9 ago 2010

O Alfabeto Fonético Internacional

O outro día falabamos dos modelos de representación da fonética acústica, a que traballa cos datos físicos das ondas sonoras que necesitamos para comunicarnos.

Porén, todos os fonetistas usan tamén un sistema convencional co cal poder describir os sons sen necesidade de ter os datos físicos das ondas que os conforman. Este sistema é o alfabeto fonético.

Ao longo da historia teñense empregado diferentes alfabetos fonéticos:

No ámbito dos países de fala española tense empregado o alfabeto da Revista de Filología Española (RFE), inspirado no alfabeto dos romanistas europeos, circunscribíndose ao ámbito hispánico e atopándose actualmente en franca decadencia.

Así, o alfabeto máis empregado é o Alfabeto Fonético Internacional, abreviado a AFI ou IPA (en inglés). O IPA foi proposto en 1889 pola Asociación Fonética Internacional, creada tres anos antes, en 1886, por fonetistas como Jespersen ou Sweet, entre outros.



As regras que rixen o IPA desde a versión de 1889 son:

1. Un símbolo para cada son.
2. Uso do mesmo símbolo para sons que se poidan atopar en diferentes linguas.
3. Uso máximo de caracteres romanos.
4. Prohibición de signos adicionais (salvo diacríticos).

Podes consultar o alfabeto fonético internacional aquí, comprobando as diferentes seccións nas que está estruturado: Consonantes pulmonares, consonantes non pulmonares, vogais, diacríticos, símbolos de aspectos suprasegmentais e outros símbolos; ademais do Extended-IPA, empregado para representar os trastornos da fala que se tratan na logopedia.

Os usos que se lle poden dar a un alfabeto fonético compartido e coñecido por varios usuarios sobardan moito os da fonética, aplicándose tamén na dialectoloxía e a historia da lingua. Ademais do uso xa explicado para a notación dos trastornos da fala, o alfabeto fonético tamén é moi útil para o ensino e aprendizaxe dunha lingua estranxeira: lástima que o sistema educativo non inclúa a súa aprendizaxe, deixando o seu potencial desaproveitado.


Bibliografía:

FERNÁNDEZ PLANAS, Ana María (2005) Así se habla. Nociones fundamentales de fonética general y española. Apuntes de catalán, gallego y euskara. Barcelona: Horsori.
GIL FERNÁNDEZ, Juana (1988) Los sonidos de Lenguaje. Madrid: Síntesis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario