceiros, MailDrop , poderán (ou poderemos) enviarnos arquivos axuntos no correo electrónico, que se nos descargarán no noso cartafol de Dropbox. Para ilo debemos ter instalada a aplicación e configurar a nosa conta de correo para que filtre as mensaxes que levan arquivos para Dropbox e os engada a unha etiqueta 'Dropbox'.
Comparte unha ligazón para que che envíen arquivos
Con DropItToMe podes configurar unha conta co teu cartafol de Dropbox e xerar unha ligazón para compartir cos teus amigos e que che poidan enviar arquivos de xeito sinxelo, inda que eles non sexan usuarios de Dropbox.
Podes descargar os teus torrents
Se o cliente de bittorrent permite cargar torrents dende unha ubicación específica, pódese empregar un cartafol dentro de Dropbox para cargar os torrents. Para ilo, hai que ter instalado o cliente de escritorio do servizo de almacenaxe na nube.
Podes escoitar música en streaming
Se tes instalada a aplicación de móbil, podes escoitar a música en streaming co reprodutor de Android, por exemplo, con só seleccionar o cartafol. Se queres acceder á túa música dende calquera computador con internet podes empregar DropTun.es, un reprodutor baseado nunha interface web.
Dropbox como USB
Podes sincronizar un cartafol nun pincho USB de tal xeito que cada vez que o enchufas ao computador se sincronice o seu contido coa nube grazas a Dropbox Portable.
E isto é só unha pequena recopilación do que se pode facer cunha conta de Dropbox. Constantemente están aparecendo outras aplicacións que fan de Dropbox un servizo inda mellor.
Se non tes conta, podes crear unha con este enlace e terás 250 MB máis :D
No hay comentarios:
Publicar un comentario