19 feb 2011

Emporia. Telefonía móbil para todos #mwc11

Unha das perlas do Mobile World Congress foi o stand de Emporia. Emporia é unha empresa que xurdiu hai agora 20 anos, no 1991. Iniciou a súa andaina comercializando terminais fixos inarámbicos (os famosos DECT) para uso interior, así como tamén coa personalización de teléfonos con diversos temas.

Stand de Emporia no MWC 2011
Mais no 2000, a empresa deu un xiro de 180 graos ao seu modelo de negocio e plantexouse facer algo moito máis novidoso: terminais pensados para persoas maiores ou con dificultades de visión e/ou movemento.

Así pois, dende entón, Emporia ten posto no mercado unha completa gama de terminais nos que reinan teclados grandes, pantallas cun contraste fenomenal para ver os números con claridade e o mellor de todo: facilidade de uso.

Polo xeral, os móbiles da compañía contan cunhas liñas comúns a todos os mmodelos, pensadas para mellorar a experiencia de usuario:
  • Botóns de acceso directo laterais, que permiten o acceso directo a funcións básicas como sms.
  • Lanterna LED, que ademáis de funcionar como tal, tamén se iluminará ao recibir unha chamada (todo isto sumado a un volume bastante máis elevado ao habitual e vibración).
  • Mans libres: o que permite máis comodidade.
Ademáis, varios terminais contan cun botón de emerxencia, como o modelo Emporia LIFEplus. Ao presionalo, o terminal marca os números de emerxencia preconfigurados (un tras outro) até que alguén colla. De non ser así (ou para casos de ter caducada a tarxeta, non ter rede co noso operador..) a chamada pasará ao 112.

Detalle do botón de emerxencia nun terminal Emporia
Pola súa banda, o Emporia SAFETYplus engade aínda máis funcionalidades de seguranza: envía unha sms incluíndo o enderezo e a posición GPS da persoa en situación de alarma. Ademáis, incorpora un reloxo de pulseira cun botón de emerxencia que a persoa pode activar, inda que non teña o móbil ao alcance da man. A secuencia de eventos é a que segue:
  1. A persoa presiona un dos botóns de emerxencia, ben no terminal, ben no reloxo.
  2. O teléfono emite un sinal de alarma, para avisar de que se presionou o botón de emerxencia (por se acaso se fixo accidentalmente). De non ser apagada a alarma pásase ao paso 3.
  3. O terminal envía un sms ao primeiro número de emerxencia co enderezo da persoa que precisa axuda. Inmediatamente, fai tamén unha chamada a ese número.
  4. Se acepta a chamada, escoitará unha mensaxe de voz que indica que se trata dunha chamada de emerxencia e que ten un minuto para aceptala. Ao tempo recibe nun sms a posición GPS.
  5. O Emporia SAFETYplus acepta a chamada e pon o teléfono en mans libres, para que a persoa en situación de emerxencia poida falar (pensemos, por exemplo, nunha persoa maior que cae).
  6. No caso de que a primeira persoa non acepte a chamada, pasarase ao seguinte da lista. E así sucesivamente. De non ter resposta en ningún dos números predefinidos, contactarase co 112.
O terminal conta tamén con sensor de caídas, que activa de xeito automático a chamada de emerxencia.

Outros, como o Emporia ELEGANCE, contan cun deseño máis coidado, pensado para aquelas persoas que desexen un terminal menos chamativo. Iso si, conta co mesmo dispositivo de emerxencia que o anterior.

O Emporia ELEGANCE conta cun dock que amplía funcionalidades de radio e mans libres
Finalmente, destacar o Emporia SOLID, un modelo pensado para a práctica de deporte, xa que non rompe malia que caia e é capaz de resistir a auga e a suciedade. Ten ademáis unha autonomía de 25 días en espera.

Emporia SOLID. Verá a luz no primeiro trimestre do ano
Pódese consultar o catálogo completo da marca nesta ligazón.



Esquina empatía

O stand de Emporia contaba cun espazo denominado 'esquina empatía', no que grazas a unha luva e uns lentes especiais, fabricados por investigadores da University of Cambridge, os usuarios podían comprobar as dificultades vencelladas ao deterioro das funcións motrices nas mans e na visión. Tiven a oportunidade de probar esta simulación e comparar a sensación de uso dun terminal Emporia e dunha Blackberry(*) con estas dificultades engadidas, e as impresións foron moi positivas: mentres que no smartphone era incapaz de teclear correctamente o que quería, nin ver os números na pantalla, no terminal Emporia podíase con relativa facilidade.

(*) Comento o da Blackberry porque foi o terminal co que fixen a comparación, pero poderíase extender a calquera outro móbil ou smartphone de teclas pequenas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario