10 ene 2011

Suxeito, tema e foco. Estruturas temáticas e informativas

Normalmente presentamos os nosos enunciados seguindo un esquema máis ou menos fixo, que depende da lingua na que falemos.

Porén, hai formas nas que podemos variar este esquema, que veremos nunha próxima entrada. Para poder entender estas variacións, é necesario entender as diferencias entre os conceptos de suxeito, tema e foco, e ter en conta a explicación de marcado vs. non-marcado que demos o pasado sábado.

Un suxeito é aquel constituínte dunha oración que concorda co verbo.

Moitas veces, un suxeito é tamén aquelo sobre o que fala a frase. Porén, esta función forma parte doutro sistema de funcións diferentes ás sintácticas: as funcións pragmáticas.

Así, aquilo do que se fala é chamado tema, e o que se di sobre ese tema é chamado rema.

O tema, aínda sendo normalmente coincidente co suxeito, non ten por que selo:
Xoán viu a María na festa.
A María viuna Xoán na festa.


Na primeira oración, Xoán é o suxeito e o tema, tendo unha estrutura non marcada, mentres que na segunda o tema é A María, que é o Obxecto Directo, e temos unha estrutura marcada en canto ao tema, polo que se di que temos unha tematización.

Estas funcións pragmáticas relaciónanse coa estrutura informativa da oración. Así, temos que na estrutura informativa temos información coñecida ou vella, aquela que todos os participantes nunha interacción coñecen antes de emitir, e información nova ou relevante, tamén coñecida co nome de foco, aquela que vai aportar algún dato novo ou relevante sobre a información vella que xa se coñece.

Nunha orde non marcada, o foco coincide co rema: Temos unha estrutura, falamos sobre algo (tema) coñecido (información vella) e dicimos algo (rema) novo sobre ela (información nova / foco). Exemplo:
A capital de Brasil (tema/información vella) é Brasilia (rema/información nova ou foco).


Porén, no caso de querer refutar ou dar énfase, a orde informativa cambia e a orde coincide co tema.
Foi Xoán (tema e foco) quen comprou o peixe. (rema, información vella).


Tendo en conta a relación entre a estrutura temática e a sintáctica, temos tres tipos de linguas:

Aquelas nas que as funcións temáticas son principais e as sintácticas secundarias, como o xaponés:
Zoo wa hana ga nagai.
Elefante/tema/nariz/suxeito/longa.
O elefante, a súa nariz é longa.

Aquelas nas que as funcións sintácticas son principais e as temáticas secundarias, como o inglés, con orde sintáctico fixo Suxeito-Verbo, que fai necesaria (as máis das veces) a introdución dalgún tipo de suxeito baleiro cando se quere tematizar unha oración.
*This book, I dislike.
It is this book that I dislike.

Aquelas nas que os dous eixos están separados pero interrelacionados, como o galego, de modo que se ben calquera función sintáctica pode funcionar de tema, este adoita ser o suxeito.
A panadeira fixo o pan.
O pan fíxoo a panadeira.

O próximo venres continuamos coas estratexias polas cales podemos variar a orde normal da oración para dar énfase a aquilo que queremos destacar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario