27 feb 2011

Movistar levou o I+D ao Mobile World Congress #mwc11

Movistar levou ao seu stand no Mobile World Congress unha serie de proxectos de I+D que está a desenvolver, e que mirará de ir poñendo en funcionamento nos vindeiros meses, sempre e cando sexan de interese para a sociedade. Vexámolos algúns deles polo miúdo.

Multiconferencia inmersiva

Este proxecto vén motivado pola dificulade de comprensión en multiconferencias realizadas a través de Internet. É dicir, cantas máis persoas participan nela, máis difícil pode resultar o feito de identificalas. Neste sentido, usando este novo método de multiconferencia, dotarse a conversación de son envolvente, polo que poderemos detectar que persoa está falando por posicionamento espacial.

Poderemos pois, nunhas salas virtuais, colocar aos falantes e situalos en puntos que consideremos. O son escoitarase en función desta situación que teñamos escollido.

 O servizo está concebido para todo tipo de terminais e plataformas
Mobile Sound Sensor

Cuns teléfonos tan potentes como os que temos a día de hoxe, non é un pouco parvo levalos no peto sen facer nada? Iso é o que pensaron dende Movistar, e plantexáronse un sistema de escoita activa para certo tipo de alarmas. É dicir, cando o terminal escoita certo tipo de alarma, fai unha "cousa" determinada, que pode ser dende poñerse a gravar un vídeo, até enviar un sms de alarma ou unha mensaxe nunha rede social.

Entre eses ruídos predefinidos están o de cristal roto ou berros. Probamos in situ un exemplo no que escoitaba cristais rotos e enviaba un sms avisando diso.

Mensaxe de cristal roto
Tokes

Tokes é un servizo pensado para Latinoamérica, onde as redes de datos móbiles están pouco extendidas. Seica aló é moi típico facer "perdidas" para todo: avisar de que chegaches a un sitio, como saúdo... étc. Dende Movistar pensan que "é difícil determinar que significa un "toke" (algo que eu discuto, pois eu inda o uso para dicir "cheguei" e coido que se entende), polo que desenvolveron un servizo que o que fai é enviar un "toke" con significado. Vamos, como se mandaras un emoticono. Será un servizo máis barato que o sms. Sinceramente, teño as miñas dúbidas de que vaia ser un éxito.




Frigo reflections

Trátase dun servizo pensado na nube, que o que permite é capturar e compartir o estado das aplicacións entre usuarios e dispositivos. Xa non é que compartamos un arquivo na nube, como puidera ser un arquivo de Word a través de Dropbox para telo sincronizado en todos os nosos dispositivos, senón que ademáis, con este servizo, gardaríase o estado da aplicación.

É dicir, se ti tes un texto seleccionado no arquivo de Word, ao compartilo con Frigo terás o arquivo no mesmo estado. Cómodo non?


No hay comentarios:

Publicar un comentario