3 sept 2011

LDK 184: As sagas

"Saga" é unha das poucas palabras do galego procedentes do islandés. Unha saga é unha historia, ou un conto; e etimoloxicamente comparte raíz co verbo segja "dicir", reconstruído ao Protoxermánico *sagjanan e ao Protoindoeuropeo *sokei-, e con obvias relacións co inglés say.

E que é unha saga? Unha saga é un tipo de composición literaria nórdica, en orixe oral, na que se narran acontecementos que se desenvolven a través das vidas dos diferentes membros dun clan familiar. Teñen unha temática e unha extensión variable, sendo os seus trazos unificadores o seu carácter épico, a lingua e as figuras retóricas empregadas e o feito de estaren escritas en prosa, malia ter, frecuentemente, estrofas, poemas e cancións inseridos no texto.

Segundo a clasificación de Sigurður Nordal, distínguense os seguintes tipos de sagas:
-Sagas de Reis. Narran as vidas da nobreza escandinava desde a antigüidade até o século XIII. Foron escritas, primeiro en latín e logo en nórdico antigo, entre os séculos XII e XIV.
-Sagas de Islandeses. Narran as historias das familias máis importantes que se asentaron en Islandia, centrándose no século comprendido entre 930 e 1030.
-Sagas de Bispos. Escritas a partir de 1200, narran vidas de bispos e obras similares ás nosas haxiografías.
-Saga dos Sturlungos. Narra a historia da linaxe dos Sturlungos, unha familia asentada en Islandia, coa característica de que os feitos narrados son contemporáneos á compilación da saga.
-Sagas lendarias. Narran lendas e xestas de heroes do pasado mítico xermánico e escandinavo.
-Sagas de Cabalería. Traducións e adaptacións de obras cabaleirescas do resto de Europa.

Fonte: Portela, Elías (2010) "Introdución" en Saga dos Groenlandeses, Saga de Erik o Roxo. Compostela: Rinoceronte Editora. 7-18.

No hay comentarios:

Publicar un comentario