Se facemos unha lectura simplista da definición de "Faro", atopámonos que o termo se usa para referirse ás torres nas que se sitúan lámpadas que emiten luz que serven de referencia para a navegación.
Mais cómpre sinalar que non todas as luces que emiten os faros son iguais, senón que se rexen por un rigorosos sistema de identificación para saber, con só ver a luz, ante que faro nos atopamos. Este sistema de identificación é o que se coñece como luz característica (ou 'apariencia') do faro.
Existen diferentes tipos de luz característica que podemos diferenciar pola súa nomenclatura (e a propia luz, obviamente):
- Polo xeito de iluminar: neste caso podemos falar de grupos de destellos (identificado por GpD(X), onde X é o número de destellos), de destellos únicos (D), ocultadores (Oc), grupos de ocultadores (GpOc) ou luz fixa (F).
- Pola cor: B significa branco (habitual); R é vermello e sinala zona de perigo; V é verde e indica zona de navegación. Tamén se poden dar combinacións de varios, do tipo BR, BV ou BRV.
Así por exemplo, no faro de Punta de Estaca de Bares atopámonos a seguinte nomenclatura:
GpD(2)B 7,5s
Fl(2)W 7,5 s
De aí faise a seguinte lectura:
- Da primeira parte, GpD(2)B 7,5 s: GpD(2) indica a característica dos destellos, que son grupos de 2 destellos. B indica a cor da luz, branca. 7,5 s indica a duración do ciclo completo, 7,5 segundos
- A segunda parte, Fl(2)W 7,5 s: di o mesmo que a anterior, pero en inglés, sendo (Flashing Light(2)White).
Establécese que todos os faros do mundo deben contar coa nomenclatura inglesa e tela noutro idioma (español no caso dos que atopamos no estado Español) é opcional.


No hay comentarios:
Publicar un comentario