29 jul 2010

LDK 12: Rede xeodésica

A xeodesia é a ciencia que estuda a forma e dimensións da Terra na súa totalidade. Para isto, tomamos uns puntos da codia terrestre que se denominan vértices xeodésicos, dos cales coñecemos con moita precisión as súas lonxitude, latitude e altitude.

Un vértice xeodésico é unha sinal permanente de formigón que xeralmente se forma cun cilindro dun metro de alto e 30 cm de diámetro apoiado sobre un cubo de formigón de 1 m de lado, pero non sempre é así, xa que, por exemplo, a propia Torre de Hércules tamén é un vértice xeodésico.

Con tres vértices xeodésicos formamos un triángulo grazas ao cal podemos situar o resto dos puntos que compoñen a codia terrestre. A sucesión de triángulos nunha determinada dirección forma unha cadea, con varias cadeas sensiblemente ortoganais formarase unha especie de retícula (ver imaxe) que se encherá con novos triángulos formando a denominada rede de primeira orde (triángulos de lado 25-70 km). Dentro dos triángulos da rede de primeira orde formaranse os que constitúen a rede de segunda orde (10-25 km de lado) e finalmente a de terceira orde (3-10 km de lado).


A partir da rede de terceira orde, realízase unha nova triangulación que denominaremos topográfica que dá lugar aos vértices topográficos nos que se apoia a xestión urbanística.

2 comentarios:

  1. Hai algunha razón para que haxa eses claros? Por que non están cubertos?

    ResponderEliminar
  2. Dilo pola imaxe? Ison son as cadeas da península: 3 meridianas, 3 paralelas e 3 costeiras. Despois dentro, é onde se forman máis triángulos para completar a rede de primeira orde. Despois subdividense os triángulos na de segundo e finalmente na de terceiro.

    ResponderEliminar