20 feb 2011

Fon, comparte a túa WiFi e desfruta de puntos de acceso de balde en todo o mundo #mwc11


Fon é unha compañía xurdida no 2005, que ten como obxetivo crear unha rede WiFi global, grazas á colaboración de todos os usuarios que forman parte do proxecto, os foneros.

O funcionamento é moi sinxelo. Dende Fon facilitan unha routers WiFi, que os foneros instalan na súa casa, enchufándoos ao router da súa operadora, compartindo parte da súa conexión a Internet. Á vez, este usuario consegue o privilexio de se conectar aos puntos WiFi doutros foneros. E onde están eses puntos? Pois a través da súa web, e de Google Maps, é posíbel ver en tempo real onde están situados e se están ou non operativos.

Distínguense 3 tipos de usuarios: os Aliens, os Linus e os Bill.
  • Aliens: son usuarios que non comparten, pero queren conectarse a un punto compartido. Neste caso cóbraselles polo acceso (1,20 € por 1 hora, 3 € por todo o día).
  • Bill: os Bill (de Bill Gates) son usuarios que comparten punto WiFi e se benefician de acceder a outros puntos WiFi doutros foneros de balde (temporalmente). A ganancia dalgún Alien que se conecte á súa rede irá o 50% para Fon e o 50% para el.
  • Linus: os Linus son usuarios que comparten punto WiFI e se benefician de acceder a outros puntos WiFi doutros foneros de balde. As ganancias das conexións dos Aliens ás sáus redes van enteiras para Fon.

A idea pode ser interesante, pero xurden algunhas dúbidas: hai suficientes puntos de acceso para que compense? Nas grandes cidades xa hai un núcleo interesante, nas vilas o tema xa está máis complicado. Neste sentido, Fon está a levar a cabo conversas con operadores, a modo de partners, nos que se o usuario o desexa pode pedir un router fonero en vez de telo que adquirir pola súa conta, o que pode dar pé a que máis xente se anime. Lamentabelmente, ningún dos operadores españois ten aínda convenio con Fon, inda que si en Portugal, con Zon, o principal operador de cable.

Unha idea semellante, a da creación dunha rede WiFi para clientes, tamén fora posta enriba da mesa por R, o operador galego de fibra óptica, inda que de momento este proxecto non está operativo. Compensaría que R se unise ao proxecto de Fon e os seus clientes se puideran conectar tamén fóra de Galiza?

Probámolo

Dende Fon facilitáronnos un router para que puidéramos probar o sistema. Concretamente, o router FONERA SIMPL. Na caixa atopamos o propio router, un cable ethernet e a toma de corrente.


A partires de aí, tan só teremos que conectar o cable de ethernet ao noso router, e o router á toma de corrente. En poucos segundos, aparecerannos dúas novas redes, MyPlace e FON_FREE_INTERNET.

Deberemos conectarnos á rede MyPlace, que vén con seguridade WPA e a clave situada na parte de abaixo do router. Unha vez conectados, accederemos ao panel do router poñendo no noso navegador o seguinte enderezo:

http://192.168.10.1

e clave admin. Procederemos entón a rexistrar o noso produto, para o cal teremos que crear un nome de usuario e contrasinal (que serán os mesmos que empregaremos para conectarnos noutros puntos de acceso de Fon.

E isto é todo, en poucos segundos teremos o noso punto operativo e poderemos acceder a outros puntos de acceso cos nosos datos. Para ilo, cando vexamos un punto de acceso FON_FREE_INTERNET, conectarémonos e, de seguido, ao acceder ao navegador, apareceranos un portal cautivo no que debemos poñer o noso usuario e clave. Con iso, xa poderemos navegar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario