11 ene 2011

LDK 83: O cornizó ou caruncho.

O cornizó ou caruncho é un fungo que infecta a diversos cereais, nomeadamente ao centeo. O cornizó ten diversas propiedades medicinais, sendo empregado como vasoconstritor ou como abortivo.



Do cornizó, e máis concretamente dos seus alcaloides, obtense dun xeito semisintético o LSD. O LSD é un alucinóxeno que causa variacións na percepción visual e auditiva, así como sinestesia.

A inxesta continuada de pan contaminado con este fungo causa a enfermidade coñecida como ergotismo ou lume de Santo Antonio. O ergotismo causa convulsións e gangrenas, puidendo causar amputacións e a morte. Segundo a Wikipedia, a relación entre o ergotismo e o caruncho foi demostrada por Thuillier en 1670.

O ergotismo relaciónase con varios fenómenos históricos:

Dunha parte, o feito de que os pacientes que padecían ergotismo en fases temperás fosen curados ao acudiren a un mosteiro e comer pan de trigo e non de centeo, reforzou a posición da Igrexa Católica en Europa Occidental ao pensar que estas curacións eran por orixe divina.

Doutra parte, atribuíuselle ao cornizó a orixe de fenómenos como os misterios de Eleusis ou os feitos que causaron os famosos xuízos ás bruxas de Salem. Este último caso foi examinado nun artigo da antropóloga e etóloga Caporael en Science, aínda que a súa teoría é bastante controvertida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario