6 ago 2010

As tarxetas SIM

A expansión da telefonía móbil fixo habitual o termo de tarxeta SIM, así como outros moi vencellados á mesma, comos os códigos PIN e PUK. Pero, que son realmente as tarxetas SIM? Cantos tipos hai? Trataremos de analizar estas e outras cuestións nesta entrada.

SIM é un acrónimo que, como moitas cousas relacionadas coa tecnoloxía, vén do inglés. Significa Subscriver Identity Module (ou Módulo de Identificación do Subscritor) e vén a ser unha tarxeta dotada dun chip que se emprega nos terminais móbiles e outros dispositivos relacionados con estes, como poden ser aparellos 'mans libres', máquinas ou modems usb.
Os chips das tarxetas SIM conteñen toda a información necesaria para poder identificar a un subscritor nunha determinada rede. Entre estes parámetros atópanse os seguintes (principais):
- O ICC-ID (International Circuit Card ID, ou Identificador Internacional da Tarxeta de Circuítos). Este número é o que identifica a tarxeta en si.
- O IMSI (International Mobile Subscriber Identify, ou Identidade Internacional do Subcritor Móbil). É un dato único por usuario e serve para que as operadoras conecten 'números' de diferentes usuarios.
- A Ki (clave de autenticación). Este parámetro emprégase para identificar as tarxetas dentro da rede móbil. Tamén é un parámetro único por usuario.
- A LAI (Local Area Identifier ou Identificador de Área Local)
- O número do SMSC (Short Message Service Center ou Centro do Servizo de Mensaxes Curtos). É o número co que se comunica o noso terminal cando enviamos unha sms. É dicir, enviamos un sms a un número e este pasa polo SMSC, que o xestiona, garda e envía ao destinario cando teña cobertura.
- O SNP (o nome do proveedor dos servizos, operadora)
- Os SDN (números do servizo de marcado dos VAS, servizos de valor engadido).

Tipos

En primeiro lugar, cómpre sinalar que o termo que a día de hoxe empregamos por tarxeta SIM é bastante impreciso. Dunha banda, as tarxetas SIM teñen un tamaño similar ás tarxetas de crédito, polo que o que introducimos nos nosos terminais é unha versión reducida desta. Pero, ademais, as tarxetas SIM só son válidas para GSM; para GPRS (2G) ou UMTS (3G) úsanse tarxetas UICC's (Universal Integrated Circuit Card, ou Tarxeta Universal de Circuíto Integrado'), e tendo en
conta que levamos anos desfrutando de servizos multimedia, o xeral será que dispoñamos deste tipo de tarxetas e non dunha SIM propiamente dita.

Volvendo aos tamaños, temos 3 principais:
- Tarxeta SIM (85,60 x 53,98 x 0,76 mm)
- SIM reducida (25 x 15 x 0,76 mm)
- MicroSIM (12 x 15 x 0,76 mm). Este tipo de tarxetas levan anos usándose en aplicacións M2M (Machine to Machine), como poden ser máquinas vending de refrescos que avisan cando están preto de agotar certo produto. Mais, nestes últimos meses estanse a popularizar pola introdución comercial, logo do lanzamento do iPad e do iPhone4, que só dispoñen deste tipo de tarxetas. Cómpre sinalar que, chegado o caso, poderíase facer unha versión dunha Micro-SIM de xeito 'caseiro' (ver como).

Seguridade de usuario

A seguridade das tarxetas SIM vén definida por dous parámetros: os códigos PIN e PUK.
- O código PIN (Personal Identification Number ou Número de Identificación Persoal) é un valor numérico que 'só sabe o usuario' para identificarse coa tarxeta SIM e poder usar os seus servizos. Habitualmente ten 4 díxitos, mais pódense pór até 8. Dispóñense de 3 intentos, tras os cales se bloquea a tarxeta

- O código PUK (Personal Unlocking Key ou Clave Persoal de Desbloqueo) é outro valor numérico de 8 díxitos que se usa para desbloquear a SIM logo de ter introducido 3 veces. Dispóñense de 10 intentos, tras os cales, bloquéase a tarxeta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario